Vista do interior do convento antes de que se iniciasen as escavacións. Foto: Gustavo Santos
Vista do interior do convento antes de que se iniciasen as escavacións. Foto: Gustavo Santos

Santa Clara imprime o seu perfil irregular e centenario sobre a silueta de Pontevedra. O impoñente recinto do convento, con máis de 15.000 metros cadrados, xa é todo un sinal de identidade da cidade. Un xa non é nada sen a outra porque levan máis de 750 anos de convivencia. As clarisas chegaron a Pontevedra a finais do século XIII. Dende aquela, un continuo ir e vir de historias, cambios e modificacións que se foron superpoñendo ata consolidar o edificio que se erixe hoxe en día. A orde abandonouno en 2015, cando só o habitaban tres monxas de avanzada idade.

Despois de seis anos baleiro, o Concello mercou o convento en 2021. E este mesmo verán deu comezo a primeira campaña arqueolóxica no recinto, que pretende esclarecer as historias non contadas de Santa Clara. As escavacións, que se iniciaron en xullo e está previsto que rematen a finais de setembro, descubriron un feixe de fíos dos que tirar. Decenas de tumbas, pezas de cerámica procedentes de todas as partes do mundo, pinturas murais de alto valor artístico, espectaculares estancias sen un claro obxectivo e capas e capas de historia inconclusa. “Todos os días atopamos algo novo. Santa Clara é un lugar sorprendente”, asegura o arqueólogo Rafael Rodríguez, director das escavacións, que están a ser financiadas pola Deputación.

Publicidade

Máis dunha trintena de tumbas atopadas

Santa Clara, antes insondable, está a ser redescuberto. Con só poñer un pé na entrada, calquera se sentiría invadido por un intenso ulido a humidade. A mesma humidade que desprende a terra remoída unha e outra vez para atopar o agochado. Dous arqueólogos traballan arreo na zona da portería, onde se realizaron dúas sondaxes. “Teoricamente, este espazo é do século XIX. A xente deixaba aquí os ovos, as pescadas e os restos das hostias. De feito, a reixa está datada en 1878”, explica Rodríguez. Porén, cando comezaron a escavar atoparon cinco tumbas, malia que só se encontraron ósos soltos e ningún esqueleto.

Unha das sondaxes realizadas na zona da portería, onde se atoparon cinco tumbras. Foto: Gustavo Santos

Na á norte do claustro é onde hai un maior número de enterramentos documentados. Ata o momento, contabilizaron 26, pero só escavaron preto dunha ducia. “Pensamos que os mortos teñen que ver co funcionamento do convento na época medieval e non tanto coa súa construción”, engade o director das escavacións. Malia que aínda están con resultados preliminares, xa se pode confirmar que se acharon os restos de dous rapaces: un de dous a tres anos e outro de entre cinco e dez. “É algo bastante habitual. Adoitaban deixar nenos en acollida e as monxas facíanse cargo deles”, asegura Rodríguez, quen confirma que os demais restos atopados poden pertencer a clarisas.

Publicidade

“Atopáronse os restos de dous rapaces: un de dous a tres anos e outro de cinco a dez”

RAFAEL RODRÍGUEZ, arqueólogo e director das escavacións

Porén, as relixiosas non eran as únicas que podían ser enterradas no interior do convento. Os nobres podían entregar un dote para que, unha vez que eles ou a súa familia morresen, tamén tiveran o privilexio de ser soterrados na igrexa ou no claustro. Eses eran os sitios privilexiados, posto que tamén se atoparon tumbas nunha zona máis afastada das anteriores pero pertencente ao recinto: o xardín. “Atopamos catro cravos dunha caixa de madeira e un óso dunha perna”, explica. Ao parecer, estes restos estiveron sempre á intemperie, o que complicou a súa conservación. “A alimentación de cada persoa pero, sobre todo, a acidez do solo inflúe moito”, explica Rodríguez. Ao tempo, o arqueólogo indica que as persoas enterradas nos exteriores non tiñan relación directa coa igrexa. “Podían ser servos ou calquera persoa que pasara polo convento e morrera aquí”, engade.

