“As zonas máis afectadas polo ‘Prestige’ rexistraron o maior consumo de ansiolíticos de España”

A catedrática da USC María Loureiro, experta en economía ambiental, participa na terceira sesión do ciclo Ciencia en feminino

María Loureiro recibiu o Premio María Josefa Wonenburger en 2024, converténdose na primeira economista en conseguilo. Máis alá da ilusión a nivel persoal sentiu, sobre todo, unha grande emoción polo que o galardón ía significar para o seu campo de estudo: “Apenas se fala da súa importancia científica. Oxalá sirva para abrir camiño a outras compañeiras”. Así se expresa a catedrática da Universidade de Santiago (USC) e directora científica do Centro de Investigación Interuniversitario en Economía e Empresa para a Sociedade (ECOBAS) na terceira sesión de Ciencia en feminino, o ciclo de charlas e mesas redondas de GCiencia en colaboración coa Deputación de Pontevedra co gallo do 8M. Reivindica unha maior visibilidade dos problemas aos que se enfrontan as investigadoras de ciencias sociais, moitas veces comúns cos de ciencias máis técnicas.

“O estudo da economía cambiou moitísimo nos últimos 20 anos. Agora traballamos con algoritmos, big data… Isto, antes, era impensable. Falamos case de enxeñaría de datos e, por tanto, temos os mesmos problemas aos que tradicionalmente se tiveron que enfrontar as matemáticas”, exemplifica Loureiro, tratando de reducir a fenda entre o social e o máis puro e técnico. Malia que non considera que haxa unha barreira na entrada a certas carreiras, como si acontece coas STEM, que moitas veces teñen baixos índices de mulleres matriculadas, si comparten o teito de cristal. “Basta con ver o IBEX. Canto máis alto é un posto, máis infrarrepresentadas están as mulleres”, indica. E iso é transversal a todos os eidos.

Publicidade

Por que as mulleres non chegan a postos de poder?

A economista cre que detrás destes obstáculos de ascenso a postos de poder se agochan tres explicacións. A primeira, que moitas veces as mulleres non se cren capaces de liderar. Segundo, que moitos compañeiros e institucións non as recoñecen como potenciais xefas. E, en terceiro lugar, que historicamente nunca ocuparon estes postos. “O 86% dos investigadores principais nas universidades son homes. É difícil crear cultura de liderado e capacidade ben entendidos con estas cifras”, incide, facendo fincapé en que canto máis diverso é un equipo, máis produtivo vai ser.

Ademais de abordar as dificultades da conciliación, dado que as mulleres continúan a soportar a meirande carga dos coidados das persoas dependentes, Loureiro céntrase na fenda salarial que aínda se abre entre homes e mulleres. “No ámbito universitario hai unha brecha, en termos medios, do 16% por hora traballada”, subliña a economista, poñendo énfase en que aínda queda moito por conseguir, incluso no sistema público. Isto débese, tal e como explica, aos complementos de produtividade dos que gozan os homes e que, moitas veces, non están dispoñibles para as mulleres. Entre outros motivos, porque elas tardaron máis en entrar ou en conseguir postos estables.

Publicidade

Eventos extremos

María Loureiro séntese agradecida de poder liderar o ECOBAS e de contar co apoio do seu cadro de persoal. Ela está especializada en economía ambiental e, de feito, agora está a investigar a relación entre os eventos extremos e as fendas de ciberseguridade. É dicir, os grandes shocks dos sistemas, como un terremoto ou unha pandemia, son aproveitados por axentes malignos internos para atacar institucións ou grandes empresas. Usan os momentos de alarma social para volver aínda máis feble a sociedade.

O desastre natural máis recente na memoria colectiva é a DINA de Valencia, que causou máis de 200 mortos. Para poder entender o impacto económico da catástrofe, explica Loureiro, habería que reconstruír detalladamente como se vivía o día anterior: que se producía, como se compraba, que se vendía… E, a continuación, ver como se produciron os cambios sociais. “A reconstrución case é o menos importante. Hai perdas peores: dende os falecidos ata os efectos psicolóxicos. As zonas máis afectadas polo Prestige rexistraron o maior consumo de ansiolíticos de España naquel momento. A DINA foi unha experiencia traumática e vaise reflectir nas estatísticas”, sostén.

Precisamente o Prestige supuxo un cambio drástico na súa vida e na súa traxectoria profesional. Ela encargouse do informe para avaliar os danos económicos e ambientais causados polo accidente, que se cifraron en 4.400 millóns de euros. Cre que a aposta da Fiscalía por tratar de contabilizar o desastre marcou un antes e un despois na economía ambiental en España. E lembra outras catástrofes vividas no Estado que non puideron ser enfrontadas cos mecanismos requiridos porque a xustiza non estaba preparada.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Aos seis anos, a presión cultural xa fai efecto e as nenas deixan de verse capaces de calquera cousa”

A enxeñeira Soledad Torres Guijarro participou xunto á bióloga Iria Gómez Touriño e á enfermeira Ainara Díaz Geada na última sesión de Ciencia en feminino
01:04:45

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Obstáculos da carreira investigadora

A enxeñeira Soledad Torres, a bióloga Iria Gómez Touriño e a enfermeira Ainara Díaz Geada participan na última sesión do ciclo de GCiencia e da Deputación de Pontevedra

Elena Vázquez Abal: “Debemos crear referentes científicas actuais para as novas xeracións”

A matemática galega lidera iniciativas internacionais e impulsa a igualdade nas ciencias dende a súa experiencia académica e persoal
00:37:33

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Entrevista con Elena Vázquez Abal

A matemática recibiu o Premio de Divulgación Científica 2024 por unanimidade pola súa carreira investigadora e docente