Os edificios que aínda quedan en pé están completamente integrados na paisaxe. Habitan as impresionantes ladeiras dos montes de Casaio, pero o paso do tempo vailles quitando vida. O seu interior está cheo de entullos e a maior parte dos teitos están derrubados. A vintena de edificios que se conservan, dos preto de setenta que houbo, son os únicos testemuños da antiga Cidade dos Alemáns. Así se coñecía popularmente a mina de volframio de Valborraz, unha explotación no medio e medio das montañas de Ourense que estivo controlada pola Alemaña nazi. A súa actividade cesou nos anos sesenta e, dende aquela, numerosos episodios foron minguando a paisaxe da antiga mina. O último: os lumes de agosto.
Os incendios que arrasaron a provincia ourensá durante o verán non só afectaron a masa forestal, senón que tamén levaron por diante aldeas enteiras e patrimonio de importante valor. A paisaxe de árbores núas e cinza que abraza agora a mina de Valborraz confírelle un aspecto de maior abandono, pese á enorme cantidade de vicisitudes que tivo que enfrontar nos últimos 50 anos como, por exemplo, o derrubamento dunha canteira de lousa que levou por diante en 2010 o 50% da antiga explotación de volframio. Os incendios de agosto tan só levaron a situación a un extremo que se viña anunciando dende había décadas.
“A conservación da mina é prioritaria. Non podemos deixala morrer. Estivo moi vinculada á loita antifranquista, foi un destacamento penal marcado polo traballo escravo, xogou un papel decisivo na Segunda Guerra Mundial… Hai moitas historias persoais ligadas a Valborraz”, argumenta Carlos Tejerizo, presidente de Asociación Científica Sputnik Labrego, que leva anos traballando na mina e realizando campañas arqueolóxicas para recuperar a historia deste enclave histórico. Agora, coa colaboración do albergue Eco dos Teixos e a Comunidade de Montes de Casaio e Lardeira —propietaria dos terreos nos que está a mina—, Sputnik Labrego lanza unha campaña para recaudar fondos e chamar a atención das administracións. O único obxectivo: que a mina non desapareza.
Da propiedade comunal á Alemaña nazi
Tejerizo define a historia da mina de Valborraz como “complicada e contraditoria”. Foi testemuña dos sucesos históricos máis determinantes da primeira metade do século XX pero a memoria da explotación esvaécese a causa do abandono e da falta de fondos para a súa recuperación. A finais do século XIX, os terreos nos que está agora radicada a mina eran de propiedade comunal ata que os mercou unha empresa belga. O interese da explotación era o volframio ou tugsteno, un metal escaso empregado sobre todo con fins bélicos.
“Despois da Primeira Guerra Mundial, o goberno español merca a mina. Franco pásalla indirectamente á Alemaña nazi. De feito, Valborraz estaba xestionada por técnicos alemáns“, lembra Tejerizo. As montañas de Ourense, Zamora, Salamanca e o norte de Portugal convertéronse entón no epicentro da extracción de volframio, esencial para a maquinaria de guerra de Hitler. Os aliados, que non posuían a tecnoloxía para o uso do tugsteno, iniciaron un conflito comercial que consistía en subir os prezos do metal. Nesta guerra, Valborraz desenvolveu un papel esencial. “Este escenario ligou as montañas de Ourense co global. Casaio foi un escenario máis da Segunda Guerra Mundial“, sostén o presidente de Sputnik Labrego.
O motivo polo que os nazis chegaron a Casaio para controlar a explotación de Valborraz non está claro. Tejerizo cre que houbo unha serie de elementos da mina ourensá que resultaban máis atractivos para os alemáns que outras explotacións da península. “Era un espazo afastado, no medio dun monte e de difícil acceso”. Talvez a complexa configuración de galerías das montañas ourensás foi outro factor que alentou os alemáns a tomar o control de Valborraz co beneplácito de Franco. Ademais había man de obra, dado que as comunidades campesiñas da contorna aproveitaron o pulo industrial da mina para ir abandonando progresivamente a agricultura e a gandería.
