Detectar cancro colorrectal a través das feces? Así o estuda un equipo da Coruña

O seu último estudo defende que un grupo de bacteriais orais implicadas en doenzas como a periodontite serven como biomarcadores tumorais

Imaxina un test capaz de diagnosticar o cancro colorrectal a través dunha mostra de feces. Sería unha alternativa non invasiva, sen efectos secundarios e coa garantía de detectar o tumor incluso en estadíos preliminares. Este é o obxectivo que persegue un proxecto dirixido pola microbióloga Margarita Poza. Os seus últimos estudos corroboraron que algunhas bacterias orais como Parvimonas micra, asociada á enfermidade periodontal, poden servir como biomarcadores do cancro de colon e recto. “Demostramos que se transloca dende a cavidade oral ata o intestino promovendo a carcinoxénese”, apunta a científica do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) e da Universidade da Coruña (UDC).

Na súa última investigación, enviada á revista Molecular Oncology e á espera da revisión por pares, describen varios biomarcadores bacterianos do cancro colorrectal detectables en mostras de feces. “Hoxe, para diagnosticar este tipo de cancro faise unha proba de sangue oculta en feces e se das positivo fanche unha colonoscopia. Esta é unha proba invasiva, que require preparación, que é moi molesta para o paciente e que implica unha importante carga asistencial”, sostén a microbióloga. Neste último estudo, o equipo suxire que cunha simple PCR das feces se pode detectar a presenza de cancro colorrectal. “Cun test de PCR en feces poderíase identificar unha colección de bacterias orais que teñen potencial como biomarcadores do cancro de colon en estadíos temperáns. Pero tamén poderiamos detectar bacterias que indicasen todo o contrario: a boa saúde intestinal”, continúa Poza.

Publicidade

“Queremos validar o estudo nunha poboación de 500 pacientes en Galicia”

MARGARITA POZA, microbióloga e autora do estudo

O seguinte paso é conseguir financiamento para validar estes biomarcadores bacterianos e, para iso, colaborarán con equipos oncolóxicos de toda Galicia e de todos os hospitais públicos galegos. “Queremos probalo nunha poboación de 500 pacientes para confirmar que, efectivamente, detectamos o cancro de colon ou, no seu defecto, a boa saúde intestinal, a través destes biomarcadores”, engade a microbióloga do INIBIC e da UDC. Margarita Poza incide en que as bacterias orais identificadas “teñen bastante valor preditivo” segundo os modelos estatísticos que recollen no estudo. “Se só falaramos dun ou dous marcadores non terían tanto valor, pero si no seu conxunto”, recalca.

Gráfico explicativo de como a bacteria oral Parvimonas micra se acumula na boca e viaxa ata o intestino.

O proxecto no que se describen os novos biomarcadores está financiado polo Instituto de Saúde Carlos III e pola Asociación Española contra o Cancro (AECC) e conforma a tese de Kelly Conde, que se presentará proximamente. Ademais, detrás desta iniciativa que busca asociacións entre o cancro de colon e as bacterias orais hai un equipo multidisciplinar conformado por microbiólogos, enxeñeiros, oncólogos, patólogos, cirurxiáns e estatísticos. De feito, os últimos estudos publicados forman parte dun conxunto de investigacións máis amplas. Hai un ano, por exemplo, probaron como a bacteria oral Parvimonas micra viaxaba aos tumores e colaboraba no desenvolvemento dun ambiente axeitado para as células canceríxenas.

Publicidade

Unha alternativa aos métodos tradicionais

O proxecto que lidera Margarita Poza podería ser, no futuro, unha alternativa ou complemento aos métodos tradicionais de diagnóstico do cancro colorrectal. “Tarde ou cedo, se mostras indicios de cancro colorrectal vas ter que pasar pola colonoscopia. Estes novos biomarcadores bacterianos constituirían un gran apoio e axuda ao diagnóstico“, di a microbióloga. A experta do INIBIC e da UDC cre que debería ser unha metodoloxía ben acollida porque, en contra doutras técnicas habituais, non é invasiva. “Non causa ningún problema no paciente, ningún risco, porque as feces son o punto de partida”, apunta a investigadora galega. O obxectivo, explica, é comezar coas validacións o antes posible pero a prioridade agora mesmo é a obtención do financiamento.

“O nosa proba non causa ningún problema no paciente nin supón ningún risco”

MARGARITA POZA, microbióloga e autora do estudo

Sexan cales sexan os resultados da súa investigación, Poza aconsella manter unha boa hixiene bucal. As bacterias orais a estudo están relacionadas con problemas como a periodontite e a xenxivite. E, segundo apunta a investigadora, “está moi claro” que a saúde bucal, sobre todo a enfermidade periodontal, relaciónase coa aparición do cancro colorrectal. “Suxerimos que a presenza de doenzas orais deste tipo poden ser un risco importante de padecer este tipo de cancro”, conclúe a experta. Polo tanto, ao abeiro das evidencias científicas e máis alá dos métodos que se desenvolvan para mellorar o diagnóstico dos tumores colorrectais, hai unha tarefa pendente e ineludible para reducir o risco e protexerse a unha mesma: manter unha boa e estrita hixiene bucal.


Referencia: Parvimonas micra can translocate from the subgingival sulcus of the human oral cavity to colorectal adenocarcinoma (Publicado en Molecular Oncology)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os pesticidas, baixo sospeita no aumento do cancro de colon en adultos novos

Investigadores analizan por primeira vez o papel de factores ambientais e de estilo de vida mediante patróns de modificacións no ADN

O diagnóstico temperán é clave no cancro colorrectal: a supervivencia pode acadar o 90%

O tumor sitúase entre os de maior impacto en España, pero o seu prognóstico mellora de forma drástica cando se identifica a tempo

Unha nova esperanza para deter a metástase no cancro dende A Coruña

O proxecto Canther do INIBIC, co apoio do programa Ignicia da Xunta de Galicia, impulsa un fármaco pioneiro que podería frear a propagación tumoral en cancro de colon, gástrico e de pulmón

Un estudo relaciona unha toxina bacteriana coa “epidemia” de cancro colorrectal en adultos novos

A investigación liderada por un galego indica que a enfermidade podería ser a principal causa de morte por tumores en xente moza en 2030