Elena V. Cendón: “As científicas temos que asumir que merecemos recoñecementos”

A matemática e investigadora da USC repasa a súa traxectoria após de recibir o premio María Josefa Wonenburger pola súa carreira

A matemática Elena Vázquez Cendón, premio María Josefa Wonenburger. Crédito: Santi Alvite / USC
A matemática Elena Vázquez Cendón, premio María Josefa Wonenburger. Crédito: Santi Alvite / USC

Nunca soñou con recibir un premio de tanto prestixio. Pero agora, un dos seus grandes desexos é que as nenas que lean a noticia tamén imaxinen ser protagonistas deste apreciado galardón. A matemática Elena Vázquez Cendón acaba de ser recoñecida co premio María Josefa Wonenburger 2022 pola súa encomiable traxectoria científica. A galardoada é profesora de Matemática Aplicada pola Universidade de Santiago (USC), centro no que se licenciou, graduou e doutorou. Ademais, compaxina a súa faceta docente cunha intensa actividade divulgativa e é presidenta de Estalmat-Galicia, un proxecto centrado en estimular o talento matemático entre a rapazada. Moi comprometida coa igualdade de xénero, especialmente na ciencia e nas matemáticas, Vázquez Cendón só ten palabras de emoción e agradecemento por integrar a xa longa nómina de exitosas galardoadas co premio Wonenburger.

—Acaba de recibir o premio María Josefa Wonenburger 2022. Como acolleu a noticia?

—Con moita alegría. A conselleira chamoume precisamente o 25 de novembro, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Polo tanto, levo días saboreando a nova pero sen compartila, algo que non puiden facer ata que foi pública para os medios. Aínda que tiven tempo para asimilar e saborear a noticia, recíboa con emoción. Estou moi agradecida. Tamén é unha parte importante do premio que as persoas ás que queres, as máis próximas, sintan tanta alegría por ti.

—Que significado ten este premio? Wonenburger era, igual ca vostede, unha muller matemática.

—Tiven a oportunidade de formar parte da orixe da Unidade de Muller e Ciencia cando botou a andar hai 16 ou 17 anos. Nese momento descubriamos a figura de María Josefa Wonenburger, unha galega moi entrañable e moi, moi brillante. Era pequena en altura pero tiña unha esencia pura matemática. Ela non tomaba notas nas clases, senón que pensaba e atendía e logo corrixía os apuntes dos seus compañeiros para construír os seus propios. Ademais, foi pioneira das bolsas Fulbright. Cando volveu á Coruña tamén se preocupou en participar en actividades para a divulgación, ademais de seguir traballando nas matemáticas. Polo tanto, sinto moito recoñecemento e agradecemento a ela e ás outras 15 premiadas con este galardón. Toda a miña admiración para elas porque puiden participar en moitos dos actos e, incluso, nalgunhas das decisións das persoas premiadas.

—Wonenburger foi silenciada e descoñecida durante anos. É difícil ser muller e matemática nun ámbito tan tradicionalmente asociado ao masculino?

—María tivo moita proxección en Estados Unidos, que é onde labrou a súa carreira. É certo que cando volveu a Galicia quedou moi silenciada. Por iso, elixila a ela como referente dos premios para poñer en valor a visibilidade, ademais de recoñecer a súa traxectoria, tamén é unha oportunidade de facer reflexionar aos medios e ás mozas máis novas de que esta é unha carreira que se pode facer con normalidade e que hai camiños que xa están abertos. A temporada que María viviu en Coruña foi unha época de menos recoñecemento. Por iso foi moi valioso poñerlle luz e que ela tamén sexa a luz de todas as demais.

