Sábado 27 Abril 2024

A insólita historia de María Wonenburger, a xenia galega das Matemáticas

A científica era descoñecida en Galicia e España e foi visibilizada grazas as súas compañeiras de profesión, María José Souto e Ana Dorotea, da UDC

É ben sabido que no ámbito científico hai aínda moitas referentes por descubrir e que adoitan ser as mulleres as que realizan ese traballo de recuperación. Imaxina que es catedrática de Matemáticas. Un día, un compañeiro cóntache que unha das referentes internacionais en álxebra é galega e vive na túa cidade. Paréceche imposible non estar ao tanto de semellante información. Rematas por descubrir que, ademais de que é unha historia verdadeira, ti estudaches os seus artigos sen sabelo. M.J. Wonenburger parecía o nome dalguén que non era galego e ademais, podería tratarse tamén dun home. En realidade chamábase María Josefa, era de Oleiros e tivo unha vida e carreira científica digna de estudo e divulgación. Non recibiu o recoñecemento en Galicia ata que as súas colegas de profesión, María José Souto e Ana Dorotea, decidiron sacar á luz á muller apaixonada das Matemáticas por excelencia. O libro María Wonenburger: A atrevida matemática á que o noso país deu dúas veces as costas (2024) é o resultado das conversacións con ela e sácalle as cores, como non podería ser doutra maneira, ao sistema académico patriarcal que dediciu que as científicas se estudan nas marxes dos libros.

Cando as catedráticas da Universidade da Coruña (UDC) María José Souto e Ana Dorotea se adentraron na traxectoria de Wonenburger, a veterana matemática coruñesa converteuse nun referente de maneira instantánea. Isto tivo lugar hai case vinte anos e en 2006 publicouse o primeiro artigo sobre a relevancia da científica. “Tivo moito impacto na comunidade científica española. A partir de aí empezaron a pedirnos charlas e finalmente, a editorial púxose en contacto con nós para escribir unha biografía sobre María”, explica Souto. As liñas que cobren estas páxinas escribíronse cos testemuños da propia Wonenburger, que morreu en 2014, e desfrutou nos seus últimos anos de vida de como a súa traxectoria académica se empezaba a coñecer na península. “Ao principio asustounos a idea do libro cando ela xa non estaba, pero dalgún modo xa nos contara todo. Decidimos empezar a escribir ás distintas universidades onde ela traballou. Escribimos a Madrid, á residencia onde ela estivera aloxada, aos seus amigos, tanto na capital como nos distintos países onde viviu. Foi unha cousa incríbel como respondeu a xente. Mandáronnos textos sobre ela e houbo xente que escribiu cousas fermosas”.

Publicidade

Wonenbuger estudou Matemáticas en Madrid porque en Galicia non había onde cursar a carreira completa. Un dos momentos claves da súa vida foi cando se converteu na primeira muller da península en recibir a bolsa Fullbright para especializarse en álxebra en Estados Unidos. A súa tese foi dirixida por Nathan Jacobson, un dos mellores alxebristas por aquel entón, iniciando unha brillante traxectoria en varias universidades do extranxeiro. Sen súbida, é unha das pioneiras entre as españolas na vida universitaria e tamén, na investigación matemática. Por suposto, o futuro para as mulleres na ciencia da súa época non pintaba moi ben.

Na época de posguerra, “a investigación nese ámbito estaba sumida nun estancamento permanente dende había décadas”, apuntan as escritoras. Wonenburger escolleu o camiño menos fácil e conseguiu o que ela quería, aínda que sufrise a morriña de deixar o seu país. Nunha entrevista concedida en vida a La Opinión, alegou que non tivo interés en casarse porque “é unha atadura”. “Especialmente en España era impensable atopar mulleres en investigación e menos en Matemáticas. Pero ela seguiu contra vento e marea a pesar das circunstancias sociais e políticas da época”, explica Souto.

María José Souto e Ana Dorotea Tarrío, profesoras da UDC, xunto á placa que rende homenaxe a María Wonenburger no parque de Santa Margarida. Foto. R. Pan.
María José Souto e Ana Dorotea Tarrío, profesoras da UDC, xunto á placa que rende homenaxe a María Wonenburger no parque de Santa Margarida. Foto: R. Pan.

