A revolución das vacinas contra a covid, o antes e o despois da ciencia

A tecnoloxía do ARN mensaxeiro permitiu crear fármacos para combater o SARS-CoV-2 en tempo récord e impulsou as inmunizacións masivas

Outubro de 2023. Katalin Karikó recibe xunto ao seu colega Drew Weissman un dos maiores recoñecementos científicos do mundo: o Premio Nobel de Medicina. A investigadora húngara levaba décadas traballando incansablemente no ARN mensaxeiro (ARNm), pero sen obter froitos. Tivo que estalar unha pandemia para que esa tecnoloxía novidosa, ata aquel momento pouco utilizada, servise para iniciar unha revolución: a das vacinas creadas en tempo récord para loitar contra un virus descoñecido. Nieves Cabo Vidal foi a primeira galega en recibir a primeira dose dun fármaco que cambiou o mundo e marcou un antes e un despois na ciencia.

“Foi unha revolución. Foron vacinas nas que se levaba moitos anos traballando pero que non funcionaron no seu momento. Coa chegada do SARS-CoV-2 demostrouse que se podían crear de forma rápida e eficaz, cun nivel de protección realmente espectacular“, lembra a catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo (UVigo) África González. Continúa explicando que as primeiras que se administraron á poboación foron as de ARNm por ser máis rápidas e ter menos efectos secundarios. Con todo, non foron as únicas: Rusia desenvolveu unha baseada en adenovirus; China, outra co patóxeno atenuado; o grupo Novavax, con proteínas; e un longo etcétera.

Cuestión de rapidez e loxística

A gran diferenza de vacinas como as de AstraZeneca, Moderna e Pfizer —nomes xa gravados na memoria colectiva— doutras realizadas con métodos tradicionais é, precisamente, a rapidez da súa produción. “Hai outras tecnoloxías nas que necesitas que o virus medre en ovos de polo ou en cultivos celulares e iso require tempo. Unha vez que se replicou concéntrase, inactívase e úsase nas vacinas”, apunta a inmunóloga da UVigo. Con todo, este proceso pode levar meses e o que consegue o ARNm é acurtar os tempos o máximo posible. Lógrao porque non necesita que medre o virus, dado que traballa coa secuencia: “Só cunha pequena cantidade, sabendo e amplificando a súa secuencia, podes deseñar o ARNm”.

O SARS-CoV-2 logrouse secuenciar en tempo récord e, polo tanto, tamén se tiña a vacina; o que faltaban eran os estudos en modelos animais e en voluntarios. “O que logrou esta tecnoloxía foi acurtar as fases. Houbo 20.000 persoas que accederon a probala. Fíxose todo o proceso de seguridade e unha vez que se avalizou, xa comezou a vacinación masiva”, aclara González. Aí rexorden os recordos das colas nos grandes recintos como a Cidade da Cultura e o Ifevi, que permitiron inmunizar á poboación.

Publicidade

A primeira vacina de moitas

O Premio Nobel de Medicina a Karikó e Weissman é, en palabras de González, un gran recoñecemento e un salto científico irreversible. A súa tecnoloxía permitiu deseñar as vacinas contra a covid, pero non é o único virus co que está a traballar. “As tradicionais, como a da polio, a varicela e a rubéola funcionan moi ben e dubido moito que se vaian substituír polas de ARNm. Pero as que se creen para patóxenos novos, como o zyka ou o virus do Nilo Occidental, ou incluso unha gran pandemia de gripe, probablemente sexan con esta tecnoloxía”, matiza a inmunóloga. Mais non só se está a traballar en vacinas contra enfermidades infecciosas, senón tamén contra cancros como o de páncreas e outros tumores sólidos.

Vacinas rápidas, pero non as únicas

A énfase sempre está posta na rapidez coa que se crearon contra o SARS-CoV-2. Deron a volta ao mundo e conseguiuse inmunizar a poboación cando o virus xa estaba circulando, ao contrario do que se pretende coas campañas de gripe anuais. Foron unhas condicións inusuais pero efectivas. Non obstante, González asegura que esta non foi a única vez na que se crearon vacinas de forma extraordinariamente veloz: “As da gripe, sen ir máis lonxe, fanse novas todos os anos dependendo da cepa que estea circulando e sabemos que se tarda menos dun ano”. O mesmo aconteceu co virus da lingua azul, que afecta a ruminantes.

