Espertar chea de suor. Nin por calor, nin por durmir con mantas. Simplemente porque si. Abrir os ollos unha noite ás tres da mañá, pechalos. Volvelos a abrir e que só pasaran sete minutos. O corpo concentra a graxa na zona do abdome: non é engordar, pero o corpo ten un plan novo. Hai unha semana os vaqueiros pechaban perfectamente; hoxe, xa non. Entrar na cociña, quedar parada e non saber que facer. Volver ao salón e, cinco minutos despois, lembra o vaso que fora a buscar. Súmanse traballar, cociñar, mercar, contestar mensaxes, citas e normalizar a situación. Son moitos síntomas curiosos reunidos baixo un nome bastante menos misterioso: a menopausa.
Forman parte do proceso de deterioración de tecidos polo que pasa a muller e que supón a interrupción definitiva da menstruación. De media, comeza arredor dos 45 e 55 anos; hai quen a experimenta de forma precoz, outras tardía. Pero todas as mulleres teñen unha conclusión: é un proceso especialmente difícil. E o único que queren é que exista medicación para ter unha mellor calidade de vida.
A subministración de medicamentos fronte a menopausa é un problema de actualidade: a finais de 2025 comezou o desabastecemento das terapias hormonais substitutivas (THS) en España. Lenzetto, Evopad, Estradot, Boltin. Tratan os síntomas, non son curativos. Aproximadamente400.000 mulleres están suxeitas a esta medicación. Esta semana escribín unha reportaxe para a que falei coas xinecólogas do Hospital Clínico de Santiago (CHUS) Cristina González Cea e Marta Silva: entre as dúas, concluíron que as posibles causas eran o aumento puntual da demanda, a falta de beneficios económicos das farmacéuticas e a desinformación da muller. Recomendo lela para coñecer a fondo a situación e todos os tipos de terapias que existen.
Como resumo, existe unha loita: as mulleres que cumpren os requisitos para receitar THC —un ano sen menstruar e datos clínicos menopáusicos— e deciden tomar o tratamento oral, ou quen solicita o transdérmico porque pensa que ten unha menor dose e menores efectos adversos. As xinecólogas coas que falei o teñen claro: é un erro, son exactamente o mesmo.
Aínda así, a pesar de todas as dificultades polas que pasa a muller durante o proceso, normalizouse a súa dor. “Normalizouse ter síntomas terribles”, dicíame a Dra. Marta Vila na entrevista. É algo evidente, tendo en conta que, segundo o informe do Centro de Estudos Políticos Europeos (CEPS, polas súas siglas en inglés), con datos entre 2021 e xullo de 2026, os proxectos de Horizon Europe relacionados coa saúde da muller constituíron o 2,65%, e tan só un 1,86% do total de todas as contribucións da Comisión Europea. Isto, nun contexto no que unha organización como a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición(AESAN) baseou o seu informe de nutrición na menopausa en datos exclusivamente de homes, algo do que xa falou a miña compañeira Laura Filloy hai uns meses.
Estímase que en 2026 hai 4.104 millóns de mulleres no mundo. Máis de 4.000 millóns de mulleres que, nalgún momento da súa vida, pasarán por esta fase. Soamente en Galicia, máis dun millón. Entón, —e inclúome— a investigación centrarase na menopausa nalgún momento ou cada xeración terá que vivir sempre baixo a incerteza?
Pasemos aos temas da semana.
⚫️ Un tesouro na Guarda A cooperativa Árbore Arqueoloxía descubre unha peza única no castro do Pico da Bandeira: unha rocha de granito que ten gravado un petróglifo por un lado e un trisquel polo outro. As pesquisas do equipo sinalan que a vivenda onde se atopou estivo ocupada entre o século I a.C. e I d.C. Poder ver as imaxes do achado nesta ligazón.

⚫️ Que é o virus Shamonda 🦠 Un home morre en Francia tras infectarse co virus Shamonda, converténdose no primero caso humano coñecido. Trátase dunha patoloxía que afecta a animais —gando vacún, pequenos ruminantes e cabalos— e transmítese a través de picaduras de Culicoides infectados, diminutos insectos voadores. As autoridades francesas anuncian que o paciente faleceu a principios de outubro e recibía tratamento por unha enfermidade grave. Coñece máis.
⚫️ A homoxeneización da ilustración (por culpa da IA) 🤖 Cando paseo pola miña vila, vexo carteis de festas gastronómicas feitos con intelixencia artificial. Con todo, é moi sinxelo identificalos: cores e composicións saturadas, imaxes hiperrealistas, tipografías e estilo similares. Así explica a situación actual investigadora da UDC Iria María Santos López en The Conversation.

Recomendación semanal 🪶
Parece que a directora Olivia Wilde, xunto aos seus guionistas Will McCormack e Rashida Jones, léronme a mente sabendo que ía escribir este Ciencia en confianzaarredor da menopausa. O xoves, aproveitando a Festa do Cine, fun ver The Invite, a nova película protagonizada por Penélope Cruz, Seth Rogen, Edward Norton e Olivia Wilde. Na primeira hora aparece unha das miñas escenas favoritas: Penélope Cruz fala sobre a perimenopausa, a etapa de transición previa á menopausa. Isto vén cun pequeno spoiler.
“Enfádame tanto cando tanta xente a día de hoxe fala de sufocacións como o único problema. É un serio cambio neuroendocrino que afecta a todo: a memoria, a saúde cardiovascular e o metabolismo, pero non se trata diso”. Estas son as palabras de Pina, personaxe que interpreta a española. Despois de que Joe (Seth Rogen) se rira da súa muller por estar pasando por esta etapa entre queixos, gastar diñeiro en artigos do fogar e queixarse do seu marido, ela contesta: “Sabía que ías facer unha broma sobre isto”.
E así, nunha película de pouco máis dunha hora e media, a directora —claramente unha muller— atopa un oco dentro da súa filmografía para introducir na conversa un tema tan tabú como a menopausa. Bravo, Ms. Wilde.
Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.














