Elena Vázquez Abal naceu en Pontevedra en 1960. Agora é matemática e catedrática na Universidade de Santiago de Compostela (USC), pero houbo un tempo no que non tiña claro o seu futuro. Estudou nunha academia situada na zona vella da súa cidade, onde unha profesora insistía en que, con apenas sete ou oito anos, xa destacaba nas matemáticas. Esta sería a súa primeira referente.
“Gustábanme os problemas e resolvíaos, así que convenceu á miña nai para que seguise desenvolvendo ese interese”, explica durante a terceira sesión de Ciencia en feminino, o ciclo de charlas e mesas redondas de GCiencia en colaboración coa Deputación de Pontevedra co gallo do 8M. Deste xeito, a pequena Elena mudou de centro para cursar o bacharelato, onde continuou sendo unha boa estudante. Porén, cando pensaba no seu futuro, non só consideraba as matemáticas, senón tamén a arquitectura: “Fíxeno tamén por levar a contraria; dicíanme ‘Que vas facer ti en matemáticas?’“, lembra.
Agora é unha das dúas mulleres catedráticas da área de Xeometría e Topoloxía de España, a súa especialidade, concretamente a xeometría diferencial. Dende 2023, preside o Comité de Diversidade da Unión Matemática Internacional, onde traballa contra as desigualdades na carreira científica, tamén dende a súa experiencia como paciente de esclerose múltiple. A pesar dunha sólida traxectoria investigadora e docente, confésase xa “moi maior” para investigar e prefire centrarse na divulgación. Froito dese labor recibiu o Premio de Divulgación Científica 2024, concedido por unanimidade pola Real Academia Galega das Ciencias (RAGC). “O único que me interesa é que o que lles conto aos meus alumnos o entendan, e iso custa moito traballo”, afirma.
Mulleres e matemáticas
Son moitos os mitos arredor da relación entre mulleres e matemáticas. Un deles sostén que historicamente non destacaron nesta disciplina, algo que se desminte facilmente ao observar as orlas da Facultade de Matemáticas da USC. Segundo Vázquez Abal, o problema xorde moi cedo: nas primeiras idades, nenos e nenas responden igual ante os problemas, pero chega un momento no que as rapazas deixan de confiar en si mesmas.
“Cando se lles pregunta algo de ciencias, as nenas calan por medo a facer o ridículo; iso non sucede cos rapaces”, subliña. Este comportamento convértese nun freo para aquelas que soñan con dedicarse ás matemáticas e esténdese a todas as carreiras STEM (Science, Technology, Engineering & Mathematics), onde escasean os referentes. “Deberiamos crear referentes científicas actuais para as novas xeracións”, afirma Vázquez, xa que ver persoas novas en ciencia axuda a superar ese medo.
Por outra banda, coa chegada da ABAU aparece outro obstáculo: as notas de corte elevadas e o rexeitamento da competición por parte de moitas mulleres. Isto reflíctese nas Olimpíadas de Matemáticas. Como conta Elena Vázquez, a creación dunha Olimpíada Feminina permitiu reducir a presión e fomentar a participación: unha medida de discriminación positiva que sitúa a todas as participantes nun plano de igualdade, aínda que os problemas sexan os mesmos.
Visibilidade para a diversidade funcional
Elena Vázquez Abal convive cunha esclerose múltiple que a obriga a desprazarse en cadeira de rodas. “O mundo real está cheo de dificultades en termos de adaptabilidade”, sinala. Esta realidade tamén afecta á súa vida investigadora: asistir a congresos ou acceder a determinados espazos antigos non sempre resulta doado. Na Facultade de Matemáticas da USC, as decanas realizaron esforzos para mellorar a accesibilidade tanto do profesorado como do alumnado, incluíndo casos como o dunha estudante do Dobre Grao en Matemáticas e Física.
Recoñecemento á divulgación
Para Vázquez Abal, o seu premio ten varios significados: “En primeiro lugar, que se recoñeza a unha muller; en segundo, que se premie a divulgación, que segue a ser o patiño feo da ciencia; e, en terceiro, que se valore facela en galego“. A matemática considera que a divulgación aínda non está suficientemente recoñecida como unha tradución necesaria da investigación científica á sociedade.
O seu estilo caracterízase pola proximidade: fala tanto en escolas como en contextos informais como nun bar, “sen ser moi institucional”. Este recoñecemento axuda a visibilizar a importancia de transmitir coñecemento, especialmente no caso das matemáticas, que adoitan percibirse como menos accesibles ca outras ciencias: “A xente está máis acostumada á bioloxía ou física porque parecen mais aplicables, pero en matemáticas a cousa é diferente”.
En España, destaca, “hai moi boas mulleres divulgadoras”. Fala de Marta Macho, investigadora vasca moi activa nas redes sociais e especializada en mulleres matemáticas, ou de Clara Grima, profesora da Universidade de Sevilla.
As matemáticas: unha linguaxe difícil
“As matemáticas son un idioma difícil de traducir”, explica. Neste sentido, menciona ao divulgador Eduardo Sáenz de Cabezón, quen defende que, ao explicar fórmulas a un público non experto, é mellor facelo a través de historias: “Trata de contar un conto onde iso apareza”. A tradución da linguaxe matemática resulta complexa porque termos como ortogonal ou plano tanxente escapan ao coñecemento xeral. É o que Elena Vázquez nomea “bocaladas”.
Por iso, resume o segredo da divulgación: “Entendes ben algo cando es capaz de explicarllo á túa irmá pequena e ela o comprende”. Para conseguilo, é fundamental adaptar a mensaxe ao público e empregar referencias actuais: “Antes podías falar de telegramas, pero agora ninguén sabe o que son; hai que actualizar o vocabulario, aínda que a xente nova sempre irá máis rápido ca ti”, conclúe.












