A loita contra o cancro de colo de útero: debería implantarse a vacinación masculina?

A xinecóloga Efigenia Arias sinala as claves do Virus do Papiloma Humano e ofrece algunhas estratexias para a prevención das consecuencias máis graves

O cancro de colo de útero é un problema de saúde pública a nivel global

O próximo sábado, 26 de marzo, celebrarase o Día Mundial de Prevención do Cancro de Colo de Útero, co obxectivo de sensibilizar e aumentar a prevención desta enfermidade. Efigenia Arias, médica especialista da área de Obstetricia e Xinecoloxía do CHUS con actividade en xinecoloxía oncolóxica e profesora asociada da Universidade de Santiago de Compostela (USC), explica precisamente o grave problema de saúde pública que supón este tipo de tumor: “Non tanto na nosa contorna, pero a nivel mundial afecta a unhas 600.000 mulleres ao ano, causando unhas 300.000 mortes“.

Ademais, unha particularidade é que a idade media de presentación son os 42 anos, polo que, tendo en conta a esperanza de vida, as autoridades sanitarias calculan que, anualmente, “pérdense arredor de 8 millóns de anos de vida“, afirma a xinecóloga.

Prevención

Mentres que hai anos a incidencia era similar á que pode darse en países con menos recursos, na década dos 70 púxose en marcha o programa de detección precoz, diminuíndo considerablemente a súa afectación. “Antes de que apareza o cancro hai unhas lesións que aínda non son cancro, pero que podemos diagnosticar nas citoloxías e tratalas para que este non chegue a presentarse”, explica Arias.

Estas lesións orixínanse polo Virus do Papiloma Humano (VPH), un virus con varios serotipos: mentres que as cepas de baixo risco non derivarían en cancro, ou o farían con moi pouca frecuencia, aquelas cepas de alto risco son as que preocupan dende a perspectiva da saúde pública.

Arias: “A probabilidade de entrar en contacto con cepas de alto risco do VPH é elevadísima”

“A probabilidade media de que unha muller entre en contacto coas cepas de alto risco é do 70%. Cunha única parella sexual en toda a vida, esta probabilidade é do 50%, pero con dúas xa aumenta ao 90%. E de aí para arriba. A probabilidade de entrar en contacto con este axente causal do cancro é altísima, pero moi poucas mulleres van chegar a desenvolvelo, só algunhas que estean predispostas inmunoloxicamente a el”, explica a xinecóloga.

Dada a imposibilidade de coñecer esa predisposición a non eliminar o virus correctamente do organismo e a dificultade de evitar o contacto do virus coa poboación, a estratexia do cribado reduciu considerablemente o desenvolvemento deste tipo de cancros.

Un fito histórico

Xa nos anos 2000, apareceu a posibilidade de previr o cancro a través da vacina no VPH e, con esta, a posibilidade dunha inmunización poboacional, tal e como explica a xinecóloga do CHUS: “Podemos aplicar a vacina a calquera persoa, pero o maior beneficio obtense antes de que a persoa entre en contacto co virus, polo xeral, entre os 9 e os 14 anos”.

Así, as mulleres adultas quedaron fóra do programa de vacinación, algo que Arias xustifica a través da evidencia: “Elas tamén poderían beneficiarse da vacina aínda que xa tiveran un contacto co VPH, pero se os nosos recursos son limitados, é mellor utilizalos nas adolescentes, onde sabemos que funciona mellor, e no resto continuar co screening regular. Probablemente co tempo poidamos deixar de facer citoloxías como estratexia de prevención nestas xeracións, xa que a protección que dá a vacina fronte a cancros e displasias de alto grao é de máis do 80%. Isto foi unha cousa nunca vista, especialmente no que se refire ao preventivo de cancro, foi un fito histórico na medicina“. 

A vacinación non implica non contraer a infección, senón que as consecuencias serán máis leves

Con todo, a xinecóloga insiste: “Hai mulleres que están vacinadas e que usan sempre preservativo, e aínda así mostran unha infección polo virus, que non chega a ser cancro, e estráñalles. Non debe estrañar porque ocorre o mesmo coa covid: estar vacinada implica non contraer os signos máis graves da enfermidade. A boa noticia é que aínda que haxa un contacto co virus, estando vacinada ou facendo un screening eficaz e regular a probabilidade de desenvolver cancro é practicamente nula“. 

Que pasa cos homes?

Aínda que a vacina do VPH foi deseñada co obxectivo de evitar o cancro de colo de útero, este virus está asociado a outro tipo de cancros, como o de vaxina, vulva e ano no caso das mulleres, ou o de pene, ano e orofarínxeo no caso dos homes. “Temos evidencias polas que pensamos que a vacina pode ser efectiva na prevención destes tumores, pero os datos non son suficientes como para aseguralo”, explica Arias.

