Comeza a campaña do papiloma: pros e contras de vacinar os nenos (segundo os expertos)

Galicia é a primeira comunidade autónoma en implementar a medida para rapaces de 12 anos e de maneira gratuíta

O novo calendario vacinal infantil de Galicia inclúe a do virus do papiloma humano para nenos.
O novo calendario vacinal infantil de Galicia inclúe a do virus do papiloma humano para nenos.

Galicia xa é a primeira comunidade autónoma en administrar a vacina contra o virus do papiloma humano (VPH) en nenos e de maneira gratuíta. De feito, este xoves botou a andar o novo calendario de vacinación infantil, onde se inclúe esta inxección que, ata o momento, só se lle administraba ás nenas. Agora, todos os rapaces de 12 anos (nacidos a partir do 1 de xaneiro de 2010) teñen a opción de vacinarse a través da Seguridade Social, posto que cada unha das dúas doses que se precisan poden chegar a custar algo menos de 200 euros. Con esta novidade no calendario vacinal infantil volve abrirse o debate público. Malia que un sector está a favor de que lle administre a nenos, outros expertos avogan por esperar.

Que é o virus do papiloma humano?

Cando se fala de virus do papiloma humano estase a falar, en realidade, dun grupo de máis de 200 virus relacionados. Algúns deles son de baixo risco e, polo tanto, non producen síntomas ou, como moito, verrugas. Pero hai outros de risco alto que si poden acabar derivando en cancro. Segundo o Instituto Nacional do Cancro (NCI) dos Estados Unidos, a infección por VPH é frecuente naquelas persoas cunha vida sexual activa e, de feito, a metade das infeccións son cunha cepa de alto risco. Malia que a meirande parte das veces non se desenvolven tumores, si pode derivar en cancro de colo de útero, de orofarinxe, de pene, de vaxina ou de vulva, segundo o NCI.

A infección transmítese a través do contacto íntimo pel con pel e, de feito, “transmítese con facilidade na parella sexual”. Dende o centro de investigación estadounidense advirten que o uso de determinados métodos anticonceptivos e de protección diminúen a posibilidade de transmisión de VPH pero que en ningún caso a reducen por completo. No que si fan fincapé dende o NCI é na vacinación contra o virus do papiloma, posto que o consideran un bo método de prevención.

Riscos para ambos sexos

Máis polo miúdo, dende o centro de investigación consideran que non só é importante vacinar ás rapazas, senón tamén aos nenos. “Tanto os varóns como as mulleres presentan cancros de boca e gorxa, cancros de ano e verrugas xenitais. Ademais, elas corren o risco de ter cancros de colo de útero e eles cancro de pene”, aseguran, facendo fincapé en que o VPH causa arredor do 60% destes últimos tumores. E insisten en que a vacinación tamén diminúe a transmisión a outras persoas do tipo de virus que causa cancro.

Ademais, algúns profesionais da saúde pediátrica recomendan a vacinación en nenos argumentando que, aínda que o cancro de colo de útero afecta a mulleres, o VPH é considerado un virus de transmisión sexual que tamén pode ser contaxiado polos homes. De feito, hai países como Canadá, Australia e Reino Unido que xa están implementando a vacinación en ambos sexos.

Máis investigación

Porén, non todos os expertos concordan. A médica especialista da área de Obstetricia e Xinecoloxía do CHUS Efigenia Arias adiantaba en marzo con motivo do Día Mundial de Prevención do Cancro de Colo de Útero que os datos actuais non supoñen unha evidencia suficiente como para asegurar que esta medida vaia ser efectiva na prevención deste tipo de tumores. Asegura que, ata o momento, a evidencia aposta pola vacinación das mulleres e o protocolo de cribado mediante a realización de citoloxías regulares como mellores estratexias para a prevención do cancro de colo uterino.

 “Veuse que, cando a cobertura vacinal de mulleres é moi alta, a circulación do virus é tan baixa que fai pouco probable que vacinar os homes poida achegar algo novo, tendo en conta o custo que isto supón. Tendo un orzamento limitado é totalmente coherente e razoable utilizalo en vacinar a cantas máis mulleres mellor“, explicaba Arias a GCiencia.

No que respecta á diminución dos tumores prevalentes en homes a causa do VPH, tal e como apuntaba a xinecóloga, haberá que agardar dous ou tres anos, momento no cal poderían existir estudos que demostren se “efectivamente estas persoas van desenvolver moitos menos tumores para xustificar vacinalos a todos. Polo momento, a evidencia non é tan forte como para facer ese investimento a nivel poboacional”.

2 COMENTÁRIOS

  1. Agora, todos os rapaces de 12 anos (nacidos a partir do 1 de xaneiro de 2010) teñen a opción de vacinarse a través da Seguridade Social.
    Os rapaces de 14 anos terán que pagar a vacina.

  2. Buenos dias, yo tengo un hijo de 14 años, y este año a la revision me hablaron de la vacuna y decidi ponérsela, ahora la primera dosis la compre yo, la segunda le toca a finales de Noviembre, la tengo que comprar otra vez, o se la ponen gratis??
    Gracias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.