Primeiro Jana, despois Laurence e, finalmente, Konrad e Martinho. Estes son os nomes das catro borrascas de alto impacto que regaron a península ibérica ao longo do mes de marzo. O centro e suroeste de España levaron a peor parte pero as abundantes precipitacións tamén chegaron a Galicia. É por iso que os solos están ao límite da súa capacidade de retención de auga, segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET). Un mapa difundido este luns a través da súa canle de X mostra que os solos galegos están saturados a 18 de marzo, dado que a súa capacidade de retención de auga está xa no 80%.
Con todo, Galicia, Asturias e as provincias do leste de Castela e León están nun nivel intermedio en comparación con outras zonas do Estado. Estremadura, a parte occidental de Andalucía, Madrid, parte de Castela-A Mancha e de Castela e León, a maioría da Comunitat Valenciana, Navarra e os Pireneos teñen os seus solos “moi saturados”, dado que a súa capacidade de retención acada xa o 98%. “Xa non admiten máis auga e toda corre cara aos seus leitos”, salientan dende a AEMET. Así é que esta fin de semana o río Texo, ao seu paso por Talavera de la Reina, derrubou a ponte romana. E, tamén, houbo avisos por desbordamento do Manzanares e do Guadalquivir, entre outros.
En relación á situación de Galicia, o estado dos embalses dá boa conta da cantidade de chuvia que caeu en marzo. A demarcación hidrográfica Galicia-Costa, segundo os últimos datos de embalses.net, estaba no 77,05% da súa capacidade. Moi preto, a confederación hidrográfico Miño-Sil, co 73,43%. Non obstante, o Ebro, o Cantábrico Oriental, o interior do País Vasco e os ríos andaluces de Tinto, Odiel e Piedras están por enriba do 80%, acadando nalgúns casos o 95%.
Volve o anticiclón
A situación chuviosa de marzo, anómala en gran parte da península, vai cambiar coa chegada do novo mes. Tanto en Galicia como no resto de España recuperarase a influencia anticiclónica a partir de mediados de semana. Segundo as últimas predicións semanais ás que aluden dende o portal Meteored, a fin de marzo e os comezos de abril serán máis secos do normal. En Galicia non se agardan chuvias para esta semana e o tempo seco e solleiro predominará na meirande parte do territorio, segundo o prognóstico de Meteogalicia.
Malia que o luns e o martes aínda hai unha alta probabilidade de chuvia, sobre todo na metade norte, a situación irá volvéndose máis estable conforme chegue o mércores, cando xa se poida dar por sentado que Galicia recuperou a influencia anticiclónica. No que respecta ás temperaturas, haberá maior oscilación térmica entre as máximas e as mínimas, pero os valores serán agradables. Non se acadarán os 20 graos, segundo a predición deste luns, pero estarase preto deles no sur de Galicia.