Se ben o volume de aparición é moito menor, 600.000 casos anuais de cancro de colo de útero fronte aos 50.000 casos tendo en conta o conxunto de tumores prevalentes en homes a causa do VPH, “veuse que, cando a cobertura vacinal de mulleres é moi alta, a circulación do virus é tan baixa que fai pouco probable que vacinar os homes poida achegar algo novo, tendo en conta o custo que isto supón. Tendo un orzamento limitado é totalmente coherente e razoable utilizalo en vacinar a cantas máis mulleres mellor“, di a xinecóloga.

En cuestión de anos podería existir evidencia suficiente para recomendar a vacinación xeral da poboación

Tendo en conta isto, a preocupación actual son os homes que manteñen relacións sexuais con homes. A mesma Arias afirma que é unha situación problemática: “Non temos evidencia suficiente para dicir que a vacina protexe contra os cancros de forma definitiva, aínda que probablemente si. A cuestión é que, para conseguir unha protección maior, habería que vacinalos sendo adolescentes, e decidir se o deixamos en mans das familias, co cal todas solicitarían as vacinas, polo que non tería sentido que non estivera incluído no calendario vacinal, ou se lles preguntamos a eles a súa orientación sexual”. 

Nestes momentos, o colectivo médico busca unha maior evidencia, polo que xa hai países como Canadá, Australia ou Reino Unido, que están implementando a vacinación en ambos sexos. Con isto, Arias calcula que en dous ou tres anos poderían existir estudos que demostren se “efectivamente estas persoas van desenvolver moitos menos tumores para xustificar vacinalos a todos. Polo momento, a evidencia non é tan forte como para facer ese investimento a nivel poboacional”. 

Recomendacións individuais

Independentemente das cuestións de saúde pública, tamén hai que ter en conta as recomendacións que poidan facerse a título individual ás persoas que nestes momentos non están cubertas polo programa de vacinación. Con respecto a isto, Arias teno claro: “O aconsellable sería facer unha consulta co xinecólogo ou médico correspondente para valorar o risco-beneficio, aínda que de forma xeral a vacina sempre é recomendable“.

A reactividade cruzada da vacina pode protexer de distintas cepas, aínda que xa existise un contacto co VPH

No caso das mulleres adultas que non recibiron a vacina porque o programa non estaba en marcha, o feito de que xa exista un contacto co virus reduce a eficacia, “pero tamén está recomendada, posto que existe a reactividade cruzada: pode protexer doutras cepas e, aínda que esta vacina só conteñan dous ou catro serotipos, probablemente protexa de moitos máis porque son primos irmáns entre si”, di a xinecóloga. Aínda así, polo perfil de seguridade da vacina, a evidencia con respecto á súa eficacia só existe ata os 40 anos

No caso dos homes, aínda que a evidencia non é suficiente para dar unha recomendación poboacional, existen algunhas probas de que a vacina podería resultar protectora. Por isto, Arias tampouco dubida: “Se eu tivese un fillo que ten relacións sexuais con homes, ou que pensa que as vai ter, vacinaríao“.

Eliminación do virus

Dado o gran problema que supón o cancro de colo de útero para a saúde pública mundial, non é de estrañar o labor de sensibilización que se leva a cabo arredor do VPH. “Os xinecólogos entendemos esta infección como universal e inevitable, porque non podes controlar que a xente deixe de ter contacto. O uso do preservativo é fundamental, non só por este, senón polo resto de infeccións de transmisión sexual (ITS), pero neste caso só protexe arredor do 60%, polo que temos que evitar esa falsa sensación de seguridade”, incide Arias.

A alta infectividade do VPH só pode combaterse a través da vacinación, as citoloxías, o uso do preservativo e a eliminación do tabaco

Alén, existen outras formas de contaxio aínda menos controlables: “Moitísima xente ten unha expresión do VPH oral, puidendo transmitir o virus a través do sexo oral, pero tamén con bicos”, sinala a xinecóloga.

Polo tanto, as principais estratexias para evitar as consecuencias máis graves serían a vacinación, o cribado citolóxico cada tres anos a partir dos 21, o uso do preservativo e eliminar o consumo de tabaco. Este último, tal e como explica Arias, é o principal cofactor modificable.

A nivel global, a Organización Mundial da Saúde (OMS) marcouse como obxectivo a eliminación do cancro de colo de útero para 2030, non coa idea da erradicación total, senón para que desapareza como un problema de saúde pública. Neste sentido, as metas que a organización pretende acadar son a vacinación do 90% das nenas antes de cumprir os 15 anos, a realización de probar de detección precoz ao 70% das mulleres antes dos 35 e de novo antes dos 45 e a dotación de tratamento ao 90% das mulleres diagnosticadas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.