Á esquerda, o estado actual da á norte do claustro. Á dereita, antes de que se iniciasen as escavacións. Foto: Gustavo Santos

Xusto nesta zona do que as clarisas denominaban “bosque”, os arqueólogos atoparon unha das pezas máis sorprendentes. Durante as primeiras semanas de escavación, descubriron un lousado no medio e medio do xardín. Ningún deles sabía a que podía pertencer a pedra. Nestes resultados preliminares, o equipo sospeita que o lousado pode pertencer a un antigo edificio, hoxe perdido. Pode que fose construído no século XVI e derrubado na segunda metade do XIX, segundo as pistas que ofrece a documentación. Pero pouca máis información teñen ao respecto.

O antigo refectorio

Despois de percorrer a portería, parte do claustro e os exteriores do convento, a visita continúa polas estancias do interior. O primeiro edificio é un espazo tinguido de escuridade, mais agocha un dos puntos máis sorprentes do recinto: atesoura unha colección de pintura mural. Resulta difícil observala porque a estancia é demasiado sombriza e requírese dun raio de luz para apreciar as figuras. Pero, tamén, porque unha grosa capa de cal tapa a meirande parte delas. “Hai un paxaro pintado en vermello, un adorno con inscricións… Fixeron unha cata e parece que debaixo de toda esa cal hai máis debuxos. O investigador Juan Monterroso considera que é moi boa pintura mural e dátaa entre os séculos XV e XVI”, explica Rodríguez durante a visita.

“A pintura mural do refectorio considérase de moi boa calidade e dátase entre o XV e o XVI”

RAFAEL RODRÍGUEZ, arqueólogo e director das escavacións

Pero iso talvez non sexa o máis sorprendente. Segundo as investigacións realizadas ata o momento, o edificio sufriu numerosas modificacións. Inicialmente puido funcionar como refectorio, de aí a importancia das pinturas murais, de intención exclusivamente ornamental. De feito, pénsase que foi unha gran sala aberta con parladoiros, dos que aínda queda constancia nas paredes interiores do edificio. Porén, do século XIX en diante parece que houbo un cambio de uso e pasou de ser unha estancia decorada con pinturas de alto valor artístico a servir como cortello para diferentes animais ou incluso galiñeiro. “Estamos a buscar elementos que afirmen que este foi o antigo refectorio e case podemos afirmar que si”, constata Rodríguez.

  • O lagar do convento. Á esquerda atópase o ascensor. Foto: Gustavo Santos
  • A cociña, coa lareira ao fondo. Foto: Gustavo Santos
  • A estancia onde se atoparon as pinturas murais, considerada o antigo refectorio. Foto: Gustavo Santos
  • Unha das pinturas á vista. Foto: Gustavo Santos
  • No teito desta zona atopáronse as madeiras talladas en forma de cordón. Foto: Gustavo Santos
  • Unha das salas, considerada a máis sorprendente e espectacular polos arqueólogos, pero da que se descoñece o seu uso. Foto: Gustavo Santos

A imaxe do que podería ser o antigo refectorio é algo común en todo o recinto de Santa Clara. Conviven espazos xenuínos, de alto valor patrimonial. Pero dentro deles sempre hai elementos que chaman a atención. Dentro do refectorio, por exemplo, o teito está cuberto de ladrillos que foron colocados en 1969, dando conta da cantidade de capas de historia que posúe Santa Clara. De feito, cando se continúa a visita, e despois de ollar con detemento a antiga conciña —dotada cunha lareira—, a vista vaise a un elemento que resulta, a todas luces, anacrónico: un ascensor. Pero así é o convento, un continuo ir e vir de viaxes no tempo.

