A UDC participa na creación dunha compresa intelixente para mellorar a detección da endometriose

Un equipo do CICA colabora nun proxecto europeo para identificar sinais temperás da enfermidade a partir de análises do fluxo menstrual

A endometriose afecta aproximadamente a unha de cada dez mulleres en idade reprodutiva en todo o mundo. Porén, a pesar da súa elevada prevalencia, continúa sendo unha enfermidade infradiagnosticada e difícil de detectar. O tempo medio para obter un diagnóstico sitúase arredor dos 7,5 anos desde a aparición dos primeiros síntomas, aínda que en moitos casos a espera pode prolongarse ata unha década.

Co obxectivo de contribuír a reducir eses tempos de diagnóstico, a Universidade da Coruña (UDC) participa no proxecto europeo SENSOPAD a través do grupo NANOSELF do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA). Esta iniciativa busca desenvolver novas ferramentas capaces de detectar sinais temperás da enfermidade a partir da análise do fluxo menstrual, unha fonte de información biolóxica con gran potencial para o diagnóstico precoz.

Publicidade

O proxecto combina dúas tecnoloxías complementarias. A primeira consiste nunha compresa intelixente capaz de detectar proteínas asociadas á endometriose directamente durante a menstruación e alertar a usuaria de posibles sinais da enfermidade. A segunda, denominada sensoMFgFET, é un dispositivo portátil baseado en grafeno capaz de identificar biomarcadores presentes nas mostras menstruais con gran sensibilidade.

Identificar os biomarcadores

Esta última tecnoloxía está a ser desenvolvida por Alejandro Criado Fernández, investigador Ramón y Cajal do CICA e especialista no deseño de sensores baseados en grafeno para aplicacións biomédicas. O dispositivo emprega transistores de efecto de campo modificados quimicamente para recoñecer biomarcadores específicos da endometriose e transformalos nunha sinal eléctrica medible. Grazas á extraordinaria sensibilidade do grafeno, o sistema podería detectar indicios da enfermidade en fases moi iniciais e mediante procedementos totalmente non invasivos.

Publicidade

A experiencia de Criado neste ámbito xa foi recoñecida a nivel europeo a través da coordinación do proxecto FLUFET, centrado no desenvolvemento de sensores avanzados para a detección de virus coñecidos e emerxentes. En SENSOPAD, esta tecnoloxía aplícase agora a un dos grandes retos da saúde feminina: reducir os anos de espera que separan a aparición dos síntomas dun diagnóstico fiable.

O proxecto non pretende substituír o diagnóstico médico, senón ofrecer ferramentas que permitan orientar máis rapidamente as pacientes cara a unha avaliación clínica especializada. Ao tratarse de tecnoloxías sinxelas, accesibles e non invasivas, os investigadores confían en que poidan contribuír no futuro a mellorar a detección temperá da endometriose e a calidade de vida dos máis de 190 millóns de mulleres afectadas por esta enfermidade en todo o mundo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UDC mide por primeira vez como cristalizan en décimas de segundo os polímeros semicondutores

O traballo desenvolve unha metodoloxía que permite calcular nun único experimento un proceso clave para fabricar materiais destinados á electrónica orgánica e ás células solares

Unha nova campaña arqueolóxica da UDC indagará na historia dun edificio achado no Castro de Esmelle

A intervención está impulsada pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial e conta coa participación de nove persoas expertas en patrimonio galego

Que revelan 11.000 anos de sedimentos sobre as chuvias de Galicia? Así o investigan dende a UDC

Un estudo liderado polo CICA analiza as ceras vexetais preservadas nun lago portugués para reconstruír a evolución da humidade no oeste peninsular

Laura Castro, Premio Nacional de Investigación: “A eólica mariña podería facernos enerxeticamente independentes”

A catedrática da UDC participa tres proxectos sobre enerxías renovables e defende o potencial de Galicia para desenvolver sistemas flotantes no mar