Non estaban tolas

O 4 de setembro de 2018, Clara recibiu a alta do servizo de psiquiatría de Conxo. Sempre que fala do tema, lembra que a doutora a mirou cun sorriso e lle confesou que aquel martes era un bo día: “Case nunca dou altas”. Clara nunca estivo ingresada, pero ao longo de dous anos acudiu con frecuencia ás súas revisións. Fóra daquela última doutora de ollos cálidos, sempre atopou un muro de seriedade e distancia. Aquela época non foi doada, pero aquel día sentiuse inmensamente feliz. Ela tamén saíu de Conxo cun sorriso. Por fin.

A primeira vez que pisou o centro de saúde do psiquiátrico, a sala de espera estaba chea e apenas había sitio onde sentar. Unha muller loira non paraba de tremer mentres secaba as bágoas cun pano. Clara sempre conta que se fixou en todos e cada un dos rostros daquela habitación e imaxinou a batalla que estaría a librar cada un. Pero, sobre todo, preguntouse se ela conseguiría gañar a súa. 

Publicidade

Ata aquel momento, o psiquiátrico de Conxo, en Santiago de Compostela, fora un edificio impoñente e, en certo modo, fantasmagórico. Unha monumental e histórica infraestrutura de pedra que sempre resultaba un enigma. Cando o médico de cabeceira lle recomendou ir ao psiquiatra, Clara sentiu medo. O primeiro que pensou foi: “Eu non estou tola”. Tiña tan só 20 anos e estaba en cuarto de carreira. E o único que se repetía a si mesma era que non pasaba nada. O único que quería era mellorar, sentirse de novo ela mesma. 

Clara non sabe o que é ingresar nun psiquiátrico, pero si ir ao psiquiatra. Non entrou nas habitacións de Conxo, nin paseou polos seus corredores. Non imaxina a vida nin os medos, nin as ganas de saír e recuperarse dos internos. Só sabe, de forma moi sucinta, o que é medicarse por un problema de saúde mental. O que é falar abertamente de ir ao psiquiatra para romper tabús na familia, coas amizades e, o máis importante, cunha mesma.

Publicidade

Cando leu os testemuños das vítimas de violencia machista que a investigadora Noelia Valiño recompilou nun estudo tras revisar miles e miles de historias clínicas do psiquiátrico de Conxo, sentiu ganas de chorar. Imaxinou a cada unha delas sentada fronte ao médico —home, por suposto, estamos a falar do franquismo—, escudriñar o seu rostro serio, talvez acusador. E a desesperación de cada unha das que non estaban tolas, tan só eran vítimas dunha violencia sistemática, continuada e aterradora. 

O curioso do estudo de Noelia, do que nos fixemos eco en GCiencia, é que a maior parte dos testemuños de violencia machista non aparecían recollidos nas historias clínicas das pacientes, senón dos seus homes. Eles eran os que ingresaban por mor —na maior parte dos casos— dun trastorno da conduta por alcohol. Durante as entrevistas anteriores á súa hospitalización, as declaracións da muller e dos familiares deixaban claros os brutais episodios de agresións físicas, verbais e psicolóxicas que vivían moitas delas. A única forma de liberdade, nun momento no que non existía o divorcio, era que os maridos ingresasen no psiquiátrico.

Ler os testemuños xea o sangue. A Guadalupe intentou matala o seu home tirándoa polas escaleiras. Flora foi apuñalada e a Esmeralda perseguiuna o seu marido cun coitelo. Cada un dos nomes que Noelia rescata son ficticios, para protexer a identidade das vítimas, pero as súas historias son tan reais que unha desexaría que fosen ficción. A brutalidade das agresións é indiscutible. Quedaría por explorar unha pegada aínda máis dificíl de rastrexar: a violencia psicolóxica. As presións ás que estaban sometidas, o dobre de traballo que debían facer para manter ás familias e compensar as perdas económicas do alcoholismo. Tamén hai unha violencia económica detrás de cada un de todos estes casos. 

Os testemuños documentados por Noelia transcorreron no franquismo, entre 1937 e 1973. Hai quen pensará que sacar estes casos á luz é anacrónico. Sobre todo se defende que con Franco se vivía mellor. As redes sociais, os xornais e as rúas están pragadas de mensaxes que reforzan un pensamento de ultradereita que dana as mulleres e socava os seus dereitos. Sen ir máis lonxe, esa lei ideada por unha muller, a do concibido non nado, que Feijoo pretende rescatar como medida nacional estrela é, sen lugar a dúbidas, a antesala para prohibir o aborto. Eu, que sempre me refuxio na lectura, aconséllovos botarlle un ollo ao testemuño brutal de Annie Ernaux. A ver que pensades despois de ler El acontecimiento.

