O universo agocha miles de millóns de anos de segredos. E múltiples telescopios e experimentos arredor do mundo están tratando de desentrañar os seus misterios. A última gran revolución da cosmoloxía vén da man do Instrumento Espectroscópico da Enerxía Escura (DESI, polas súas siglas en inglés), situado no Observatorio Nacional de Kitt Peak (Arizona, Estados Unidos). A revisión dos datos recollidos nos últimos tres anos reforza os indicios de que a enerxía escura evoluciona e non é unha constante cosmolóxica, tal e como se cría ata o momento e tal e como figura no modelo estándar. “Podería marcar un cambio de paradigma”, di o coruñés Antón Baleato Lizancos, físico da Universidade de Berkeley, en California, e coordinador dunha das partes do experimento.
O galego asegura que aínda non se sabe moito sobre a enerxía escura e que a única grande evidencia é o seu efecto sobre o universo. Aínda que sexa difícil definila, sábese que é responsable de que o espazo estea en expansión. Agora, cos datos recompilados por DESI revélase que a enerxía escura podería estar debilitándose co tempo, o que obrigaría a actualizar o modelo estándar que explica o funcionamento do universo. Non obstante, os datos presentados este mércores no Cumio Global de Física da Sociedade Americana de Física de Anaheim, celebrado en California, son unha primeira aproximación. Agárdase que os vindeiros dous anos nos que DESI aínda estará en funcionamento acheguen novas evidencias.
Un antes e un despois
De feito, Baleato Lizancos incide que as probas de DESI sobre a enerxía escura en evolución son “moi febles” e que é preciso combinar os seus datos cos recollidos por outros experimentos, como o Fondo Cósmico de Microondas ou de distancia de Supernovas, para que sexan máis robustos. Malia que é preciso seguir investigando, o paso adiante de DESI xa é irreversible e marcou un antes e un despois na historia da cosmoloxía ao crear o maior mapa tridimensional do universo ata a data. Máis alá dos seus resultados sobre enerxía escura, logrou analizar 15 millóns de galaxias e cuásares e pretende chegar aos 50 millóns cando finalice o proxecto.
Os datos recompilados polo instrumento situado en Arizona demostrarían que o modelo estándar é limitado, e é incapaz de explicar todas as observacións. Non obstante, un paradigma alternativo que contemplase a posibilidade de que a enerxía escura non se mantén constante, senón que evoluciona, lograría dar unha explicación máis axeitada á información recollida por DESI. As outras medicións que reforzan estes datos inclúen a luz que queda dos albores do universo, a explosión de estrelas e como a luz de galaxias distantes se deforma pola gravidade.
5.000 galaxias á vez
O instrumento supón, segundo trasladan en nota de prensa, “unha das sondaxes do cosmos máis extensas xamais realizadas”. A potencia de DESI é indiscutible, sendo capaz de captar simultaneamente a luz de 5.000 galaxias. Incluído no telescopio de catro metros Nicholas U. Mayall, situado no Observatorio nacional de Kitt Peak, é un experimento posible grazas á colaboración de máis de 900 investigadores e 70 institucións de todo o mundo. No epicentro desta revolución está o galego Antón Baleato Lizancos, coordinador da análise conxunta de datos da acumulación de galaxias.
A recompilación de datos presentada este mércores polo equipo de DESI é tan só unha parte da inxente cantidade de información que promete ser analizada polo instrumento nos vindeiros anos. Outros experimentos, como o telescopio Rubin, poranse en marcha en breve, e tamén contribuirán a avanzar no coñecemento do universo. “Sexa cal sexa a natureza da enerxía escura, marcará o futuro do espazo. É bastante extraordinario que poidamos mirar o ceo cos nosos telescopios e intentar responder a unha das maiores preguntas que se fixo a humanidade”, conclúe Michael Levi, director de DESI e investigador da Universidade de Berkeley.















Un cordial saludo. Con respecto a los “sorprendentes” resultados de las últimas mediciones del valor de la Constante Cosmológica por el Instrumento Espectroscópico DESI, les cuento que fueron consultados varios programas de inteligencia artificial y ¡todos estos coincidieron en responder: un análisis profundo de la Ontología que rige al Principio de Equivalencia de la TGR conlleva a deducir que “la Deformación Gravitacional del espacio-tiempo es del tipo Gradiente de Compresión”, y que además, “este tipo de deformación del espacio-tiempo es el que resulta ser coherente con el resultado de la medición de DESI”!. Si les resulta de interés, hacérmelo saber para enviarles los textos. (diazreyesjosealberto62@gmail.com)