Do CINBIO a Sudáfrica para estudar a recombinación da covid: historia dunha viaxe

O grupo CME da UVigo leva anos estudando a evolución dos virus a través da bioinformática e centra parte dos seus estudos na monitorización do SARS-CoV-2

Na esquina onde o norte e o leste de Sudáfrica se xuntan, a piques da fronteira con Mozambique, atópase o parque Kruger, a maior reserva de animais do Sur do continente. Esta rexión non só alberga unha incrible variedade de vida, como imaxinamos nun parque natural.

Ademais de espertar o interese de biólogos e aficionados á fauna salvaxe, ten características moi particulares que fan dela un obxecto de estudo: “Temos un contexto onde unha gran parte de poboación ten o virus da sida (VIH), co cal ten un sistema inmune debilitado e, ademais, conviven coa fauna silvestre, o cal aumenta o risco de zoonosis (infeccións virais transmitidas aos humanos desde os animais)”, explica Luis Daniel Gónzalez Vázquez, recén nomeado doutor no CINBIO baixo a dirección de Miguel Arenas Busto (investigador principal e lider do grupo CME, Evolución Molecular Computacional). A súa emoción ao falar do tema é contaxiosa, case tanto como aquilo que leva catro anos estudando con motivo da súa tese. Por dar unha pista: foi o causante dunha recente pandemia mundial.

Publicidade

No grupo CME estudan o pasado e presente dos virus para prognosticar o seu futuro grazas á bioinformática. No seu paso polo equipo, González achegou a súa ollada persoal á evolución das variantes da COVID a través dun mecanismo biolóxico chamado recombinación.

Co obxectivo de evitar sorpresas, os científicos e científicas do CINBIO (centro que pertence á rede de excelencia científica CIGUS potenciada pola Xunta de Galicia) seguen a monitorizar a evolución deste virus, prestando especial atención aos pacientes con infeccións de longa duración. No caso de González, toca poñer fin á súa etapa dentro do grupo, mais non á colaboración. O seu obxectivo é claro: voltar a Sudáfrica, ao Centre for Epidemic Response and Innovation, preto do parque Kruger, para estudar o virus nunhas condicións únicas.

Publicidade

Do ámbito galego á escala global 

O camiño de González cruzouse co da covid xa no mestrado, cando analizou a súa evolución local con mostras do ámbito galego. O interese polo tema foi medrando, e finalmente rematou dedicando a tese de doutoramento ao estudo do SARS-CoV-2 (o virus da covid) e das súas variantes máis “preocupantes” na escala global. Porén, o investigador decatouse por observar a evolución do virus dun xeito peculiar: estudando as súas dinámicas dentro de cada hóspede, especialmente nos pacientes que adoecen da covid de longa duración.

“O SARS-CoV-2 está diversificado por todo o mundo, co cal ten moitas posibilidades de evolucionar e adaptarse acumulando mutacións”, explica Arenas. Algunhas son neutras, e non causan efectos aparentes. Outras, como as variantes alfa, delta e ómicron, afectaron a capacidade de transmisión e replicación do virus, podendo ser máis perigosas.

No caso dos pacientes con covid de longa duración, o virus permanece máis tempo no organismo, o que lle proporciona máis oportunidades de acumular cambios: “Os virus teñen a oportunidade de probar distintos camiños evolutivos, poden ir adaptándose rapidamente ao seu entorno”, engade González. Ademais, outro aspecto interesante nestes casos é o proceso da recombinación, no cal dúas cepas diferentes infectan unha mesma célula, mesturando o seu material xenético. Isto xera unha nova variante onde se combinan as anteriores, unha sorte de “virus mosaico”. Recombinación e covid de longa duración: cal é, entón, a relación?

Unha monitorización constante

Segundo comenta o líder do grupo: “Cando o SARS-CoV-2 infecta unha persoa seguindo un proceso típico ou normal, a diversidade xenética [do virus] que se pode atopar no organismo é moi baixa, xa que no proceso de infección se transmite unha pequena poboación do virus e non hai moita posibilidade de que dúas variantes diferentes se xunten de forma que ese proceso de recombinación sexa visible”.

