Galicia amplía ata os 25 anos a vacinación en varóns contra o virus do papiloma humano

A medida impulsada pola Dirección Xeral de Saúde Pública, que entrará en vigor o 25 de maio, consistirá na administración dunha soa dose

O Consello da Xunta aprobou este luns a ampliación do rango de idade na vacinación fronte ao virus do papiloma humano (VPH) a homes nados dende o ano 2001, unha medida que entrará en vigor o 25 de maio e lles permitirá protexerse fronte a esta infección de transmisión sexual que lidera cifras de afectados a nivel mundial.

Co obxectivo de reducir a circulación do virus entre a poboación galega e así evitar as posibles lesións precancerosas que derivan da súa infección, o Executivo galego destinará unha partida de 982.827 euros para vacinar a arredor de 21.000 varóns nados entre os anos 2001 e 2003. A pauta de vacinación para estas novas cohortes consistirá na administración dunha soa dose, seguindo as recomendacións vixentes e simplificando o proceso de inmunización. 

Publicidade

Con esta medida, continúa a ampliación progresiva do programa de vacinación fronte ao virus do papiloma humano. A vacinación sistemática na poboación infantil feminina estableceuse en 2008, mentres que no caso da poboación masculina implementouse no ano 2022 para todos os varóns aos 12 anos. En posteriores ampliacións foise estendendo a vacinación aos mozos de ata 18 anos, logo ata os de 21 e agora chega aos mozos de 25 anos.

A infección de transmisión sexual máis común

O virus do papiloma humano (VPH) é a infección de transmisión sexual máis común a nivel mundial. A maioría das veces a infección resólvese soa, pero se permanece é un colaborador imprescindible para o desenvolvemento de cancro de colo de útero, vulva, vaxina, ano, pene, orofarinxe e boca en homes e mulleres. 

Publicidade

O seu padecemento pode ocasionar discapacidade e diminución da calidade de vida, constituíndo un importante problema de saúde. Así mesmo, o VPH está implicado na xénese das verrugas xenitais que, se ben non son unha enfermidade grave, causan gran morbilidade e xeran un grande impacto sobre a asistencia sanitaria.

A ampliación da poboación diana masculina repercutirá directamente na saúde dos homes e mulleres galegas en canto á morbimortalidade vencellada a este virus e, ademais, terá beneficios indirectos na asistencia sanitaria, evitando consultas de atención primaria e/ou hospitalaria, ingresos e prescricións farmacolóxicas derivadas do padecemento destas patoloxías. 

Con esta medida, a Consellería de Sanidade reafirma o seu compromiso coa calidade asistencial e a prevención, garantindo que as cohortes de maior idade que non foron incluídas inicialmente no calendario sistemático teñan acceso á máxima protección.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A loita contra a resistencia antimicrobiana: “As vacinas reducen o uso de antibióticos”

Un informe advirte que a farmacorresistencia causa máis de 1,3 millóns de mortes a nivel mundial, cifra que podería chegar a 10 millóns para 2050

Arranca un ensaio clínico para avaliar a vacina combinada fronte á gripe e a covid en maiores de 65

O proxecto chámase Combogal e agárdase que participen nel 110.000 persoas entre a campaña que xa está en marcha e a da tempada 2027 - 2028

Vacinas nasais: unha nova e prometedora vía para frear a transmisión dos virus respiratorios

A modalidade xera unha defensa intensa nas vías respiratorias superiores ao administrarse o aerosol ou as gotas directamente sobre a mucosa do nariz

Entre a volta ás aulas e o descenso da vacinación en Europa: cales son as vacinas necesarias na infancia?

O calendario infantil marca que os bebés recibirán a maior parte das súas doses durante o seu primeiro ano de vida