Un proxecto da UVigo sérvese da IA para mellorar a detección de cancro colorrectal

A rede AI4PolypNet está formada por oito grupos de investigación de Galicia, Estremadura, País Vasco e Cataluña

Este pasado martes a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense acolleu a primeira xuntanza de traballo da rede estatal AI4PolypNet, creada para mellorar os sistemas de detección e diagnose de cancro colorrectal empregando intelixencia artificial. Nela, oito grupos de investigación de Cataluña, Estremadura, País Vasco e Galicia únense para optimizar experiencia, recursos técnicos, humanos e de datos e avanzar cara ao desenvolvemento de propostas integradoras capaces de responder aos retos desta enfermidade.

Rede temática enfocada no desenvolvemento e validación de sistemas de soporte ao diagnóstico de cancro colorrectal usando intelixencia artificial (AI4PolypNet) está financiada pola Agencia Estatal de Investigación (Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades) na convocatoria 2022 de Redes de Investigación. Está formada por oito grupos de investigación, catro deles de perfil clínico e catro de perfil técnico, así como entidades de diferente natureza (tres universidades, un centro de investigación e catro hospitais/servizos de saúde) que acumulan unha dilatada experiencia no eido temático da rede.

Publicidade

Da Universidade de Vigo participa o Grupo de Sistemas Informáticos de Nova Xeración (SING), que conta cunha ampla traxectoria no desenvolvemento e aplicación de técnicas e métodos de intelixencia artificial para a resolución de problemas en bioinformática, biomedicina e informática médica. Entre os seus proxectos están PolyDeep e PolyDeepAdvance, feitos en colaboración co grupo Giodo, para o desenvolvemento, validación clínica e acceso ao mercado dun sistema CAD baseado en IA para a detección e clasificación de pólipos colorrectais durante as endoscopias.

Membros da rede na súa xuntanza en Ourense. Foto: DUVI

Tamén compoñen a rede o Grupo de Oncoloxía Dixestiva de Ourense-Giodo (Servizo Galego de Saúde); o Centro de Visión por Computador da Universidade Autónoma de Barcelona (coordinador); o Grupo de Investigación en Oncoloxía Gastrointestinal e Pancreática do Hospital Clinic de Barcelona; a Fundación Centro de Cirurxía de Mínima Invasión Jesús Usón (Cáceres); o Servizo de Aparato Dixestivo do Hospital Universitario de Cáceres; o eVIDA Research Group da Universidade de Deusto e Osakidetza.

Publicidade

Definir as necesidades clínicas

O cancro colorrectal, explican desde a rede, é un dos de maior incidencia mundial, diagnosticándose 1,93 millóns de novos casos ao ano e alcanzando as cifras de mortalidade os 916.000 pacientes en 2020. A pesar desta elevada incidencia, sinalan, estudos a grande escala demostran que máis do 90% dos casos teñen cura se a súa lesión precursora, o pólipo precanceríxeno, se detecta e extrae a tempo. A colonoscopia segue sendo o único procedemento que permite detectar e tratar a lesión nunha soa intervención, mais, apuntan as e os investigadores, “non é unha técnica perfecta e, segundo informes, case un 22% das lesións non son detectadas durante a exploración”.

Durante a última década, e grazas aos avances en materias como a aprendizaxe computacional e a visión por computador, realizáronse distintos esforzos para desenvolver métodos baseados en intelixencia artificial e sistemas intelixentes co obxectivo de dar soporte ao persoal clínico na detección e diagnóstico do cancro colorrectal. Porén, engaden, o potencial dos métodos baseados en intelixencia artificial vese limitado por diversos factores, como a escaseza de datos anotados.

Neste marco de traballo, a rede une experiencia, recursos e esforzos de diferentes grupos de traballo técnicos e clínicos co fin de “definir de maneira clara as necesidades clínicas reais e o modo en que os datos teñen que ser recollidos e anotados para que os diferentes métodos desenvolvidos alcancen todo o seu potencial, tendo en conta por primeira vez aqueles requisitos que deben cumprirse para un despregamento e uso efectivo na sala de exploración”. É preciso, apuntan desde AI4PolypNet, “definir uns protocolos comúns de adquisición e anotación de imaxes que permitan ao persoal investigador contar cunha cohorte de datos ampla e variada”. Ademais, engaden, hai que definir sistemas de validación uniformes, que permitan asegurar o bo rendemento dun método de cara ao seu uso en pacientes reais, e “definir un conxunto de boas prácticas de cara ao uso destes sistemas na sala de exploración”.

Ao longo da sesión celebrada no campus, os membros da rede abordaron o estado actual de AI4PolypNet, que arrancou a súa actividade o pasado verán aínda que esta é a súa primeira xuntanza de traballo presencial; os retos clínicos e técnicos aos que se enfronta a intelixencia artificial no ámbito da imaxe de colonoscopia, as metodoloxías técnicas para detección e clasificación de pólipos nestas imaxes e as bases de datos para adestrar e avaliar métodos de intelixencia artificial neste eido. O camiño cara un libro branco da intelixencia artificial no ámbito de imaxe de colonoscopia e a planificación de próximas actividades da rede foron outros dos temas abordados na cita.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do CINBIO a Sudáfrica para estudar a recombinación da covid: historia dunha viaxe

O grupo CME da UVigo leva anos estudando a evolución dos virus a través da bioinformática e centra parte dos seus estudos na monitorización do SARS-CoV-2

Revolución cuántica dende Vigo: así será a cátedra de computación óptica

A iniciativa da UVigo, co apoio de Zona Franca, crea un laboratorio pioneiro para desenvolver microprocesadores baseados en fotóns e transferir ao tecido empresarial galego

O océano do futuro estúdase en Vigo: dúas décadas construíndo un referente europeo da investigación mariña

O Centro de Investigación Mariña da UVigo celebra o seu décimo aniversario xunto ao vixésimo da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla. Por Daniel Rey, do CIM

O alumnado sénior da UVigo convértese en embaixador da ciencia en cafetarías de Pontevedra, Vigo e Ourense

Estudantes do Programa Universitario de Maiores impartirán charlas divulgativas en locais de encontro das tres cidades galegas