Investigadoras galegas demostran que as queimas prescritas axudan os solos a resistir os incendios

Un estudo da Universidade de Vigo avala o procedemento como unha estratexia de xestión forestal sostible

As queimas prescritas repetidas no tempo e de baixa intensidade poden desempeñar un papel fundamental na resiliencia dos solos forestais fronte ao lume, o que contribúe á conservación da biodiversidade edáfica e ao mantemento do funcionamento dos ecosistemas. Así o demostra un estudo realizado por Raquel Juan Ovejero, investigadora de posdoutoramento no Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, en colaboración coas investigadoras Noela Carrera e Teresa Fontúrbel do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, pertencente á Xunta de Galicia.

Os achados reforzan a importancia de integrar as queimas prescritas na xestión forestal como unha estratexia eficaz para reducir a severidade dos lumes, conservar a biodiversidade do solo e manter o funcionamento dos ecosistemas forestais nun contexto de aumento do risco de grandes lumes asociado ao cambio global

Publicidade

Impacto dun lume de 2021

O traballo, no que se analizaron os efectos combinados das queimas prescritas e dos lumes forestais sobre o solo, desenvolveuse nun monte de piñeiros bravos (Pinus pinaster) no concello de Quiroga (Lugo), unha área que sufriu lumes forestais de maneira recorrente ao longo das últimas décadas.

Durante o estudo as investigadoras avaliaron o impacto dun lume ocorrido en 2021 nunha zona que fora sometida previamente a cinco queimas prescritas de baixa intensidade entre 1984 e 2017. Para iso, comparáronse parcelas sen lume, parcelas afectadas unicamente polo lume forestal e parcelas con historial de queimas prescritas previas seguidas do lume.

Publicidade

O traballo puxo o foco nas comunidades de mesofauna edáfica, formadas por pequenos invertebrados como ácaros e colémbolos e fundamentais para os procesos de descomposición da materia orgánica e ciclado de nutrientes. Así mesmo, tivéronse en conta as distintas funcións do solo (regulación hídrica, fertilidade, regulación climática e descomposición).

Mesofauna máis diversa e funcional

Os resultados amosan que os solos con historial de queimas prescritas mantiveron comunidades de mesofauna máis diversas e funcionais tras o lume, moi semellantes ás observadas nos solos non queimados, e presentaron tamén unha maior multifuncionalidade do solo. Pola contra, as parcelas afectadas exclusivamente polo lume forestal rexistraron os impactos máis negativos, sobre todo nas funcións relacionadas coa regulación climática e coa descomposición da materia orgánica.

Segundo explica a investigadora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, “esta maior capacidade de recuperación dos solos sometidos previamente a queimas prescritas está asociada a un efecto de memoria ecolóxica, que permite que a xestión previa do lume preacondicione o sistema edáfico e reduza os efectos negativos dos lumes forestais sobre procesos esenciais do ecosistema”.


Referencia: Repeated prescribed burning lessens subsequent wildfire impacts on soil mesofauna communities and soil multifunctionality in a maritime pine reforestation (Publicado en Journal of Environmental Management)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O TSXG denega á Xunta as batidas de control do lobo por falta de probas técnicas

A resolución consideran insuficientes os datos achegados e conclúe que non se acreditou un aumento de ataques

Un herbario do século XIX conserva a orixe da primeira flora sistemática de Galicia

Investigadores da Universidade de Barcelona analizan documentos de José Planellas que serviron para clasificar as plantas por familias, xéneros e especies

Un equipo da UVigo explora o uso da IA para verificar información con perspectiva de xénero

Un estudo comparativo conclúe que ChatGPT ofrece as respostas máis fiables entre catro modelos analizados e detecta alucinacións en DeepSeek

Sete meses tras os incendios de agosto: “A sucesión de borrascas era o peor escenario posible para o solo”

As precipitacións intensas e as conseguintes escorreduras complican a rexeneración dos montes queimados e alongan durante décadas o proceso