A gran diferenza das inmunizacións contra a covid, por tanto, non reside tanto na rapidez, senón na loxística. “Empezamos a vacinarnos cando somos nenos pero non se volven administrar hasta que somos maiores de 65 anos. A xente non estaba acostumada facelo sendo adulta e iso foi a gran novidade”, admite a inmunóloga. Con todo, as cifras en Galicia e en España foron realmente elevadas e unha gran porcentaxe da poboación inmunizouse voluntariamente, a diferenza doutros países. “Galicia é unha das comunidades máis concienciadas e os niveis de vacinación da xente maior coa gripe eran moi altos. Coa covid tamén”, sinala.

Desaparecerá o SARS-CoV-2?

Mirar ao futuro nunca é sinxelo pero pódense extraer conclusións que axuden a predicir o comportamento do SARS-CoV-2. A inmunóloga da UVigo aclara que se está a recuperar a normalidade dos virus estacionais, como quedou patente nesta tempada. O coronavirus, presente todo o ano, apenas rexistrou casos durante a época da gripe e do virus respiratorio sincitial. “Pode haber moitísimos asintomáticos pero o certo é que a covid perde protagonismo fronte aos patóxenos habituais. Se seguimos así é posible que a vacinación á poboación xeral non sexa necesaria”, asume.

Os movementos antivacinas veñen de vello

Malia a sobrada evidencia científica que apoia a eficacia das vacinas, e a constata eficacia na recuperación da normalidade, os movementos en contra destas terapias rexurdiron con forza tras a pandemia. González asevera que non é algo novo. Exemplifícao con Edward Jenner, o médico inglés que deseñou a primeira vacina da historia: a da varíola. “A xente daquela época pensaba que se a poñían ían saírlle cornos ou se ían transformar en vacas porque era meter algo estraño no corpo”, indica. E pese a esas crenzas, a da varíola salvou millóns de vidas. Foi un fito. En 1979 a Organización Mundial da Saúde (OMS) declarou a erradicación da enfermidade.

“Sempre hai xente moi crítica. Dá igual os datos e as gráficas que mostres. Cando apareceu o VIH habían quen negaba a infección, se inxectou e faleceu. Xurdían tratamentos tolos e sen ningún fundamento científico. O que me preocupa son os pais que non inmunizan os seus nenos contra a polio, o tétanos, a difteria…”, lamenta González. Unhas declaracións que lembran automaticamente ao recente falecemento dun menor en Texas a causa do sarampelo. Non estaba vacinado. Unha enfermidade que estaba a piques de erradicarse rexorde precisamente por este tipo de movementos.

“Moita xente pensa que como non pasou a polio, non existe. Están equivocados porque o virus está e segue circulando. O que ocorre é que estamos facendo unha barreira inmunolóxica que permite que os bebés moi pequenos e as persoas maiores e inmunodeficientes estean protexidas“, indica González, facendo fincapé na importancia da vacinación para erradicar enfermidades e previr a gravidade das mesmas. Malia que espera que a polio se erradique pronto, a inmunóloga sostén que os movementos antivacinas e relixiosos impulsaron o rexurdimento do satampelo, tamén preto, ata hai pouco, de desaparecer.

Do poder á saída da OMS

“O máis preocupante ocorre cando estes discursos son apoiados por profesionais da saúde, xa que entón nos enfrontamos a unha grave crise de desinformación“, engade a neurocientífica galega Sonia Villapol, que traballa no Hospital Methodist de Texas, nos Estados Unidos. Precisamente o goberno de Trump tomou unha serie de medidas no seu primeiro mes no poder que fixeron tremer a ciencia internacional. A primeira delas foi a saída da OMS. “É unha irresponsabilidade enorme”, lamenta Villapol. Ao que González engade: “Esta decisión pode ter efectos absolutamente brutais”. E un deles é a chamada a outros países, como Arxentina, que decidiron seguir os pasos do xigante americano.

