Un equipo da Coruña crea un modelo en 3D para entender a endometriose e mellorar o seu diagnóstico

O obxectivo é comprender as características moleculares da enfermidades para probar novas dianas terapéuticas e identificar biomarcadores que axuden na súa detección

As regras dolorosas e a dor pelviana son dous síntomas frecuentes dunha enfermidade sen unha orixe clara nin un método estandarizado de diagnóstico. A endometriose é unha doenza crónica que afecta aproximadamente o 10% das mulleres en idade reprodutiva. A súa detección pode retrasarse ata unha década e os únicos tratamentos farmacolóxicos dispoñibles están destinados a paliar os seus síntomas. Co obxectivo de entender a enfermidade e mellorar o seu diagnóstico mediante métodos non invasivos, un equipo da Universidade da Coruña (UDC) está a traballar nun modelo tridimensional que reproduce as características moleculares da endometriose e que serve para probar novas dianas terapéuticas e identificar biomarcadores da doenza.

A investigación partiu dun primeiro estudo proteómico no que o equipo empregou mostras de lesións causadas pola endometriose, así como tecidos de mulleres sas. “Ese primeiro ensaio serviunos para identificar proteínas que poden ser dianas terapéuticas para futuros fármacos ou marcadores que nos axuden a diagnosticar a enfermidade”, sinala Cristina Varela, investigadora do Centro Interdisciplinar da Química e Bioloxía (CICA) da UDC e do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC). A análise das mostras permitiu identificar 7.039 proteínas, das 134 mostraron potencial como dianas terapéuticas e/ou biomarcadores.

Publicidade

Nova liña celular

Un dos principais desafíos da investigación é a falta de mostras para estudar a endometriose, polo que Varela e o seu equipo tiveron que buscar alternativas para validar os seus resultados. Para iso, decidiron crear unha liña celular con células nai mesenquimais e fibroblastos endometriais, dous tipos de células presentes no endometrio. “Facémolas medrar nunha matriz sólida para que se agrupen dentro da estrutura tridimensional ao longo de 21 días. Así, creamos un modelo de endometrio in vitro”, explica Varela, tamén investigadora predoutoral do Programa Galicia Investiga Igualdade.

Despois de tres semanas, os organoides resultantes da agrupación de ambos os dous tipos de células recóllense e valídanse con marcadores da endometriose xa coñecidos. O obxectivo é ver se o modelo en 3D funciona con evidencias científicas demostradas. O seguinte paso do equipo, unha vez que o modelo in vitro estea validado, é probar as 134 proteínas identificadas e determinar se poden ser consideradas dianas terapéuticas ou biomarcadores. A meta é contribuír ao desenvolvemento de tratamentos máis eficaces contra a enfermidade e métodos de diagnóstico que sexan menos invasivos que a ecografía transvaxinal ou a resonancia, habitualmente empregados para a detección da enfermidade.

Publicidade

Unha enfermidade sen orixe clara

O traballo de Varela é un paso máis para entender a doenza dende o punto de vista molecular. Non obstante, a investigadora da UDC recoñece a dificultade que entraña a súa investigación. “É moi difícil de diagnosticar porque moitas mulleres non presentan ningún síntoma. Tampouco existe unha forma clara de diagnóstico e os únicos tratamentos dispoñibles serven para reducir os niveis de estróxeno ou son antiinflamatorios para reducir a sintomatoloxía”, explica a experta. Outra das opcións máis empregadas é a cirurxía, mediante a que se eliminan as lesións endometriosas.

Os síntomas que presentan as pacientes poden ser moi variados —e incluso non desenvolvelos—. Dende regras e relacións sexuais dolorosas, ata dores pelvianas crónicas ou durante a ovulación. Tamén pode aparecer dor durante as deposicións, con alteracións no ritmo intestinal en forma de diarrea ou estrinximento. As molestias poden presentarse, ademais, durante a micción, e aparecer sangue nas feces ou nos ouriños. Incluso hai quen ten dor torácica ou por afectación das raíces nerviosas, como a ciática. Tamén pode causar problemas de fertilidade. A maior incidencia da preséntase entre mulleres de 35 e 45 anos.

“As dores poden ser incapacitantes durante a menstruación e as relacións sexuais”, sostén Varela. Mais un dos aspectos máis rechamantes da endometriose é o seu gran retraso diagnóstico, cunha tardanza que se pode dilatar ata 10 anos. O motivo polo que o tecido endometrial se desenvolve na pelve ou noutras zonas do corpo, e non dentro da cavidade uterina, é aínda un misterio. Dende o CICA e o INIBIC están a afondar nos mecanismos moleculares dunha doenza moi descoñecida aínda, co obxectivo de mellorar o seu diagnóstico e tratamento. E quen sabe se, no futuro, descubrir a orixe e, por que non soñalo, unha cura.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto da UDC propón un kit impreso en 3D para previr lesións asociadas ao uso do teclado e do rato

Doralys Torriente Aguilar deseñou unha solución ergonómica para exercitar e fortalecer as mans, os pulsos e os antebrazos mediante seis exercicios

O avance do piñeiro ameaza a caramiña, unha das xoias naturais das dunas galegas

Unha investigación constata que os piñeirais reduciron un 61,5% o ecosistema da Praia de Trece dende 1956 e dificultan a supervivencia da especie

A propulsión nuclear, a exame como alternativa para descarbonizar o transporte marítimo

Unha investigación do CITENI analiza os riscos dos reactores de sales fundidas para a súa posible aplicación nos buques do futuro

Os mapas da xentrificación en Galicia: estes son os barrios máis afectados

Un novo estudo identifica as áreas máis vulnerables en Vigo, A Coruña e Santiago e describe a reconfiguración das tres urbes nun período de seis anos