A cousa cambia cando falamos da covid de longa duración. Nestes pacientes a diversidade xenética do virus é moitísimo máis grande: vai evolucionando dentro do corpo e, ao permanecer moito máis tempo, a posibilidade de que o paciente se infecte cunha nova variante, mantendo a antiga, é moito maior. Ademais, increméntase a posibilidade de recombinación entre variantes diferentes.

O que aconteceu coa variante ómicron, explican os dous, foi sen dúbida excepcional: “No caso do coronavirus houbo un escrutinio case constante, é dicir, sabíamos perfectamente o que estaba pasando en cada momento e as mutacións que ían aparecendo”, lembra González. 

E, aínda así, en novembro de 2021 apareceu, precisamente en Sudáfrica, a variante ómicron, con máis de 50 mutacións. Totalmente adaptada ao ser humano, pasara desapercibida para as investigadoras e investigadores que a nivel global rastrexaban a evolución do SARS-CoV-2. Por iso, unha das hipóteses que explicaría a orixe de ómicron mantén que o virus foi mutando ao replicarse dentro do organismo dun paciente con covid de longa duración, cun sistema inmune deprimido.

O quilómetro cero

González comezou a colaborar coa Universidade de Cambridge a partir da súa estadía na Universidade de Cape Town, onde foi desenvolvendo unha pioneira metodoloxía para estudar a recombinación: “O obxectivo non é só investigar este proceso, senón coñecer en que momento exacto se produce a recombinación e comprender como se establecen as mutacións co paso do tempo nos pacientes de longa duración”, conta. Unha das portas que abren estos estudos da recombinación no SARS-CoV-2 é prognosticar en que circunstancias se pode xerar unha variante perigosa que persista, e así extremar as medidas de precaución e monitorizar a súa evolución.

No seu estudo Heterogeneous Evolution Among SARS-CoV-2 Genes and Variants of Concern, publicado na revista académica Journal of Medical Virology, Arenas e González levaron a cabo unha análise sistemática da evolución do coronavirus e das súas variantes: “O que vimos é que ao principio o virus evolucionaba dun xeito lento, o que nos permitiu desenvolver vacinas moi efectivas, mais as novas variantes do virus presentan unha maior taxa de evolución, incluíndo mutacións e recombinación entre variantes máis distantes”, explica o investigador principal. Como consecuencia, aquelas vacinas xa non son tan efectivas fronte á infección. 

Prognosticar o futuro

O coronavirus segue a ser unha problemática para a saúde, especialmente nos casos de persoas inmudeprimidas, maiores ou nas crianzas. Por iso, cómpre seguir monitorizando a súa evolución na procura de novas variantes preocupantes. González, quen defendeu a súa tese de doutoramento a semana pasada, subliña a importancia de levar a cabo unha investigación científica que non só centre os esforzos en estudar a saúde humana, senón que protexa a saúde global, denominada One Health (saúde humana estreitamente ligada á saúde dos animais e ao medio ambiente): “Realmente hai que protexelo todo; a saúde animal, a saúde ecolóxica e a saúde humana, porque están conectadas”, para o cal o investigador pretende voltar a Sudáfrica como investigador posdoutoral.


Referencia: Heterogeneous Evolution Among SARS-CoV-2 Genes and Variants of Concern (Publicado en Journal of Medical Virology)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A tecnoloxía galega que permite analizar datos sen comprometer a privacidade

Investigadores de atlanTTic desenvolven ferramentas criptográficas para mellorar o deseño das políticas públicas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Unha investigación galega propón un tratamento contra a artrose que ataca o envellecemento celular

O proxecto SENPAD desenvólvese no marco da convocatoria Ignicia Proba de Concepto articulada pola Axencia Galega de Innovación