O equipo de Santa Clara cre que o cerebro saponificado pertenceu a unha monxa de entre os séculos XVII e XIX

O órgano atopouse durante e escavación de tres tumbas no coro baixo da igrexa e agora está depositado nunha cámara frigorífica da USC para garantir a súa conservación

As escavacións no convento pontevedrés de Santa Clara acaban de ofrecer unha sorpresa maiúscula e de relevancia internacional. O equipo de arqueoloxía que traballa no enclave atopou no coro baixo da igrexa, na tumba que pertenceu a unha monxa, un cerebro saponificado. Este concepto describe o proceso químico polo que o órgano se transforma nunha substancia cérea e pode achegar información de enorme relevancia para as ciencias forenses. Segundo o equipo detrás do descubrimento, é o terceiro caso no mundo destas características e o primeiro documentado na península ibérica.

Segundo confirma o arqueólogo da Deputación de Pontevedra Rafael Rodríguez, non é doado establecer unha datación ata que non se realicen as análises oportunas. “Sabemos con seguridade que é anterior ao 1915, que é cando se documenta a última reforma no coro baixo da igrexa de Santa Clara. As orixes da obra son do XVII e coido que nos podemos arriscar a dicir que a datación tende máis a este século”, explica Rodríguez, quen mantén a cautela e apela a esperar aos resultados definitivos.

Publicidade

Un descubrimento excepcional

O órgano está depositado nunha cámara frigorífica da Universidade de Santiago, onde se garanten as condicións óptimas para a súa conservación. En canto ao seu aspecto, Rodríguez describe as súas semellanzas cunha pedra escura: “Dá a sensación de que está petrificado pero os dous hemisferios distínguense perfectamente”. O cerebro saponificado atopouse durante a escavación de tres tumbas completas e o máis curioso do achado é que os ósos estaban moi deteriorados e practicamente “parecían po”. A característica que fai este descubrimento excepcional é que o cranio non estaba ben conservado, como si adoita acontecer noutros casos.

Así o explica Rodríguez, quen menciona outros tres achados comparables en Arxentina, Chile e Italia. Non coinciden en datación, pero si no precario estado do cranio e na boa conservación do cerebro saponificado. O máis antigo é o de Trieste, datado no século XIII. Curiosamente, estes tres casos tamén se corresponden con tres relixiosos —un home e dúas mulleres—, como acontece co achado de Santa Clara.

Publicidade

Que información achegará?

Rodríguez pon énfase na “tremenda sorpresa” que supuxo o descubrimento. Agora comezarán a “facerlle preguntas” ao cerebro saponificado para poder descubrir novos datos non só sobre o corpo ao que pertenceu, senón tamén sobre as circunstancias nas que viviu. “Imos poder coñecer a idade da muller e entender aspectos relacionados coas conexións neuronais. Talvez non achegue tantos datos históricos como médicos e forenses”, indica. Por exemplo, poderase saber se sufriu un hematoma cerebral, se era moi maior ou se morreu de causa natural. Incluso pode achegar pistas, xunto ás outras evidencias que van atopando en Santa Clara, do tipo de dieta que tiña.

De momento, o equipo continuará cos traballos de campo que se estenderán ata finais de setembro. Despois comezarán coas análises, que non só se centrarán na información que poida achegar o cerebro saponificado, senón tamén nos materiais arqueolóxicos que foron atopando na campaña como, por exemplo, as cerámicas, os bronces e as estruturas arquitectónicas que saíron á luz. “Farémonos preguntas sobre alimentación, idade, esforzo corporal e incluso clase social para tratar de pechar o cadro que foi Santa Clara. Son 750 anos de historia metidos entre catro paredes“, sostén Rodríguez.

O arqueólogo tamén quere poñer en valor os outros achados relevantes desta última campaña, como o descubrimento dos restos de dous rapaces nas proximidades da Virxe dos Desamparados. “Probablemente pertenceron a unha familia nobiliaria porque foi a que pagou o retablo. O estado de conservación dun deles é moi malo pero talvez poidamos saber a idade”, apunta. O máis rechamante é que un mantiña nun bo estado uns zapatos, igual que apareceu a indumentaria completa dun antigo capelán. “Son a marca dunha posición social elevada”, subliña, mentres as escavacións continúan no recinto de Santa Clara.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

Os segredos que agocha o xacemento de Armea: 15 anos de escavacións e unha nova casa castrexa

A escola de verán cumpre unha década e media cunha intervención que confirma a presenza de restos arqueolóxicos no Alto dos Fornos

Un proxecto galego analiza dous séculos de presenza humana na Antártida a través de obxectos

A investigación está liderada pola arqueóloga María Ximena Senatore e conta cunha Advanced Grant pola que recibirá case dous millóns e medio de euros durante cinco anos

De campamento neandertal a enterramento: os achados das escavacións en Cova Eirós e Monte Penedo

Os traballos, liderados dende a USC, permiten descubrir restos óseos infantís e adultos e amplían os períodos de ocupación humana das cavidades