Tras os incendios do verán de 2025 que abrasaron gran parte da provincia de Ourense, comeza unha nova tempada de lumes. Os primeiros que superan as 200 hectáreas (ha) xa se rexistran en Galicia, tal e como advirte a Consellería do Medio Rural: por unha banda, o incendio de Padrón-Herbón (A Coruña), iniciado o venres 12 de xuño cunha estimación de máis de 350 ha queimadas; por outra, o lume de Boborás-Moreiras (Ourense), que comezou o día 13 e abrasou arredor de 250 ha. En ambos, a Xunta de Galicia activou a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación, pero tras o control de risco, puido desactivarse na tarde do luns 15 de xuño. Entre as principais hipóteses, o de Padrón puido ser froito dunha incidencia na liña eléctrica e, o de Boborás, por un raio. As investigacións seguen abertas.
“Empezamos a ter unha maior frecuencia de incendios cun cambio de tendencias“, sinala Juan Picos, profesor en Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo. Explica que, no caso de Herbón, existe compatibilidade entre dous factores polos que o salto das lapas foi significativo: o vento do sur e presenza de eucaliptos vellos.
A través de imaxes do satélite Sentinel de Copernicus, o investigador puido analizar a situación do incendio da Coruña, pero non do ourensán: o lume aínda seguía activo cando pasou por última vez, polo que o perímetro estaba tapado polo fume do incendio. Neste caso, a intensidade das lapas podería ter que ver cunha masa adulta de piñeiro. Ademais, tendo en conta a hipótese de que comezou por un raio, estes adoitan impactar contra sitios altos e pouco accesibles, polo que se suma a dificultade da extinción inmediata. “A aparición dunha columna sólida de fume moi pronto indica a dispoñibilidade da vexetación“, explica o tamén investigador da UVigo. A pesar de que probablemente houbo incendios simultáneos, este foi o único que se consolidou.
Análise do incendio de Padrón
Juan Picos sinala que o incendio de Padrón non é extraordinario dado o seu contexto: trátase dun monte que levaba 20 anos sen arder, probablemente dende o ano 2006. Así, puideron ser moitos os factores que alentaron o seu inicio, como a rexeneración da vexetación acumulada durante as dúas últimas décadas, un acceso limitado ao territorio e a onda de calor. Súmase que unha tormenta entrou no territorio de forma moi localizada, polo non chegou a chover sobre o incendio. “Son lumes que se están complicando e en seguida consolidan, a pesar de ser o 1% do de Larouco“, subliña Picos. A sorte, sinala, é que ocorreu de forma individual e non simultánea, unha situación que sería máis complicada de xestionar.
Neste lume destaca o vento de compoñente sur que trasladaba o fume cara a Santiago de Compostela, o que alarmaba a situación; unha tendencia cara a ondas de calor catalogadas por Juan Picos como “profundas e repentinas” en plena primavera; e vexetación moi dispoñible para arder. “Unha columna de fume tan negra como a que se xerou en Herbón significa que hai combustible pesado en combustión e combustible fino sen humidade”, explica.
Eucaliptos vellos: o problema está na casca
Segundo Juan Picos, a presenza de eucaliptos vellos na área afectada foi un elemento compatible co lume de Herbón. Esta árbore ten unha tendencia ao paveseo, é dicir, a propagar lapas durante un incendio forestal. Un dos motivos polos que isto ocorre é pola casca —aínda que as follas tamén o producen—: “Canto máis vello o eucalipto, máis casca e altura, e máis probabilidade de xerar pavesas”. Ademais, a casca é especialmente perigosa porque aguanta ben as lapas.
O que puido ocorrer foi que a vexetación estresada, como eucaliptos vellos e abandoados dende hai anos, impactase contra herbáceas na mesma situación. Por unha banda está o emisor, que son os eucaliptos, que poden caer incandescentes sobre o solo, onde a vexetación fina —receptora— está dispoñible para arder, xunto á situación meteorolóxica de calor. É un factor de risco, a pesar de non ser o único. “Na imaxe de Sentinel hai dous recintos disxuntos que coinciden con esta idea”, apunta Picos.
Incendios de agosto a principios de xuño
En Galicia, anteriormente, o habitual era experimentar incendios intensos cara ao final do verán, cando á vexetación lle faltaba auga, pero “agora vemos comportamentos intensos relativamente pronto“, apunta Juan Picos, como no lume de Padrón, xa estabilizado. Con todo, cada vez se perden máis os entretempos: hai veráns longos, pero a calor prolóngase ata outubro e as chuvias tardan en chegar. Pero Picos explica que “non é tan importante analizar un mes concreto como ver como os factores se consolidan ao longo do tempo”.
Así, a tendencia indica o seguinte: as ondas de calor chegan a finais de primavera e principios do verán, o que supón un risco potencial de incendios, sobre todo no noroeste peninsular. “Antes o mes de xuño era moi verde e as plantas tiñan moita auga; agora as reservas secan máis rápido“, apunta Picos. Pero hai un problema: a flora galega non deixa de medrar a pesar da falta de auga. Por iso, a vexetación estresada é un factor importante para explicar o comportamento do lume, xa que “a velocidade e a intensidade teñen que ver coa situación da vexetación”, segundo o investigador da UVigo. “É un comportamento duro para un incendio de xuño; sería esperable para máis adiante”, engade.
Desta forma, as evidencias vistas durante os últimos incendios, tanto no de Herbón como Borarás e nos lumes do verán de 2025, permiten interpretar como funciona o réxime de lumes en xeral, pero tamén por rexións. Para iso, Picos explica que se debe estudar a parte analítica, a situación meteorolóxica e, ademais, observar. “Un incendio de centos de hectáreas e que dure máis dun día xa é complexo“, indica, polo que a administración e a poboación se debe preparar para este tipo de tendencia, dende un punto de vista preventivo.
Un cambio no réxime dos incendios
“Os incendios son menos profundos e intensos durante o inverno, pero no verán rapidamente aparecen cun tempo máis quente e seco”, subliña Juan Picos. Así, a vexetación perenne segue a medrar, o que produce a acumulación de biomasa, e na primavera medran as plantas e a humidade nos tecidos vivos. Ese contido en humidade fai que a vexetación sexa menos susceptible a arder pero, no momento no que descenden os niveis, aparece a vexetación estresada. “Os efectos das ondas de calor do ano pasado seguen no territorio: o mato seco de xullo e agosto segue formando parte dos montes”, apunta. Con todo, a recuperación da humidade é un proceso moi lento.
Xa ás portas do verán, as zonas que máis preocupan son aquelas ubicadas en pendente e en zonas altas, con solos complicados para reter humidade polas consecuencias de incendios pasados. Nestas áreas, a retención de auga é menor e producirá que a vexetación medre en condicións máis secas: “Só algunhas plantas poden medrar en condicións desfavorables de seca”.
Normalmente, os ventos de nordés son secos en toda Galicia, agás cara ao norte, chegando con humidade á Mariña lucense. Con todo, a predominancia sur e as ondas de calor poden facer que estas zonas, ata agora protexidas, sexan cada vez máis castigadas. Herbón e Boborás son os dous primeiros “grandes” lumes da tempada, pero os servizos e a comunidade científica arredor destes eventos deben analizar as tendencias para advertir os sutís cambios que se producen nos ecosistemas, para poder actuar contra eles.














