María Martinón: “A ansiedade dáse porque o cerebro anticipa perigos incluso onde non os hai”

A paleoantropóloga ourensá advirte que a capacidade da nosa especie para influír no seu propio destino “pode ser un regalo ou unha maldición”

A paleoantropóloga ourensá María Martinón. Foto: Cenieh
A paleoantropóloga ourensá María Martinón. Foto: Cenieh

Sempre tivo curiosidade polo ser humano. Polo que lle pasa, pola maneira na que se enfronta á súa propia historia, á nosa historia. As súas ansias de saber levárona a onde está hoxe: María Martinón-Torres (Ourense) é directora do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (Cenieh). Medrou rodeada de libros e a medicina foi a súa vía de entrada para dedicarse ao campo no que agora centra o seu traballo: a paleoantropoloxía. No seu último libro, Homo Imperfectus ¿por qué seguimos enfermando a pesar de la evolución? (Destino) adéntrase no pasado para comprender o presente. 

Cal e a importancia de que, como sociedade, coñezamos o noso pasado?

—Cunha mirada cara ao pasado somos capaces de contextualizar moitas das cousas que nos pasan, incluídas as negativas. Ter unha perspectiva demasiado negativa sobre o que nos acontece pódenos levar cara a actitudes derrotistas, cando resulta que, ás veces, o que se pon de manifesto na loita pola supervivencia son as nosas fortalezas. Se miramos ao pasado, vemos que moitas das capacidades que nos sacan para adiante nos momentos de crise son aquelas que están escritas na nosa propia natureza. Somos unha especie social e colaboradora que se apoia nos demais para saír adiante nos momentos de dificultade. Funcionamos como un superorganismo: formamos todos parte, dalgunha maneira, do mesmo corpo.

—É unha virtude que sexamos imperfectos?

—Non poderiamos dicir que a imperfección en si mesma sexa unha virtude. Non obstante, as nosas imperfeccións poñen de manifesto algo que si o é: que somos unha especie cunha capacidade de adaptación moi versátil. Hai características que nos poden supoñer unha vantaxe en ambientes determinados e noutros non. Por exemplo, o xene da anemia falciforme, que che provoca nun ambiente determinado esta enfermidade, e obviamente resulta negativo, tamén che pode estar proporcionando protección fronte á malaria. Esa imperfección, no fondo, o que está revelando é unha gran capacidade do noso grupo para adaptarse a ambientes moi diferentes.

“Estamos cambiando o mundo a un ritmo moito mais rápido do que a nosa bioloxía pode mudar”

—Ao longo do seu traballo pregúntase: Por que somos como somos? Axudoulle este libro a achegarse á resposta?

—A min persoalmente, si. Ao ser unha especie pensante, como o caso dos Homo sapiens, é tan curador que o médico che diga o que che pasa como que che explique por que che está acontecendo iso. Penso que ser consciente do porque che pasan as cousas apórtache seguridade, esperanza, fortaleza. A enfermidade, por exemplo, é un reflexo de que estamos vivos. Comprender que as enfermidades non demostran que a evolución fallara, senón que ten outros tempos, tamén achega certa confianza. Neste libro envorco a miña maneira persoal de comprender os recunchos mais escuros da nosa bioloxía.

—Centrouse no estudo dos dentes. Por que? Que información de valor conteñen?

—Os dentes son o rexistro fósil que mellor se conserva, conteñen moitísima información porque non mudan ao longo da vida do individuo. Polo tanto, reflicten de maneira bastante fidedigna a nosa dotación xenética. A través dos dentes podemos estudar o parentesco. É dicir, a relación entre nós e outras especies que se extinguiron. Tamén dan información sobre as dietas, enfermidades… e poden presentar marcas de desgaste relacionadas con algún hábito cultural. Nos Neandertais da Sima dos Osos en Atapuerca atopamos algunhas marcas que están relacionadas co que chamamos o uso dos dentes como unha terceira man para suxeitar alimento, cortalo ou pulir as peles. Os dentes son unha cápsula do tempo, unha caixa forte onde se garda moita información sobre un individuo e a especie á que pertenceu.  

“A nosa capacidade tan invasora deixa pouco espazo para outra especie intelixente “

—Existe algún punto de inflexión sobre os descubrimentos que se veñen realizando ao longo do tempo sobre a evolución? 