Wonenburger traballou nas universidades de Toronto, Búfalo e Bloomington (Indiana). A súa especialidade é a teoría de grupos e de álxebras, “indispensables en Matemáticas e en distintas disciplinas científicas actualmente”. Foi fundamental a súa aportación en áxelbras de Lie, así como na álxebra de Clifford e tamén inspirou as teorías de Kac-Moody. “Cando Robert Moody se achegou a ela para pedirlle que lle dirixise a tese doutoral comentárame que lle estrañara. Era a única profesora na universidade de Toronto, era a única a profesora de Matemáticas e despois cando estivo en Indiana era a única cun traballo fixo”, explica Souto. Para Wonenburger, o seu “maior orgullo” eran os seus alumnos. A coautora do libro apunta que era moi “reservada” á hora dar opinións políticas e nunca pronunciou que se sentise menosprezada, nin pola institución nin por algún compañeiro polo feito de ser muller. Unha vez chegou ao estranxeiro, recibía moitas ofertas para traballar nas universidades. “Era vital, xenerosa, un ser moi especial. Irradiaba alegría por vivir, sentíase contentísima coa vida, desfrutaba da compañía e dos seus amigos”, traslada Souto.

“Un ser privilexiado”

O libro recompila anécdotas tan valiosas no modo de actuar de Wonenburger como que nunca tomaba notas nas clases. Era unha muller moi aplicada e disciplinada, pero realizaba os seus propios apuntes unha vez regresaba, xa que nas aulas prefería escoitar. “Despois de cear, María redactaba os resultados que se lle expuxeran, é un exercicio memorístico digno dun ser privilexiado”, defenden no libro as autoras.

Dez anos despois da súa morte, a vida desta científica coruñesa serve para exemplificar o descoñecemento de mulleres tan brillantes por parte da ciencia e a súa divulgación, senón tamén para abordar temas que concernen ao ámbito universitario e académico como a homologación de títulos do estranxeiro. Wonenburger defendeu en 1957 a súa tese On the Group of Similitudes and Its Projective Group, que tivo unha importante repercusión en América. Cando regresou a España non conseguiu validala, xa que o Ministerio de Educación de Franco non recoñecía os títulos obtidos no estranxeiro. Así as cousas, decidiu presentar dous anos máis tarde o traballo Representación espinorial do grupo unitario na Universidade Central. Unha especie de déjà vu volvería ocorrer na vida da científica máis tarde. A súa tese perderíase por motivos burocráticos e non sería ata 2006 cando lograría recuperala.

No curso 1983-1984, Wonenburger pediu a súa universidade un permiso para regresar a Galicia para coidar á súa nai. Concedéronllo, pero cando non podía prolongado máis decidiu xubilarse. Rematou aí a súa vida profesional, pero non a súa andaina nas Matemáticas, xa que nunca perdeu o interés por elas. María Josefa Wonenburger faleceu na Coruña o 14 de xuño de 2014. Gustáballe moito pasear e a música. Falaba de todo o que lle gustaba o seu traballo e dos seus alumnos, tamén das personalidades científicas coas que se cruzara na súa traxectoria profesional. Grazas ao traballo de María José Souto e Ana Dorotea foi nomeada socia de honra na Real Sociedade Matemática Española en 2007 e doutora honoris causa pola Universidade da Coruña (UDC) en 2010. A Unidade de Muller e Ciencia da Xunta creou o Premio María Josefa Wonenburger para recoñecer as científicas de Galicia “que souberon adiantarse ao seu tempo e que abriron camiños a moitas outras”. A científica, que devoraba os problemas matemáticos como un neno un xeado, sempre se definiu como unha “mente abstracta” e unha “persoa feliz”.

“A súa vida podería ser o guión dunha película chea de emoción e éxito, pero tamén de suspense, esforzo e incomprensión”, alegan as escritoras do libro. Hoxe, dez anos despois da súa morte, a súa historia xa forma parte de contos de literatura infantil que achegan ás futuras matemáticas referentes dos que nutrirse —aquelas mulleres formarán parte dos libros, non das marxes—, e, ademais, galegas.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A enxeñeira industrial Concepción Paz Penín recibe o premio María Wonenburger

A Unidade de Muller e Ciencia da Xunta entrega o galardón á catedratica da UVigo pola súa traxectoria científica

Elena V. Cendón: “As científicas temos que asumir que merecemos recoñecementos”

A matemática e investigadora da USC repasa a súa traxectoria após de recibir o premio María Josefa Wonenburger pola súa carreira

O tiburón de Oleiros morreu por inxestión de plásticos

Varios obxectos, como tapóns de botella e fibras de pesca, obstruíron a válvula espiral do exemplar ata provocar o seu falecemento

O “desastre ecolóxico” de Bastiagueiro eran os restos dun bosque fósil

O afloramento de restos vexetais de hai miles de anos, asolagados polo mar e os sedimentos, é común e visible en diversos puntos da costa galega