Dos presos republicanos á guerrilla
Outro dos puntos relevantes da historia da mina foi o destacamento penal de presos republicanos que combateran durante a Guerra Civil española. Segundo os datos recollidos polo historiador Isidro García Tato no libro O destacamento penal das minas de voframio de Valborraz de Casaio, os primeiros chegaron en novembro de 1942 e os últimos marcharon en xullo de 1944. “O número total de reclusos que pasaron polo Destacamento Penal nos 19 meses e medio da súa existencia foi de 461”, indica o autor na obra. O pico máis elevado de presos foi de 317 en decembro de 1943.
“A pesar de que os presos republicanos eran man de obra escrava e estaban moi vixiados, tiñan un estilo de vida de maior calidade que as poboacións da contorna. Na mina tiñan auga quente e electricidade, que non chegaron a Casaio ata os anos setenta”, apunta Tejerizo. Malia que os reclusos se mesturaban cos traballadores libres da zona, vivían nunha “contorna moi reprimida”. Había torres de vixilancia que aseguraban o seu encerro nos límites da mina, e que tamén servían para protexer a exploración dos ataques da guerrilla antifranquista, outro episodio clave na historia de Valborraz.
Tejerizo, que dende Sputnik Labrego estudou detalladamente a Cidade da Selva —o asentamento de guerrilleiros antifranquistas nos montes de Casaio—, vincula a actividade deste grupo coa mina de volframio. E alerta de que a desaparición da explotación tamén levaría ao esquecemento a historia da guerrilla en Valdeorras. Segundo explica, realizaban pequenos ataques á mina para conseguir recursos. “Tamén houbo moita espionaxe. Comprábase volframio e despois facíano desaparecer para prexudicar os nazis, e para iso entraban en contacto cos guerrilleiros”, apunta o arqueólogo.
As enfermidades respiratorias
Pero máis alá dos alemáns, dos presos republicanos e da guerrilla, hai moitas outras historias anónimas que agocha Valborraz: as dos traballadores e traballadores libres. Aquí entra en xogo un dos debates máis polarizados da mina, que en certo modo “trae a modernidade” a Casaio. Pero hai que valorar ata que punto. “A explotación supuxo un impacto enorme dos produtos industriais na zona e foi a primeira vez que a veciñanza recibía un salario. Pero en certo modo, as condicións de vida eran peores”, sinala Tejerizo. Segundo o estudo de Sputnik Labrego a través dos rexistros escritos e arqueolóxicos sábese que había un alto grao de enfermidades pulmonares como a silicose.
A conservación da memoria
Se os únicos edificios que quedan en pé caen polo peso do tempo e a falta de actuacións de conservación, tamén vai desaparecer a memoria dos traballadores e traballadores, dos presos republicanos e dos guerrilleiros que se refuxiaron nos montes de Casaio. Esa perda inmaterial vai da man da perda material que se sufriría tras o derrubamento dos poucos edificios que aínda permanecen nas ladeiras do monte. E aínda que a concienciación na zona é incuestionable, o que faltan son recursos. “A prioridade da veciñanza durante os lumes de agosto foi protexer o Teixedal de Casaio, moi próximo a Valborraz, e a mina. Para eles é un elemento de identidade fortísimo que forma parte da súa historia e da súa paisaxe. Entenden a súa singularidade”, indica Tejerizo.
O paso do tempo, os fenómenos meteorolóxicos e os sucesos catastróficos non teñen a mesma empatía coa memoria histórica. O derrubamento dunha canteira en 2010 e os incendios do pasado agosto son dous capítulos clave na difícil loita pola supervivencia da mina de Valborraz. A veciñanza, a comunidade de montes propietaria e diferentes asociacións tratan de preservar as lembranzas dun enclave agochado entre montañas que desenvolveu un papel clave nos grandes sucesos históricos da primeira metade do XX. Pero a intención, ás veces, non é suficiente. A mina de Valborraz emite un berro de auxilio. E emíteo con urxencia.
Máis información sobre a campaña Recuperemos Valborraz! nesta ligazón.


