“A OMS debería ter un papel supranacional e non depender dun país ou outro. Estados Unidos, sen ir máis lonxe, achega entre o 20% e o 30% do seu financiamento”, sostén a inmunóloga da UVigo. E apela a que precisamente agora se debería dar un paso adiante para converter a organización en independente. “Ás veces das crises sáese máis reforzado”, declara con optimismo.

A situación da ciencia nos Estados Unidos “é crítica”. Así o está a vivir Sonia Villapol dende Texas. “As novas medidas poñen en serio perigo o financiamento, o que sería devastador para a comunidade científica e para o sector da investigación biomédica financiado polos Institutos Nacionais de Saúde (NIH, polas súas siglas en inglés), unha institución clave no avance científico”, argumenta. Así é que algunhas das investigacións financiadas abordan enfermidades crónicas, autoinmunes e infecciosas, así como a saúde mental. Se deixan de recibir o apoio económico, isto podería significar un retraso significativo no desenvolvemento de novos tratamentos.

Cando os antivacinas chegan ao poder

Á fronte do departamento de Saúde Pública dos Estados Unidos está precisamente Robert Kennedy Jr., un recoñecido antivacinas. A postura do xigante americano respecto á ciencia e á saúde é perigosa, non só para a súa cidadanía, senón para o mundo en xeral. As súas decisións cortan o financiamento a países en vías de desenvolvemento e abren a porta á aparición de novos patóxenos. “Supón un risco significativo para a detección e contención de novas ameazas sanitarias”, incide Villapol, quen menciona a gripe aviaria. Controlada en Europa, en Estados Unidos estase a vivir unha situación ben diferente, dado que o virus xa está afectando a mamíferos. Isto aumenta as probabilidades de que salte a humanos.

O ascenso de Trump ao poder e as declaracións abertamente anticientíficas dalgúns dos responsables do seu goberno poñen en risco a ciencia internacional, non só a do seu país. Cortar axudas a países en vías de desenvolvemento só propiciará unha propagación máis rápida de novos patóxenos e unha menor resposta ante crisis semellantes á vivida co SARS-CoV-2. Pese ás crenzas infundadas que se opoñen á ciencia, foi precisamente ela, e o traballo incesante de Karikó e Weissman, a que permitiu inmunizar en tempo récord á poboación mundial. A que permitiu salvar millóns de vidas e recuperar unha rutina esquecida durante os confinamentos. A que logrou, sen ir máis lonxe, a erradicación da varíola.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

2 COMENTÁRIOS

  1. A chegada das vacinas contra o COVID-19 supuxo un cambio radical no mundo da ciencia. Antes, a creación de vacinas levaba anos, pero esta vez conseguiuse en meses porque os científicos xa estaban investigando tecnoloxías como o ARNm. A pandemia acelerou todo e vimos como a ciencia podía responder rapidamente a unha crise. É a aparición de novos patóxenos “Supón un risco significativo para a detección e contención de novas ameazas sanitarias”.

  2. Este bloge é unha lectura, obrigada para todos os interesados ​​na ciencia e na medicina. O autor fai un gran traballo explicando a ciencia detrás das vacinas dun xeito doado de entender. Tamén se discuten os retos do desenvolvemento e distribución de vacinas. En xeral, este bloge é un recurso valioso para quen queira aprender máis sobre as vacinas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

África González: “Deseñamos unha nova terapia CAR-T contra os cancros de páncreas e estómago”

A catedrática da UVigo acaba de ser galardoada co Premio María Josefa Wonenburger polas súas contribucións ao eido da inmunoloxía

A inmunóloga África González, premio Wonenburger 25

A Xunta outorga o galardón á catedrática da UVigo polo seu labor nas ciencias biomédicas e na nanomedicina

O frío adianta a tempada de gripe en Galicia: o que debes saber ante o aumento de casos

As hospitalizacións aumentan a 182 na última semana mentres o goberno galego activa medidas do Plan sanitario de inverno ante a aparición temperá de virus respiratorios

Que é a variante Frankestein? Síntomas e cando chegará a Galicia

"Non é unha ameaza", asegura a inmunóloga África González, que considera que o nome non está vinculado coa aparición de casos máis graves