Os problemas coas matemáticas afectan ao 14% dos nenos en idade escolar pero aínda se descoñecen os mecanismos neurolóxicos implicados neste fenómeno. Un estudo recente, publicado en Journal of Neuroscience, revela que algúns estudantes poderían ter dificultades no procesamento dos números e na forma de operar con eles.
Segundo conta a SINC a autora principal do estudo e investigadora na Universidade de Standford (EEUU), Hyesang Chang, a metacognición e o rendemento en tarefas numéricas poderían ser factores subxacentes que diferencian aos nenos con problemas con esta materia e os que non os teñen.
“Os nosos resultados suxiren que os problemas na aprendizaxe matemática orixínanse en como os nenos reflexionan e adaptan as súas estratexias de resolución de problemas de forma efectiva ao longo do tempo”, sinala. Por iso, a experta considera que a avaliación individualizada podería ser útil para maximizar o potencial destes estudantes.
Resolución de problemas
Para sabelo, Chang e o seu equipo desenvolveron un modelo cognitivo e empregaron imaxes cerebrais para examinar as habilidades simbólicas de nenos con dificultades nesta materia. Durante a investigación, os estudantes seleccionaron os números máis elevados —representados como símbolos ou grupos de puntos— en diferentes probas.
Os investigadores crearon un sistema baseado na variación do seu rendemento ao longo do tempo e o modelo suxeriu que os nenos con dificultades coas mates tiñan problemas para cambiar de enfoque cando se equivocaban durante as probas. Así mesmo, as imaxes cerebrais mostraron unha actividade máis débil en áreas vinculadas á monitorización e o comportamento en nenos con este tipo de dificultades matemáticas.
“Descubrimos que os nenos con dificultades en matemáticas non responderon da mesma forma que os seus compañeiros cun desenvolvemento típico nos exercicios resoltos de forma incorrecta”, explica a científica. “O grupo con este tipo de problemas foi menos cauteloso e propenso a reducir a velocidade tras cometer un erro que os seus compañeiros”.
Os nenos non souberon se a resposta era correcta ou incorrecta despois de cada exercicio, aínda que Chang sinala que aqueles con dificultades na súa aprendizaxe puideron notar menos os erros e non axustaban as súas respostas despois de equivocarse.
Atención personalizada
O estudo revela que a capacidade dos nenos para adaptar a súa estratexia durante tarefas numéricas podería predicir a súa habilidade coas matemáticas, aínda que os investigadores sinalan que fan falta máis datos predicir o éxito do modelo.
Durante as clases, Chang recomenda actualizar o seu ensino cun enfoque máis holístico e integral que abarque unha ampla gama de dificultades matemáticas, no canto de sistemas que se baseen na repetición de exercicios mecánicos.
“Por exemplo, os profesores poderían equilibrar a comprensión de novos conceptos cunha práctica repetida e elaborada para reforzar e integrar os coñecementos previos” recomenda a experta.
Os achados suxiren que as dificultades para a aprendizaxe das matemáticas implican non só complicacións co procesamento numérico básico, senón tamén problemas na regulación das estratexias cognitivas ao traballar con símbolos numéricos. Esta perspectiva podería conducir a intervencións máis efectivas para os nenos que loitan con esta materia.
Referencia: Latent neurocognitive mechanisms underlying quantity discrimination in children with and without mathematical learning disabilities (Publicado en Journal of Neuroscience)












