Venres 19 Abril 2024

O vencedor en Rande que regresou para invadir Inglaterra

James Butler, Duque de Ormond, rematou os seus días participando nun plan para ocupar o seu propio país que fracasou a altura de Vigo

James Butler, segundo Duque de Ormonde, é un dos personaxes capitais da batalla de Rande, que en 1702 enfrontou na ría de Vigo a unha escuadra angloholandesa ante os galeóns da prata españois, protexidos pola frota de guerra francesa. E, no 2010, reeditouse en Londres un pequeno libro orixinal de 1703, que recolle un poema laudatorio sobre James Butler, segundo Duque de Ormonde. O opúsculo apenas ten 16 páxinas, pero está dedicado a cantar as xestas deste nobre irlandés, que foi o comandante das forzas de terra que arrasaron os fortes de Rande e Corbeiro, e saquearon logo Redondela e Cangas, tras a batalla da baía de Vigo en 1702. O título é case máis longo que o propio poema: “Astrea triumphans. The amorne of gratitude, and the trophies of Vigo; being a congratulatory poem to His Grace the Duke of Ormonde, on his happy accession to the Lieutenancy of the Kingdom of Ireland”.

            A tradución podería ser “Estrela triunfante”, que é o epíteto que o autor anónimo dedica a Butler. O seguinte sería: “O templo da gratitude e os trofeos de Vigo; un poema laudatorio á súa Graza o Duque de Ormonde, na súa feliz ascensión á comandancia do Reino de Irlanda”.

Publicidade

            O poema narra a vitoria de Rande, na que Ormonde recibe a axuda do mesmísimo deus Neptuno, mentres Tritón asiste abraiado ao saqueo do Morrazo polo militar irlandés. “Aínda non medio reposto das súas últimas feridas en Vigo, Ormonde atopa ásperamente a Gloria”, afirma o vate, entregado á causa. O libro saíu á venda en 1703 na librería de A. Baldwin, en Warwik-Lane, en Londres. E vén de ser rescatado pola colección Eighteenth Century Collections en liña (ECCO), nun proxecto para recuperar antigos textos ingleses, en colaboración coas universidades de Oxford e Michigan.

            Así que xa vemos que as cousas da batalla de Rande seguen a gustar. Cando menos, en Inglaterra. Aínda que Butler é un heroe especialmente controvertido para os ingleses. Pero non é exactamente así. Porque é pouco sabido que o Duque de Ormonde, tan nomeado nos textos sobre a batalla de 1702, rematou os seus días no bando contrario. E mesmo estivo inmerso nun plan español, o enésimo, para invadir Inglaterra por mar. A súa frota -así é o destino- foi malograda por un temporal á altura da ría de Vigo, cando xa enfilaba cara a Irlanda, como cabeza de ponte para a invasión.

            Pero, en 1702, triunfante en Rande, o propio Duque de Ormonde para nada crería que a súa vida ía dar tantas voltas. Nesa época, contaba 37 anos. James Butler nacera en 1665 nunha familia nobre. Educouse en Francia e en Oxford. E fixo carreira militar na súa Irlanda natal, como oficial de cabalería, esmagando diversas rebelións, tras o ascenso ao trono de Xacobe II.

            A Butler tocoulle vivir talvez os tempos máis convulsos da historia de Inglaterra. Aínda estaban acendidos as faíscas que deixara a ditadura do rexicida Oliver Cronwell. Boa parte da súa mocidade viviuna baixo o reinado de Xacobe II, rei católico con grandes inimigos. Logo, apoiou a Revolución Gloriosa comandada por Guillermo de Orange, o campión mundial do protestantismo na época. E as leas políticas continuarían durante toda a vida do Duque de Ormonde. Na batalla de Rande, a monarca era a raíña Ana Estuardo, que sucedera a Guillermo III. Mentres no bando xacobita os herdeiros do rei Xacobe II conspiraban para recuperar o trono.

            James Butler logrou navegar nesta lameira política e, en 1711, é nomeado Capitán Xeral de Inglaterra. Substituía no cargo a John Churchill, I Conde de Marlborough, quen caeu en desgraza tras varios reveses na guerra en España contra Felipe de Borbón. Este personaxe é ao que os españois coñecen como Mambrú, o que se foi á guerra. O “Mambrú” da canción era o xeito no que en Madrid pronunciaban Marlborough.

            Butler, como capitán xeral, tivo gran poder. E apoiou ao bando correcto na seguinte crise, tras a morte da raíña Ana. Apostou por Xurxo I de Gran Bretaña e foi quen saíu rei. Pero, para entón, o noso Duque de Ormonde xa se tiña gañado grandes inimigos. Ademais de amigos incómodos como James Fitz-James, fillo bastardo do rei Xacobe, que rematou exiliándose en España. Este nobre, por certo familiar da última Duquesa de Alba, Cayetana de Alba Fitz-James, foi o que animou a Butler a deixar Londres e refuxiarse en Madrid.          

O Duque de Ormond.

Así o fixo o noso personaxe. E, do mesmo xeito que Fitz-James, foi moi ben acollido na corte de Felipe V, ata o punto de que gozou dunha pensión da coroa. Mesmo participou nun plan para invadir Inglaterra e restaurar a monarquía dos Estuardo, co apoio das católicas Irlanda e Escocia. En 1719, armouse unha frota comandada polo propio James Butler, pero unha tormenta fronte á costa de Galicia deu ao traste coa operación, provocando naufraxios e a desbandada xeral.

Deste xeito, só 17 anos despois da súa vitoria en Rande, o Duque de Ormonde combateu no bando oposto. E, xacobita convencido, a punto estivo de invadir a súa propia patria. Os seus últimos anos pasounos en Francia, na localidade de Aviñón. As súas posesións en Inglaterra foron comisadas, aínda que as recuperou posteriormente un dos seus irmáns. E, cando morreu, en 1745, o seu país perdoou as súas traizóns e está hoxe enterrado na abadía de Westminster.

Así de complicada foi a historia dun protagonista da batalla de Rande de quen agora veñen de reeditar un librito. Todo un personaxe, o noso Duque de Ormonde.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mariñeiro, un alcalde e un museo: crónica dunha reliquia da batalla de Rande

O Rijksmuseum de Ámsterdam conserva un curioso botín de guerra: o prato que Chateau-Renault perdeu na ría de Vigo

Este barco nunha tormenta non se move: unha incrible ilusión óptica

Premio para dous neurocientíficos británicos por conseguir que un cadro semelle animado só cambiando as escalas de grises

O proxecto dunha base naval militar nas illas Cíes

Ao longo dos séculos, varios plans contemplaron fortificar o arquipélago situado na entrada da ría de Vigo

Unha ‘Pompeia submarina’ na ría de Vigo

En 1870, mentres Verne escribía ‘20.00 leguas’, os xornais e revistas de Francia dicían que o fondo da ría de Vigo estaba ‘pavimentado de prata’