Por outra banda, a palabra “matemáticas” comeza por M de muller. Na primeira promoción de matemáticas, na primeira orla, hai seis persoas que remataron e cinco eran mulleres. É algo descoñecido pero do que eu estou especialmente orgullosa. Agora xa hai unha certa paridade. Este ano, no grao, un pouco máis do 50% son mulleres pero nos dobres graos xa hai menos. En canto ao profesorado, hai máis mulleres. Cando eu estaba, tan só tiña tres profesoras. Polo tanto, os camiños fóronse agrandando e hai máis mulleres investigando. No departamento de Matemática Aplicada, no que estou eu, tamén hai moitas mulleres. Nestes momentos hai unha directora e unha coordinadora do grupo de investigación. Cada vez máis estase a consolidar a nosa presenza.

—E o teito de cristal no ámbito académico? Tamén comeza a haber paridade no número de catedráticos?

—O número de cátedras é máis reducido nas mulleres. Hai máis catedráticas nas facultades, pero non estamos nas mesmas porcentaxes. Aínda ten que haber un punto de activación e motivación. Eu falo por min mesma e, ás veces, priorizas os proxectos colectivos fronte aos individuais. Por exemplo, dedicándolle tempo aos informes do máster de Matemática Industrial, que hai que facer, ou todas as accións do proxecto Estalmat Galicia, para o que precisamos pedir financiamento e buscar patrocinadores. Polo tanto, deixas a túa acreditación máis no caixón.

Pero temos que ser nós mesmas as que nos activemos e ser conscientes de que merecemos certos recoñecementos e non deixar o noso tan en segundo lugar. Creo que, a nivel educacional, o servizo témolo moi integrado pero apostamos máis polo colectivo. Penso que tamén temos que apostar polos métodos individuais, que tamén son sempre feitos en grupo.

“Máis do 50% do estudantado de primeiro de Matemáticas na USC son mulleres”

—Moitas investigadoras están a manifestar agora as dificultades á hora de conciliar ou ser nais, que as obriga a frear a súa actividade científica na mellor etapa da vida.

—É certo que se decides ter fillos hai unha coincidencia co momento no que máis achegas podes facer dende o punto de vista científico pero, ao mesmo tempo, a fertilidade ten uns anos determinados. O ano pasado meu pai conviviu comigo todo o curso académico e foi aí cando vivín máis directamente todo o que ten que ver coa conciliación. É dicir, manter a túa axenda como decana, coas responsabilidades da investigación e estar presente no tema dos coidados. El sempre dicía que o meu era prioritario ata que entendín que esa foi a idade na que María Wonenburger regresou dos Estados Unidos para coidar de súa nai en Galicia porque o clima de alá non lle ía tan ben. Ata que non o vivín non fun consciente tan directamente desa prioridade. Por exemplo, o ano pasado decidín que non facía viaxes de congresos longos porque non procedía deixalo tanto tempo só. Entendín mellor esa dificultade de priorizar responsabilidades, algunhas obrigatorias e outras opcionais, de ser filla.

Entendo que as compañeiras que son nais e que compatibilizan ese momento de máis achegas no ámbito científico e docente coa maternidade, non é doado. Por iso temos que transmitir tamén que os homes asuman esas responsabilidades e saboreen as responsabilidades tanto da crianza como do coidado dos maiores. Meu pai pasou moitos fins de semana cos meus irmáns e iso é bo para todos porque eles teñen que sentirse igualmente queridos e acompañados, como fixeron con nós cando eramos pequenos, e eles traballaron e priorizaron entre as súas motivacións que nós puidésemos estudar.

“Debemos transmitir a mensaxe de que as matemáticas pódense facer con normalidade porque hai camiños que xa están abertos”

—Máis alá do ámbito académico, que acontece no eido da empresa? Tamén hai unha presenza paritaria? Que sucede coas desigualdades salariais?