—O momento no que a paleontoloxía clásica, que e a que se deriva do estudo dos fósiles, empeza a ir da man dos estudos da antropoloxía molecular. É dicir, do estudo do ADN e agora tamén das proteínas. Grazas ás proteínas temos outro tipo de análises que nos permiten ir mais atrás no tempo, porque se conservan mellor que o ADN. Este avance permítenos chegar a conclusións, por exemplo, sobre a hibridación dos sapiens e neandertais. Agora somos capaces de facernos preguntas que antes parecían imposibles. 

—Por que somos a única especie humana que aínda queda na terra?

—Non existe unha única resposta porque a extinción das especies son procesos multifactoriais. Por outra banda, é difícil que a nosa especie deixe espazo para outra.  Somos tan capaces de ocupar todos os nichos, todos os recunchos, que non deixamos espazo libre para outra especie. Colonizamos practicamente todos os lugares do planeta e todos os estilos de vida. Somos capaces de vivir en ambientes sedentarios, no campo, en cidades, na montaña, en grandes altitudes, no nivel do mar, en ambientes tropicais, no Polo Norte… Esa capacidade tan invasora da nosa especie deixa pouca oportunidade para que outra especie intelixente, que explote o mundo da mesma maneira, teña sitio.

“Os problemas de ansiedade e insomnio son un efecto dun órgano do cerebro especializado en resolver problemas”

—Inflúe a revolución tecnolóxica que estamos vivindo na evolución?

—Si, claro. Por unha banda temos a evolución biolóxica, do corpo, e, pola outra, a evolución cultural. A través da evolución cultural estamos conseguindo cambiar o mundo a un ritmo moito mais rápido do que a nosa bioloxía pode mudar. É neste desaxuste onde aparecen moitas das enfermidades que a día de hoxe padece a nosa especie. A evolución cultural crea esa greta que existe entre a nosa bioloxía e o mundo que, curiosamente, nós mesmos cambiamos.

—Nun capítulo do libro pregúntase por que unha especie que presume de estar adaptada convive diariamente co sufrimento. Estamos vendo como cada vez hai máis problemas de saúde mental.

—Agora falamos moito máis dos problemas de saúde mental, pero isto non quere dicir que haxa máis ansiedade, por exemplo, ca antes. Temos moitos datos do presente, pero non do pasado. Hai moitas persoas que teñen cadros de ansiedade e problemas de insomnio. Isto é un efecto secundario dun órgano do cerebro que está especializado na resolución de problemas, pero é tan bo que se anticipa a eles. Ten a capacidade para imaxinarse perigos incluso onde non os hai, porque desa maneira estamos máis protexidos. A nivel individual, isto pode xerar moitos problemas, o que pasa é que evolutivamente isto a especie proporciónalle unha vantaxe; ter a alguén sempre preocupado polo que poida pasar é máis adaptativo que non estar preocupado en absoluto. 

“Os dentes son unha cápsula do tempo, unha caixa forte onde se garda moita información sobre individuo e especie”

—Entón, xoga a felicidade algún tipo de papel na evolución?

—A felicidade non parece ser en principio unha característica que lle preocupe á selección natural. Á selección natural non lle importa a nosa saúde, nin a nosa felicidade, nin o noso benestar, preocúpalle a reprodución da especie. Hai cadros, como falabamos antes da ansiedade, que aínda que individualmente me pode provocar malestar, se me mantén alerta e, con iso, os meus fillos poden chegar a unha idade reprodutiva, a selección natural non os vai eliminar, porque aínda que a nivel individual é negativo, a nivel global da especie non. Pasa o mesmo con enfermidades neurodexenerativas, que acostuman aparecer a unha idade avanzada. É moi doloroso, é unha situación moi tráxica a nivel persoal e para a sociedade, pero como acostuma afectarlle a esa porcentaxe da poboación que xa pasou o período reprodutivo, non está na diana de actuación da selección natural.

—Cara a onde imos como especie?

—Ogallá o soubera. Non o sei, eu creo que somos unha das especies que máis capacidade temos para dirixir o noso propio destino, e isto pode ser un regalo ou unha maldición. Eu creo que podemos ir a onde decidamos, pero para iso sería importante que nos puxeramos de acordo sobre que futuro queremos e que mundo queremos, sobre todo porque a día de hoxe somos a forza ecolóxica de maior impacto no planeta. Non sei a onde imos, pero si sei que podemos ir a onde queiramos, o importante é que nos poñamos de acordo. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.