“Santa Clara é así, descubrir algo novo cada día”

RAFAEL RODRÍGUEZ, arqueólogo e director das escavacións

No paseo, a vista tamén se fixa na bodega, os grandísimos pipotes de viño e o lagar. “Todo parece apuntar a que producían viño e cobraban por el”, di Rodríguez, dando conta das moitas actividades que se levaban a cabo no interior e que implicaban unha interacción co exterior, malia ser un convento de clausura. De feito, xusto despois da bodega está unha das estancias máis espectaculares. “Está moi ben conservada pero non ten moita luz, por non dicir ningunha. É un espazo impresionante pero non sabemos para que se usou”, explica Rodríguez, mentres pasea baixo os impoñentes arcos da estancia. Coa lanterna do seu móbil ilumina un tesouro. Diríxea ao teito e unha descobre unha madeira decorada en forma de cordón. “Santa Clara é así, descubrir algo novo cada día”, di o director.

Numerosos restos óseos

Pero máis alá das numerosas estancias, e do quebracabezas que está a supoñer para os arqueólogos reconstruír a historia do edificio e entender as capas que se foron superpoñendo, tamén están a atopar numerosos restos óseos. Dúas arqueólogas están a medir, no momento da visita, un esqueleto claramente deteriorado. Non moi lonxe da tumba na que traballan está un dos cranios máis valiosos, por tratarse do mellor conservado que atoparon. Ese aínda permanecía medio soterrado, á espera da súa extracción, para ser colocado despois onde están todos os demais: estendidos e clasificados para o seu posterior estudo.

Unha das arqueólogas toma medida duns restos óseos. Foto: Gustavo Santos

Noutras das estancias está a antropóloga traballando cos restos óseos. “Están case todos feitos po. Aínda así pódense facer analíticas bastantes e algúns restos poden valer para facer as probas de carbono 14”, explica Rodríguez, mentres vai detendo a vista nos ósos estendidos sobre as mesas. Hai varios cranios e algún aínda conserva a mandíbula. Tamén vértebras, falanxes, fémures, pero ningunha costela. “Todo isto vainos servir para datar e saber como se alimentaban, que enfermidades tiñan… Queremos saber como vivían, máis aínda que como morrían”, continúa explicando o arqueólogo. Isto servirá para reconstruír a historia e comparar con outras comunidades, tanto laicas como relixiosas, de Pontevedra. “Poderemos saber que comía un mariñeiro e que era o que o diferenciaba dunha monxa”, di Rodríguez.

“Os restos vannos servir para datar, saber como se alimentaban, que enfermidades tiñan… Impórtanos máis saber como vivían e non tanto como morrían”

RAFAEL RODRÍGUEZ, arqueólogo e director das escavacións

“O máis importante é poñerlles cara. Ou, máis ben, poñerlles voz a todas esas comunidades que pasaron por aquí durante 750 anos”, continúa explicando o arqueólogo. A documentación ofrece moi poucos datos ao respecto, máis alá da lista de abadesas ao cargo. Pero ninguén sabe como vivían ou cal era a historia persoal de todas aquelas mulleres que habitaron o convento. Segundo explica Rodríguez, moitas delas viñan obrigadas a pasar o resto da súa vida encerradas no recinto. “De todas formas, as clarisas de Pontevedra non foron unha comunidade tan pechada como poderiamos pensar inicialmente. Entraba xente de fóra para comerciar, para traballar… No século XX incluso tiveron unha escola. Estaban máis integradas na vida da cidade do que imaxinamos”, matiza o director da escavación.

Un tesouro de cerámica

As mulleres que chegaban ao convento para ingresar como monxas tiñan unha historia. Con elas traían un dote, sobre todo as que procedían da nobreza. De aí que Santa Clara volvese sorprender ao atoparse con miles de anacos de cerámica de todas as partes do mundo. “Son pezas entre os séculos XIV e XX que proveñen de China, Talavera, Inglaterra, de Alemaña… Tanto de cociña como de mesa”, di Rodríguez. El mesmo estima que nas primeiras semanas de escavación chegaron a atopar 5.000 pezas, o que dá conta do enorme valor do descubrimento. De feito, nunha das salas do convento, dous arqueólogos afánanse por reconstruír as pezas e unha delas está case completa. “Eu adoito traballar en xacementos de épocas anteriores pero, en xeral, atopar obxectos neste estado de conservación é moi complicado”, di o director da campaña.

