O novo acordo lingüístico permitirá impartir Matemáticas, Tecnoloxías e Física e Química en galego

Os centros educativos poderán decidir a repartición das materias na ESO e Primaria, respectando o equilibrio do 50% entre os dous idiomas

Partido Popular e PSdeG acadan un acordo para actualizar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega a fin de levantar o veto a impartir as materias científicas en galego: os centros terán a posibilidade de dar Matemáticas, Tecnoloxías, e Física e Química na lingua propia de Galicia, que coa normativa actual teñen que ensinarse obrigatoriamente en castelán na ESO. Ao mesmo tempo, mantense o modelo de equilibrio idiomático do 50% entre ambos os idiomas nas materias non lingüísticas dos centros bilingües. Pero, que implica isto? Se un centro educativo decide impartir as asignaturas da rama de Ciencias en galego, as materias de Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Ciencias da Natureza e Bioloxía deberanse dar en castelán.

Desta forma, a decisión dependerá do centro, pero os bloques veñen predeterminados. No caso das escolas plurilingües deberán adaptar o seu proxecto lingüístico para garantir o equilibrio entre as tres linguas correspondentes. O novo pacto tamén reforza esta cuestión en Educación Primaria: Coñecemento do Medio impártese en galego e Matemáticas en castelán, o que deixa á escola como encargada da distribución das materias restantes para completar a porcentaxe —respectando sempre o equilibrio idiomático—.

Publicidade

A modificación normativa deberá aprobarse antes de que remate o ano e, no caso de ser aceptada, cada centro terá que recoller no seu proxecto lingüístico a distribución das materias. Para favorecer o control do cumprimento do 50%, a Xunta de Galicia realizará un informe anual a partir dos datos da Inspección Educativa arredor da porcentaxe de docencia en galego nos centros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Soutar, apañar ou rebuscar: as máis de 40 formas lingüísticas de recoller castañas en galego

O Atlas Lingüístico Galego recolle 47 palabras e expresións para nomear a tarefa, con variantes que reflicten a diversidade léxica do idioma

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves