A vacina do virus do papiloma humano en nenos: un gasto necesario?

O anuncio do futuro presidente da Xunta de incluír a ambos sexos no calendario vacinal abre o debate científico sobre a pertinencia da medida

Alfonso Rueda Valenzuela, candidato a suceder a Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta de Galicia, comprometeuse este martes no seu discurso de investidura a incluír a vacina contra o virus do papiloma humano (VPH) para os nenos no calendario infantil galego. Hai que recordar que polo de agora a Seguridade Social só cobre esta inxección nas nenas.

Rueda tamén adiantou a intención de solicitar ao Ministerio de Sanidade a extensión desta medida a todo o territorio español xa que, polo momento, Cataluña é a única comunidade autónoma en administrar a vacina tanto a nenos como a nenas, unha medida que implementará a partir do próximo curso escolar.

Publicidade

Defensores e detractores

O VPH é un virus que conta con varios serotipos entre os que se poden atopar cepas de baixo risco —é dicir, que non derivarían en cancro de colo de útero— e outras de máis alto risco, que son as que preocupan a nivel de saúde pública. Precisamente, a maior problemática deste virus é o seu elevado nivel de propagación xa que a probabilidade media de que unha muller entre en contacto coas cepas de alto risco é do 70%.

Algúns profesionais recomendan a vacinación en nenos para diminuír a propagación do VPH, pero outros cren que non existe evidencia suficiente

Neste sentido, a vacina resulta imprescindible para non desenvolver as lesións malignas que orixina o virus, algo moito menos complexo que loitar contra a súa circulación. Por este motivo, algúns profesionais da saúde pediátrica xa recomendan a vacinación tamén en nenos argumentando que, aínda que o cancro de colo de útero afecta a mulleres, o VPH é considerado un virus de transmisión sexual que tamén pode ser contaxiado polos homes.

Publicidade

Por outra banda, é certo que este virus asociouse a outro tipo de cancros que tamén lles afectarían a eles, como poden ser os de pene, ano e orofarínxeo, polo que algúns países —Canadá, Australia e Reino Unido, principalmente— xa están implementando a vacinación en ambos sexos.

Con todo, a posta en marcha desta medida non é tan sinxela. Efigenia Arias, médica especialista da área de Obstetricia e Xinecoloxía do CHUS con actividade en xinecoloxía oncolóxica e profesora asociada da Universidade de Santiago de Compostela (USC), xa adiantaba en marzo con motivo do Día Mundial de Prevención do Cancro de Colo de Útero que os datos actuais non supoñen unha evidencia suficiente como para asegurar que esta vacina vaia ser efectiva na prevención deste tipo de tumores.

Recursos limitados

A principal problemática á hora de implementar a vacinación en ambos sexos é a cuestión económica. A evidencia parece deixar claro que, se o que se pretende é evitar o desenvolvemento de cancro de colo de útero, a vacinación das mulleres e o protocolo de cribado mediante a realización de citoloxías regulares son as mellores estratexias.

Efigenia Arias, xinecóloga oncolóxica: “Cando a cobertura vacinal de mulleres é moi alta, a circulación do virus é moi baixa”

Se o que se pretende é diminuír a propagación do VPH, a vacinación dirixida ás nenas é a mellor estratexia: “Veuse que, cando a cobertura vacinal de mulleres é moi alta, a circulación do virus é tan baixa que fai pouco probable que vacinar os homes poida achegar algo novo, tendo en conta o custo que isto supón. Tendo un orzamento limitado é totalmente coherente e razoable utilizalo en vacinar a cantas máis mulleres mellor“, explicaba Arias.

E se o que se pretende é diminuír os tumores prevalentes en homes a causa do VPH, tal e como apuntaba a xinecóloga, haberá que agardar dous ou tres anos, momento no cal poderían existir estudos que demostren se “efectivamente estas persoas van desenvolver moitos menos tumores para xustificar vacinalos a todos. Polo momento, a evidencia non é tan forte como para facer ese investimento a nivel poboacional”.

Laura Veiga
Laura Veiga
Xornalista pola Universidade de Santiago de Compostela, especializada en cultura científica pola Universidade de Oviedo e sexóloga pola Universidade Camilo José Cela. Combina a comunicación e a divulgación en medios como GCiencia e Nós Diario coa educación sexual e menstrual, que desenvolve a través do seu proxecto Pingando en redes sociais e en obradoiros para centros educativos e asociacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un consorcio internacional acelera o desenvolvemento da vacina ‘galega’ contra a tuberculose

Os 12 socios coordinados por Biofabri reciben 18,2 millóns de euros para apoiar dous ensaios clínicos en países de África Subsahariana

Galicia amplía ata os 25 anos a vacinación en varóns contra o virus do papiloma humano

A medida impulsada pola Dirección Xeral de Saúde Pública, que entrará en vigor o 25 de maio, consistirá na administración dunha soa dose

Doce factores que explican por que están aumentando as infeccións de transmisión sexual

Cada día, máis dun millón de persoas en todo o mundo contraen unha ITS e, por desgraza, estas cifras van en aumento

Galicia amplía a cobertura da vacina reforzada contra a gripe e adianta a do sarampelo aos dous anos

A inmunización contra o virus respiratorio comezará a administrarse na próxima campaña á poboación xeral de entre 65 e 69 anos