—Sempre traballei dentro da Universidade de Santiago e, polo tanto, o mundo da empresa coñézoo porque no Máster de Matemática Industrial colaboramos con moitas empresas pero non podo falar dende a miña experiencia porque aí non estou. Eu creo que cada vez máis homes e mulleres tratan de que a súa parte profesional non sexa o único que ten peso nas súas vidas. Aí eu creo que as empresas están traballando máis para non perder o talento feminino e para que se poidan facer máis cousas, que haxa máis opcións de conciliación. Cada vez máis terán que traballar máis na súa responsabilidade social corporativa nos plans de igualdade porque, se non, as cousas non as estamos facendo ben. Hai unha baixada de natalidade e iso é un problema para todos. Ten que haber nenos e o coidado e a educación ten que ser un investimento que afronte tanto o Estado como as propias empresas. Teñen que construír esas pontes entre a vida persoal e profesional.

Cada vez máis vemos moitas alumnas que remataron o grao ou o máster que están no ámbito laboral e houbo algún colega da facultade que renunciou a un bo posicionamento no mundo da empresa polas opcións de conciliación que lle ofrecían. Na medida en que os homes sintan máis esa responsabilidade a construír solucións, chegaremos a construír unha mellor igualdade porque a responsabilidade dos coidados é de todos. Ademais, estase a falar moito da saúde mental. Eu creo que temos que ter os tempos de desconexión, aínda que a min as matemáticas me producen unha grande satisfacción. Polo tanto, moitos momentos da miña vida profesional tamén foron momentos de moito lecer e satisfacción polas persoas que coñeces polo camiño e polas viaxes que che permiten facer.

“Grazas ao prestixio da titulación e da divulgación, os matemáticos xa non somos considerados tan raros

—Outro dos puntos máis importantes é o fomento das vocacións STEM. Nunha época como o Nadal, onde permanecen os prexuízos sobre os xoguetes que regalar a nenos e nenas, como de importante é seguir traballando neste eido para romper estereotipos?

—Isto é moi importante. Non é malo traballar coas bonecas. Eu, cando o meu afillado era pequeno, regaleille unha. Pero tamén é importante que elas teñan quebracabezas, xogos de construción para pensar e razoar. Por exemplo, a miña afillada quixo ter de pequena un ordenador para retarse e pensar. Tamén é moi importante agasallar libros porque os contos son normalmente moi sabios, están moi ben pensados e conectan moi ben coa xente nova. Cada vez hai máis contos que fan divulgación e persoeiros que poden ser científicos e se preocupan por resolver problemas polo medio ambiente, pola inclusión… Cando fun á gardería pedín consello a unha compañeira de educación infantil, Angélica Suárez, que había un conto onde os protagonistas eran círculos e cadrados e é unha forma de falar da inclusión realmente exquisita. Eu aprendín moito con ese conto, de como os nenos son capaces de abstraer os afectos e que cada círculo e cadrado tamén senten. Os libros son unha oportunidade para contar cousas de ciencias e para chegar ás ciencias. Temos libros valiosos en galego e temos que compartilos e agasallar con eles.

“Na primeira promoción de matemáticas, cinco dos seis estudantes eran mulleres”

—Segue habendo moitos estereotipos coas matemáticas como disciplina que sempre se viu como algo difícil e arduo de comprender?

—Grazas aos medios, ás novas que van cambiando, ao prestixio que ten hoxe a titulación e á importancia da divulgación, xa non nos ven tan raros nin tan raras. Si que antes falabas de matemáticas e custaba. Incluso nun obradoiro de divulgación que fixemos de Ponteceso eu levaba un dos meus puchos, porque me encantan. Eu preguntáballes: De que teño pinta? E eles respondían que de artista ou de maga. E eu respondía que si, que facía maxia coas matemáticas. De entrada, non me identificaban como tal pero despois si, ao ver un anel con formas xeométricas. Foi unha atracción. Agora temos moitas facianas e á xente de matemáticas gústalle moito a música, a arte e está implicada en ámbitos moi diferentes, tamén no deporte. Hai libros para agasallar sobre as matemáticas e o deporte. Eses moitos sabores son os que permiten mudar e que ti poidas ser maga pero que a túa vara máxica sexa o xiz.