A visita por Santa Clara continúa e segue sorprendendo. Unha das estancias aínda posúe a estrutura do antigo hospital. Servía para tratar ás persoas enfermas e sen recursos, pero tamén ás propias monxas. Aínda se mantén a separación dos espazos, en madeira, e as camas son as orixinais. Cando unha olla a estancia, parece que está a ver un escenario dunha película ambientada nas guerras mundiais. Pasear e visitar Santa Clara é retroceder anos atrás, malia que o percorrido é labiríntico e resulta complicado volver sobre os mesmos pasos.

  • Os 'canecillos' do século XIII. Foto: Gustavo Santos
  • Un dos arqueólogos, recompoñendo as pezas. Foto: Gustavo Santos
  • Parte das pezas de cerámica atopadas. Foto: Gustavo Santos

Preto do hospital estaría a fábrica de obleas, malia que hoxe son estancias baleiras. E nesa mesma zona do convento, o visitante pode acceder a unha terraza dende a que ollar unha vista privilexiada: todo o recinto do mosteiro clarista. A humidade segue acompañando a visita, o día está chuvioso e abafante. Pero dende aló ao alto calquera pode imaxinar como bulía a vida séculos atrás. Vese perfectamente o muro que pecha o recinto, datado no século XVII. Tamén uns canecillos do século XIII que adornan un tellado remodelado nos anos 90. En xeral, un ronsel de épocas históricas que fan adquirir conciencia do abrumador que é o paso do tempo.

Un espectacular órgano do século XVIII

A última parada tamén deixa sen alento. No coro alto da igrexa hai un elemento que ocupa parte da estancia e no que a vista se fixa sen cuestionalo: un órgano detalladamente decorado e colorido do século XVIII. Aínda funciona e, de feito, en maio deste ano deuse un concerto. Dende alí, dende o coro alto, hai unha vista privilexiada da igrexa, case baleira. Cando marcharon en 2015 levaron todo, agás os retablos, que hoxe están en venda. “Sería bo facer algunha sondaxe pero debaixo do chan de madeira hai cemento, agás nun dos retablos, que é pedra”, di Rodríguez, coa esperanza de que unha futura escavación na igrexa poida servir para encaixar as pezas que faltan.

Marcharon en 2015 e levaron todo, agás os retablos, que hoxe están en venda

Na parte baixa remata a visita. Rafael asegura que queda aínda moito traballo por diante. Malia que estean a piques de poñer fin ás escavacións, agora virá a análise, o procesamento e a escrita. A información extraída en Santa Clara só ten un adxectivo: sorprendente. O director da campaña cre que servirá para facer un monográfico, ou incluso máis. Que sería bo unha exposición temporal con todos os tesouros atopados e sacar unha publicación onde recoller os resultados obtidos. Máis alá diso, habería que ir pensándoo sobre a marcha. Por exemplo, que uso darlle a un recinto tan espazoso, tan amplo e tan cheo de historia.

Á esquerda, o órgano. De fronte, as vistas da igrexa. Foto: Gustavo Santos.

Segundo explica Rodríguez, pronto se abrirán visitas guiadas para que todos os curiosos poidan ver cos seus propios ollos o que agora tan só poden ler descrito. A visita finaliza xusto onde comezou: na portería. Despídese unha dun espazo singular, preguntándose que outros tesouros ocultos agocha Santa Clara. Ata que punto o equipo de arqueólogos será capaz de reconstruír a vida de todas aquelas mulleres que viviron entre as paredes do convento e cantas o decidiron por vocación e cantas por obriga. Vidas anónimas, ao fin e ao cabo, destinadas ao silencio. Cando se sae ao exterior, unha xa é capaz de recoñecer o ulido daquilo que só existe no pensamento. Santa Clara non só cheira a humidade. Tamén a escuridade e esquecemento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.