A borrasca Martinho, situada ao oeste de Fisterra e moi preto da costa, causou na madrugada deste xoves un regueiro de incidencias en Galicia, sobre todo no sur de Pontevedra. Amais do temporal costeiro, polo que continúa activa a alerta laranxa nas Rías Baixas e na Costa da Morte, rexistráronse fortes refachos de vento en terra. O valor máximo acadouse na Veiga, Ourense, con 166 km/h ás 4.40 horas. En Cabeza de Manzaneda e en Carballeda de Valdeorras superáronse os 140 km/h, tamén durante e madrugada. O vento foi o principal responsable da vintena de accidentes que xa se rexistraron en Pontevedra, que se saldaron con dous feridos leves en Cangas e Tomiño.
O subdelegado do Goberno na provincia, Abel Losada, informou a primeira hora desta mañá que a madrugada foi “moi complicada” e que a meirande parte dos incidentes se deberon á caída de árbores nas estradas. Algúns deles chegaron a precipitarse enriba dos vehículos. O vento, causante deste regueiro de incidencias, tamén provocou a voadura do tellado do consistorio de Pazos de Borbén, dunha nave en Domaio (Moaña) e de dous institutos en Cangas nos que se suspenderon as clases. O subdelegado pediu “precaución” e “máxima atención” nas estradas.
Activado o aviso amarelo en terra
O balance de Martinho nas primeiras horas do xoves deixa as comarcas do Morrazo, Vigo e O Baixo Miño como as máis afectadas, malia que tamén causou estragos na Coruña. En Cerceda, por exemplo, voou parte do tellado dun colexio. Con todo, as horas máis complicadas, segundo o prognóstico de Meteogalicia, xa pasaron. En terra xa non hai activado o aviso laranxa, que pasa a amarelo na montaña de Ourense, no suroeste da Coruña e no interior e litoral de Pontevedra, onde aínda de poden rexistrar ventos entre os 70 km/h e os 80 km/h ata as 15 horas. A alerta laranxa continuará nas Rías Baixas e na Costa da Morte por temporal marítimo.

Mentres que o vento foi o protagonista desta madrugada, a chuvia tomará o relevo durante o venres e acenderá as alertas. Está activado o aviso amarelo por acumulacións superiores aos 40 l/m2 en 12 horas na montaña de Ourense, na Baixa Limia e no interior de Pontevedra. O temporal marítimo continuará, aínda que con menos forza, nas Rías Baixas e na Costa de Morte. Durante o venres, Martinho situarase no noroeste de Galicia, marcando xa o seu afastamento. Aínda así, será un día marcado polas precipitacións persistentes, sobre todo no sur de Galicia, e ceos moi cubertos de nubes.
Entrada das altas presións
O sábado será unha xornada que volverá estar marcada pola inestabilidade, debido á proximidade de Martinho, que continuará preto da costa galega, aínda que xa afastándose. Meteogalicia non tiña ningún aviso activado para o sábado a primeira hora desta mañá. Non obstante agárdanse precipitacións, máis frecuentes na segunda metade do día, e tamén haberá un descenso das temperaturas. Conforme avance a fin de semana e se vaia afastando Martinho, aumenta a probabilidade da entrada de altas presións, o que redundaría en pouca chuvia e ascenso das temperaturas.