—Faltan referentes? Coa divulgación e as redes sociais semella que cada vez hai máis e son máis accesibles.

—Aí a Unidade de Muller e Ciencia está traballando moito. Por exemplo, todos os nenos do proxecto Estalmat Galicia, do campamento, coñecen a María Wonenburger igual que a Domingo Fontán. Hai outras asociacións como ASEICA que fala de divulgación das persoas que se dedican a investigar en cancro e que deberiamos contribuír todos a que esa gran incógnita e tanto nos impacta cando se diagnostica teña cada vez máis solucións e que se coñezan as superheroinas que non teñen capa, senón bata. Ou que teñen bolígrafo e fan ciencia. Ese punto de servizo, de construír, de poder ter outros gustos e moita creatividade son eses outros puchos que temos a xente de matemáticas e de ciencia que temos que facer chegar á xente nova.

—Como descubriu vostede a súa vocación?

—De pequena sempre me gustaron. Eu crieime nunha xastrería porque meu pai era xastre. Parecíame milagroso como movía o seu xiz plano e acababa entre os patróns e os escuadros pasando de algo que era plano a algo ergonómico e adaptado. Aí vín moito coñecemento, aprendín a desfacer e dar moitas puntadas. De feito, eu creo que collín antes unha agulla que un bolígrafo. E tamén aprendes a resolver problemas e entender que somos diferentes. Miña nai tamén cosía moi ben e era unha persoa moi sabia. E xa no colexio e no instituto as matemáticas dábanme seguridade, entendía os porqué das cousas, resolver problemas… Iso levoume a dubidar coa física. Tiven uns profesores moi bos no instituto. Nisto de entender as cousas fixo que tamén me encantase a declinación do latín, entendía todas as regras. Outro cantar era a ortografía, que me custaba bastante máis porque non sabía o suficiente.

“Dende o colexio e o instituto, as matemáticas dábanme seguridade”

Por outra banda, coñecía moito ao profesorado. O meu mestre de matemáticas, Alfonso Amorín, era cliente da xastrería e foi o primeiro en propoñerme problemas. Con axuda acabei decantándome polas matemáticas. Eu creo que quería facer matemáticas industriais pero daquela non tiña ese nome. Ademais, o meu irmán maior tamén empezara matemáticas. Eu herdei os seus libros pero tamén as primeiras publicacións que el estudara e iso foi unha oportunidade. Xa na facultade, ao principio botaba un pouco en falta os laboratorios, pero despois e ao chegar á parte de poder e imaxinar unha bolsa de colaboración e comezar a programar. Usei un ordenador por primeira vez en quinto de carreira e .pareceume moi emocionante. Traballar con Alfredo Bermúdez foi dos grandes presentes que me deu a universidade porque foi un gran mestre e puidemos facer achegas moi valiosas ás matemáticas da auga pensando inicialmente nas rías galegas e aplicándose despois a outras partes do mundo.

—Cales son os retos de futuro en relación á igualdade de xénero da ciencia e nas matemáticas en particular?

—Eu xa estaba comprometida coa igualdade porque, de feito, eu estiven no principio da Unidade. Agardo proxección porque a nova non é que se me dea a min o premio, senón que o Parlamento de Galicia considerou no seu momento que había que crear a Unidade de Muller e Ciencia e había que despexar todas as incógnitas das mulleres que facían ciencia que redundaba en Galicia. Espero seguir achegando co meu traballo un valor a isto que Galicia considera valioso. Un soño sería que nalgún momento se nos dera a visibilidade suficiente para que non houbese un premio singular para as mulleres na ciencia, pero sempre será unha honra recibir o María Wonenburger. Eu creo que é un compromiso maior coa divulgación e coas matemáticas. Eu espero que as persoas que sigan estas novas pensen que elas poden ser a próxima María Wonenburger. Eu nin o soñei conscientemente e hoxe é unha realidade que estou desfrutando moito.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.