Mulleres e matemáticas: cando as orlas desminten un mito de xénero moi estendido

Unha mirada ás promocións históricas da USC revelan a presenza e influencia feminina nunha disciplina tradicionalmente considerada masculina

Aínda que pareza algo máis propio do pasado, o mito de que ás mulleres non se lles deron ben historicamente ás matemáticas, e de que nunca estiveron presentes nin fixeron grandes contribucións a este ámbito científico, segue a estar moi estendido entre a sociedade.

Con todo, mentres un pensamento como este tivo consecuencias dramáticas para moitas mulleres que querían dedicarse a esta rama das ciencias, unha serie de orlas acumuladas na facultade de Matemáticas da USC parecían agardar a desmontar unha crenza coma esta.

Publicidade

A primeira promoción de matemáticas da USC foi maioritariamente feminina

“A xente pensa que ou non se nos dan ben as matemáticas ás mulleres ou non nos gustan, e que mellor forma de desmontar un mito como este que pedíndolles axuda precisamente ás propias matemáticas para que nos fagan ver os números e permitan que lle poñamos rostro de muller a esta ciencia”, comenta Elena Vázquez Cendón, profesora de matemática aplicada na Facultade de Matemáticas da USC e antiga decana desta mesma facultade”. “A primeira evidencia é que cando naceu a titulación de matemáticas, fíxose unha orla na que se pode ver que, das seis persoas que se licenciaron ese ano, cinco eran mulleres e unha era un home”.

Cendón explica que estas mesmas mulleres, agora probablemente xubiladas, foron as pioneiras e as auténticas parteiras das matemáticas en Galicia. Con todo, mentres a presenza das mulleres entre o estudantado era maior, no profesorado a presenza era mínima con só unha muller entre os docentes: Antonia Ferrín, científica que pasaría á historia como a primeira doutora en astronomía de España e a primeira en matemáticas en Galicia.

“Así que podemos ver que nas primeiras promocións desta facultade, había unha gran presenza de mulleres entre o alumnado. Hoxe, isto parece estar regresando”, explica Cendón. “Na última promoción houbo 45 mulleres e 71 homes, o que dá unha porcentaxe de mulleres do 39%, fronte ao 71% dos homes. Se imos á presenza das mulleres en todo o grao, vemos que hai 242 mulleres, o que corresponde ao 44% do total do alumnado”.

Publicidade

Para Cendón isto amosa que se chegou a unha solución de equilibrio onde hai unha compoñente paritaria que se entende cando as porcentaxes están entre os sesenta e o corenta por cento a nivel de estudantado. Por outra banda, o profesorado tamén parece mellorar en canto á representación feminina, xa que o 35% dos docentes son mulleres.

As mulleres sempre estiveron nas matemáticas

Esta orla, así como moita outras que se poden atopar na Facultade de Matemáticas da USC, contribúen a evidenciar que as mulleres, a pesar do mito, sempre estiveron nas matemáticas, tanto como alumnas, investigadoras, profesoras ou mesmo calculadoras humanas. Pero moitas veces quedaron fóra do recoñecemento. Sen nome. Recuperar e facer xustiza ante esta realidade é imprescindible para construír unha historia completa desta ciencia.

“Que ninguén pense que ás mulleres non nos gustan as matemáticas. Gozamos con elas, pero historicamente estivemos marcadas pola invisibilidade”, destaca Cendón. “Aquí en Galicia, por exemplo, eran as matriarcas as que facían os cálculos casas, pero deixaban que parecese que mandaban eles. Ademais, hoxe en día cada vez se recoñece máis que as primeiras ‘computadoras’ foron mulleres: en Rusia, nos Estados Unidos… Elas eran as encargadas de realizar cálculos complexos. Porque calcular non é só botar números: require visión, precisión e unha destreza moi concreta”.

O que é evidente, é que o gusto polas matemáticas non ten xénero, e pensar o contrario só perpetúa un estereotipo que carece de base real. Hoxe, as novas xeracións de mozas seguen abrindo camiños e, grazas a elas, os mitos van caendo. Pero para conseguir a igualdade real, é importante que nas aulas se fale tamén das mulleres matemáticas, igual que acontece nas orlas penduradas das paredes da USC.

“Pódese afondar moito en todos estes matices. E eu creo que é moi importante que despexemos estas incógnitas para desmontar este mito e evitar que a xente pense que a Facultade de Matemáticas non é un espazo de mulleres”, remata lembrando Cendón. “Porque, entre as súas paredes, sempre houbo mulleres”. 

Elena Martín
Elena Martín
Realizadora audiovisual, xornalista e tradutora. Licenciada en comunicación audiovisual por la USC, máster en documental creativo pola UAB e máster en tradución audiovisual pola UOC. Forma parte da cooperativa de comunicación social Xarda e colabora en varios medios de comunicación como O Salto Galiza, GCiencia, Traveler ou Pikara Magazine

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A física Yolanda Prezado, premio Wonenburger 2026 polos seus estudos en radioterapia

A Unidade de Muller e Ciencia da Xunta concede por unanimidade o galardón á investigadora galega, considerada unha referencia europea en protonterapia

Radiografía do piropo galego: da sedución á complicidade a través do humor

A investigadora Estela Fidalgo realizou un estudo con 100 persoas para coñecer como mudan as estratexias comunicativas nas relacións afectivo-sexuais

O alzhéimer canino existe: a galega que analiza cerebros de cans para anticipar o diagnóstico

A investigadora Belén Larrán estuda unha doenza que causa desorientación e ansiedade, e afecta máis da metade dos individuos maiores de 15 anos

Así é o rato colilongo, o pequeno roedor clave na transmisión do hantavirus dos Andes

Estudos revelan taxas de infección entre o 5% e o 10%, con maior incidencia nos machos adultos pola súa conduta territorial durante a reprodución