E como esquecer que no que levamos de 2026, 25 mulleres foron asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas. Homes, por suposto. 25 mulleres en seis meses e medio. 

As cifras son aterradoras. Dan medo. Pero é máis fácil marcar distancia cando nos enfrontamos a un número e non a un nome. Hai outras que non faleceron, pero a pegada da violencia machista quedou impregnada nelas para o resto da súa vida. Penso de cando en cando, sobre todo cando se celebra San Fermín, na vítima da Manada. Aquel caso de 2016 marcoume, como imaxino que deixou un pouso profundo en toda a miña xeración. A Clara tamén lle quedou tatuada a historia desa rapaza anónima, que un día saíu de festa, que foi agredida sexualmente por cinco homes, e que se tivo que enfrontar a un debate mediático e xudicial noxento. Canto nos queda por aprender. 

Clara puido ser ela. Agora xa o ten asimilado, pero durante anos non puido falar deste episodio sen sentir dor na boca do estómago. Na primavera de 2018 saíu á luz a famosa sentenza da Manada. É un detalle importante naquel Madrid no que ela estaba a traballar. Naquel Madrid no que unha noite subiu ao último metro despois de cear coas súas amigas. Naquel Madrid no que quedou soa no vagón con outros seis homes, de idade semellante a ela, que a miraron obscenamente e lle berraron unha frase gravada para sempre na súa memoria: “Somos la Manada”.

Saíu do metro e sentiu o seu alento no pescozo. Escoitou os comentarios deles, detrás, moi pegados, describindo con luxo de detalles o que lle ían facer cando saíran da estación. Pero unha garda xurado —repito, muller— decatouse da situación. Freounos, impúxose, e Clara puido escapar. Chegou á casa, chorou. E chorou moitas veces máis pensando no que puido ter pasado aquel día de 2018.

Aqueles rapaces eran españois, por se alguén decide apelar a prioridade nacional.

O episodio vivido por Clara non é, por desgraza, illado. Podo compartir a súa historia, porque ela así o desexa, pero ten constancia de tantos outro casos entre amigas, e amigas de amigas. De violencia física, verbal e psicolóxica no ámbito da parella, con homes cos que non hai unha relación formal, incluso nas discotecas. Un acompañarte á casa sen que o pidas, un piropo desacertado, un tocar sen permiso. E iso é o máis leve que unha pode mencionar. 

Cando lin os testemuños de Jacinta, Flora, Hortensia e todas as demais, pensei en Clara. Cantas décadas separan a unhas e a outras. Canto queda aínda por facer, por loitar, por enfrontarse. Canto queda aínda por berrar na rúa, na casa, nos espazos máis íntimos, nos máis públicos e nos que están reservados a unha mesma. Canto queda. Que difícil é gañar dereitos e que fácil perdelos.

Herminia, Juana, Agripina e todas as demais non estaban tolas. Como non o estás ti por ir ao psiquiatra, por medicarte a causa dunhas precarias condicións laborais, por non ter acceso a unha vivenda digna ou pola difícil situación familiar ou de saúde que atravesas. Ante o estigma, testemuños. Falar abertamente das feridas da alma, que non se ven, pero están aí. E contar os relatos de violencia que tantas mulleres, aínda en pleno século XXI, en 2026, seguimos sufrindo.

Se chegaches ata aquí, Clara non existe. Ou si, porque son eu.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Radiografía do lume

Os incendios da Comunidade de Madrid e da provincia de Álava foron emerxencia nacional, e isto é o que aprendimos dos lumes de agosto de 2025 en Galicia. Por Andrea Veiga

“Perdeu a vista nun ollo pola malleira”: a pegada da violencia machista no arquivo do psiquiátrico de Conxo

A investigadora da USC Noelia Valiño rescata 23 historias clínicas que recollen evidencias das agresións físicas, verbais e psicolóxicas sufridas por mulleres entre 1937 e 1973

Atención: carrachas!

Confirmada a circulación en Galicia do virus da encefalite transmitida por carrachas

Tremor no Caribe

Dous terremotos sacoden Venezuela e deixan un balance catastrófico con 1.450 falecidos e 3.150 feridos. Por Laura Filloy