O 99% dos pacientes non desenvolve cancro colorrectal nos cinco anos posteriores á extirpación de pólipos

No ensaio clínico participaron 640 usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo

O servizo do Aparello Dixestivo da Área Sanitaria de Vigo participa nunha investigación europea multicéntrica de vixilancia de pólipos de colon no estudo do cancro colorrectal. Trátase da maior investigación mediante ensaios aleatorizados efectuada no mundo neste campo, que inclúe 21.000 pacientes con pólipos de 52 hospitais de oito países europeos. O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo achegou 640 pacientes a este estudo.

En concreto, son dous proxectos —EPOS II e EPOS III— que teñen por obxecto encontrar datos sobre o risco de cáncro colorrectal en pacientes tras a extirpación de pólipos de colon (adenomas avanzados e serrados) e determinar cales son os intervalos temporais máis adecuados de vixilancia endoscópica. Os resultados intermedios acaban de publicarse na prestixiosa revista New England Journal of Medicine.

Publicidade

Ampliar ata cinco anos a primeira colonoscopia de vixilancia

Segundo explica a dixestóloga e investigadora deste estudo Luisa de Castro, “un dos principais resultados deste estudo confirma que máis do 99 % dos pacientes non desenvolveu un cáncro colorrectal nos 5 anos posteriores á extirpación dos pólipos. Esto levaranos a reformular os intervalos das colonoscopias de revisión de pólipos».

E precisamente esta é outra das principais conclusións desta investigación. Os pacientes os que se lles extirparon adenomas colorrectais de alto risco poderían someterse á primeira colonoscopia de vixilancia, de xeito seguro, cinco anos despois do procedemento, en vez dos tres anos recomendados actualmente en moitas guías clínicas. A efectividade e seguridade desta proposta será confirmada ao remate dos estudos no ano 2030.

Publicidade

“Trátase dunha conclusión moi importante que suporá un cambio nas guías clínicas e que pode ter gran repercusión, xa que permitirá reducir un 50% as colonoscopias de vixilancia, que na actualidade representan unha gran carga asistencial, esixen moitos recursos dos sistemas de saúde, e pode ser incómodo e gravoso para os pacientes” explica a doutora Luisa de Castro.

Pólipos precursores do cancro colorrectal

O cancro colorrectal é un dos tumores máis frecuentes. Cada ano diagnostícanse aproximadamente 1,9 millóns de persoas no mundo. Na Área Sanitaria de Vigo son 450 casos. Moitos deses tumores desarróllanse a partir das lesións precancerosas coñecidas como pólipos colorrectais. Entre os máis habituais encóntranse os adenomas, que poden detectarse e extirparse durante unha colonoscopia.

Cando estes adenomas presentan características asociadas a un maior risco, os pacientes entran en programas de vixilancia con colonoscopias periódicas, que ata agora eran cada tres anos. “Esta recomendación baseábase principalmente en estudos observacionais e en ensaios clínicos de pequeno tamaño, o que explicaba a necesidade de dispor de evidencia máis sólida. De aí a importancia deste grande estudo internacional que, sen dúbida, vai cambiar a nosa práctica clínica”, reitera Luisa de Castro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Álvaro Cunqueiro realiza o implante pioneiro dunha nova válvula para tratar a insuficiencia aórtica

O dispositivo está deseñado especificamente para o tratamento desta patoloxía e emprégase por primeira vez en España

Unha tese galega explora o potencial inmunomodulador e neuroprotector do litio fronte á covid-19

A investigación identifica cambios en biomarcadores inflamatorios e parámetros inmunolóxicos en pacientes tratados co fármaco

Os pesticidas, baixo sospeita no aumento do cancro de colon en adultos novos

Investigadores analizan por primeira vez o papel de factores ambientais e de estilo de vida mediante patróns de modificacións no ADN

O diagnóstico temperán é clave no cancro colorrectal: a supervivencia pode acadar o 90%

O tumor sitúase entre os de maior impacto en España, pero o seu prognóstico mellora de forma drástica cando se identifica a tempo