Os virus son o arquetipo do criminal (case) perfecto. Forzan o teu sistema inmune, case sen deixar pegada, e invaden as túas células para tomar o control. Evolucionan, mutan constantemente, como o ladrón que vai cambiando de identidade para fuxir da xustiza. Por sorte, os seres humanos contamos cunha axuda imprescindible para combater a estes diminutos criminais: trátase da capacidade dos científicos e científicas para secuenciar xenomas, é dicir, “ler” as letras que conforman o ADN ou o ARN de todo tipo de organismos a través de distintas técnicas. Xunto coa bioinformática, a secuenciación é unha das protagonistas desta historia, que nos fala da orixe e introdución das distintas variantes da covid en Galicia.
Hai cinco anos, unha estudante de doutoramento comezaba a súa andaina no mundo da investigación dentro do grupo de Filoxenómica do CINBIO (Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina cofinanciado con fondos FEDER). A súa idea era combinar a bioinformática co estudo do cancro, unha das liñas de investigación principais deste grupo. Mais xa se sabe o que pasou no 2020. E coa chegada dun pequeno virus descoñecido, os científicos e científicas de todo o mundo uniron esforzos para combater a grande ameaza dunha pandemia global. Por suposto, Pilar Gallego non ía ser menos.
O inicio dunha colaboración necesaria
Gallego recoñece que o contido da súa tese pillouna por sorpresa. Non agardaba estudar virus, mais a meirande parte da poboación tampouco esperaba vivir unha pandemia como a da covid, e aínda así, chegou. Para enfrontar o reto e achegar un gran de area, o xefe do grupo e titor de Gallego, David Posada, decidiu formar e coordinar o consorcio EPICOVIGAL. Así, estableceuse unha colaboración entre os tres institutos de investigación sanitaria de Galicia (INIBIC, IDIS e IISGS), os tres Centros Singulares de Investigación da Xunta de Galicia (CIMUS, CITIC e CINBIO, pertencentes ás tres universidades galegas), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e os sete Servizos de Microbioloxía dos centros hospitalarios de referencia nas principais áreas sanitarias do Sergas: “David suxeriume que formara parte deste traballo, e a verdade é que me encantou”, reflexiona.
Dende o inicio da pandemia e ata o ano 2022, recolleron miles de mostras de pacientes e secuenciaron o xenoma do virus cunha periodicidade moi curta: “Mensualmente unha vez rematada a urxencia da primeira onda”. Isto permitiulles establecer unha cronoloxía moi exacta da introdución das distintas variantes da covid en Galicia, así como a súa procedencia, que foi variando co paso do tempo.
Os resultados do seu traballo poden consultarse no estudo Dispersal history of SARS-CoV-2 in Galicia, Spain, publicado na revista académica Journal of Medical Virology. No artigo, o consorcio EPICOVIGAL establece a procedencia das principais variantes da pandemia, alfa, delta e ómicron unha vez chegan a Galicia, así como a dispersión que tiveron dentro da propia comunidade.
Como funciona a filoxenómica?
A filoxenómica céntrase no estudo da evolución de células, poboacións e especies a través da xenómica, é dicir, do ADN ou do ARN completo. No grupo do CINBIO, a aproximación a este campo do coñecemento faise grazas á combinación de distintas técnicas pertencentes á bioloxía, pero tamén empregan ferramentas propias da estatística e da informática.
Grazas á filoxenia, podemos ver as relacións de parentesco entre especies, reconstruír o seu pasado e atopar comúns denominadores, tal e como acontece no caso dos seres humanos e os primates. Normalmente, estas relacións vense dun modo visual a través das árbores filoxenéticas.
Acceder ao xenoma completo dun virus non é unha cousa doada, mais si crucial para loitar contra unha ameaza como a do coronavirus. Coñecer a secuencia xenética permítenos entender o modo de funcionamento do organismo que estamos a estudar e, no caso dos virus, probar distintas opcións para frear o seu ataque dentro das células do noso corpo.
No caso do estudo de Gallego, e a través do consorcio EPICOVIGAL, centráronse nas principais variantes da covid e na súa introdución na comunidade galega: “Queríamos saber de que países ou rexións proviñan dun xeito maioritario, e vencellar eses fluxos de introdución coas medidas e restricións de movemento que se tomaron durante a pandemia”, subliña a investigadora. Outro dos obxectivos da súa análise foi estudar a dispersión de cada variante, é dicir, observar se tiñan a capacidade de pasar dunha cidade a outra, ou de vila en vila, ou se se mantiñan máis ou menos illadas nunha zona.
Os resultados do estudo
“Este traballo foi posible grazas ás mostras de pacientes que nos facilitaban dende os tres hospitais principais de Galicia e a través das descargas de bases de datos”. Despois, explica Gallego, empregaron métodos estatísticos para analizar ditas secuencias xenómicas, e así atoparon as relacións entre as mostras: “Puidemos ver se unha mostra específica que recollemos en Vigo era máis semellante a unha de Portugal ou a outra de Cataluña”.
Cales foron, entón, as principais vías de introdución do coronavirus en Galicia? Segundo os resultados de EPICOVIGAL, durante a primeira fase da pandemia e coincidindo coa variante alfa, a orixe dos primeiros contaxios proviña doutras rexións de España, como Castela e León e Madrid, e de Francia, xa que dita fronteira non tivo unhas restricións tan duras como a de Portugal: “Durante a variante delta, que tivo lugar no verán, a maior fonte de virus veu de Portugal, máis tamén dos EEUU, xa que recibimos moito máis turismo deste país do que semella”.
Proximidade e conectividade, as claves
En xeral, explica Gallego, a importancia de comunidades como Castela e León, Madrid e Cataluña na introdución da covid en Galicia afectou ás tres variantes principais. No caso da comunidade veciña, conta, isto explícase pola súa proximidade. Para Madrid e Cataluña, ademais de ser as comunidades máis poboadas, son as que maior conexión de transportes teñen con Galicia.
Neste traballo levado a cabo polo consorcio, chegouse á conclusión de que os maiores focos de contaxio foron as cidades de Vigo, A Coruña e Santiago, aínda que si houbo dispersión ata vilas pequenas, subliñando as chamadas cidades-dormitorio que se atopan máis preto dos núcleos das cidades: “Tamén temos que ter en conta que a maioría das mostras proviñan destas cidades, xa que son as únicas nas que hai hospitais con capacidade para secuenciar mostras”, matiza Gallego.
Unha lección aprendida
En 2020 diciamos que iamos saír desta pandemia sendo mellores. Cinco anos despois, Gallego reflexiona sobre aquilo que non podemos esquecer: “Os sistemas de secuenciación que agora están implementados nos tres hospitais de referencia en Galicia son moi útiles, e non só para a covid, senón que tamén serven para outros virus, tal e como aconteceu coa alarma da mpox”. Para ela, é vital seguir mantendo ditos servizos, de xeito que a vindeira vez que se precisen, poidan reactivarse con relativa rapidez ou sinxelamente seguir coa súa actividade con total normalidade: “Non serve de moito ter que enviar as nosas mostras a outra comunidade como Madrid, porque ao final pérdese un tempo moi valioso”.
Sobre as decisións políticas, a investigadora subliña a complexidade destas: “Ás veces temos que pensar se pagan a pena, xa que se ti pechas unha fronteira para deter a entrada dunha variante, primeiro tes que estudar e ver se dita variante xa se atopa na túa poboación”.
Referencia: Dispersal history of SARS-CoV-2 in Galicia, Spain (Publicado en Journal of Medical Virology)














