A delicada situación do coello salvaxe en Galicia: un estudo urxe medidas para reverter o seu forte declive

A subespecie presente en territorio galego e no suroeste da península está nun estado de conservación preocupante polo azoute das enfermidades víricas nas últimas décadas

Un coello move de forma intermitente e inqueda o seu fociño. Está nunha pradeira aberta e as súas orellas tamén xiran de cando en cando para afinar o oído e alertalo ante posibles depredadores. Pouco despois emprende a súa marcha cara ao tobo, onde se agocha. A imaxe é a dun coello salvaxe, tamén denominado europeo (Oryctolagus cuniculus), nalgún punto do territorio galego. A estampa non tería máis implicacións se non fose pola delicada situación dunha das dúas subespecies que están presentes na península ibérica, Oryctolagus cuniculus algirus, que se distribúe por toda Galicia e polo suroeste peninsular. Agora, un novo estudo alerta do preocupante estado de conservación da subespecie e urxe a toma de medidas para reverter o seu forte declive.

A investigación, publicada recentemente na revista Global Ecology an Conservation, expón as grandes diferenzas entre as dúas subespecies que hai na península. Oryctolagus cuniculus algirus mostra unha tendencia decrecente cada vez máis acusada. Pola contra, Oryctolagus cuniculus cuniculus está nun mellor estado de conservación no territorio no que está presente, que é todo o Levante, centro e nordeste peninsular. De feito, esta segunda subespecie é considerada nalgúns puntos como unha praga que ataca cultivos, sobre todo oliveiras e vides, e causa fortes estragos económicos.

O estudo logrou radiografar o territorio para crear unha imaxe completa da situación de ambas as dúas subespecies, das que apenas hai estudos. Para iso enviaron un cuestionario en liña que responderon 1.956 gardamontes, e as conclusións non deixan lugar a dúbidas: no 74,9% de municipios nos que está presente a subespecie algirus detectouse unha tendencia decrecente das poboacións. No que respecta a Galicia, a situación é especialmente preocupante no centro da comunidade e no norte da provincia de Ourense, e mostra unha tendencia menos acusada na Costa da Morte, na metade norte da provincia Lugo e nos territorios limítrofes entre Pontevedra e Ourense.

A gran diferenza entre unha subespecie e outra leva os investigadores que participan no estudo a reclamar a aplicación de medidas urxentes que se adapten á situación específica de algirus. Polo tanto, amais de instar á realización de máis estudos sobre a situación do coello salvaxe, reclaman unha acción máis contundente: “Deberían recoñecerse como especies diferentes para facer dúas unidades de xestión diferenciadas que se axusten á situación de cada unha”. Así o sinala o coautor do estudo Vicente Piorno González, técnico superior de conservación no Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Esta medida, di o tamén doutor en Bioloxía, facilitaría a toma de decisións para mellorar o estado da especie. Mentres que a subespecie cuniculus é considerada unha praga nalgúns puntos do territorio, a algirus está nunha situación cada vez máis delicada. Dificilmente se lle pode dicir a un agricultor que está a sufrir danos nos seus cultivos que se van tomar medidas para protexer a especie. “Ao final provocaríase un rexeitamento ás medidas de conservación”, sinala. Por iso, o estudo é firme nunha proposta avalada polos demais asinantes: o Instituto de Estudos Sociais Avanzados (IESA-CSIC), o Instituto de Investigación en Recursos Cinexéticos (IREC), o Instituto de Ciencias Forestais (ICIFOR-INIA, CSIC) e as universidades de La Laguna e Córdoba.

Cales son as causas?

A investigación non só reclama medidas, senón que tamén afonda nas causas que provocan que a subespecie de coello salvaxe que hai en Galicia estea nunha situación límite. “O motivo número un da diminución do coello son as enfermidades víricas. Tamén se está a producir unha perda de hábitat en toda a península, que talvez é máis acusada en Galicia, debido principalmente á reforestación“, sostén Piorno. Ao tratarse dunha especie propia de espazos abertos, o aumento de superficie arborada nas últimas décadas é un factor que favorece o seu declive.

En canto ás doenzas, a que máis azoutan o coello salvaxe son a mixomatose e a enfermidade hemorráxica do coello (EHV). A primeira delas xa é considerada unha patoloxía endémica e a súa virulencia foi diminuído co paso do tempo. Non obstante, deixa moi debilitados os exemplares enfermos e fainos máis proclives a ser capturados polos seus depredadores. Segundo Piorno, é unha doenza propia dos coellos americanos que se estendeu rapidamente por Europa a mediados do século pasado. En poboacións cun elevado número de exemplares novos a mortalidade pode acadar o 50%.

Distribución das subespecies 'algirus' (en amarelo) e 'cuniculus' (en morado intenso).
Distribución das subespecies ‘algirus’ (en amarelo) e ‘cuniculus’ (en morado intenso).

A EHV chegou á península nos oitenta e entre 2011 e 2021 apareceu unha nova cepa procedente de Francia cunha enorme virulencia que supuxo un retroceso nas poboacións que xa xeraran inmunidade. O certo é que ante estas dúas patoloxías víricas, a marxe de manobra con coellos salvaxes é moi limitada, porque as vacinacións masivas non adoitan funcionar. “Está comprobado que as poboacións máis densas resisten mellor a enfermidade. Se o virus circula de maneira continua nunha poboación que é abundante e estable no tempo, isto provoca que a maior parte dos individuos entren pronto en contacto co patóxeno e desenvolvan inmunidade”, apunta Piorno.

Porén, a situación de declive do coello salvaxe, sobre todo da subespecie algirus, complica aínda máis este escenario e a xestión das poboacións enfermas. Se a tendencia é decrecente, cada vez haberá menos exemplares e, polo tanto, menor densidade, o que os fai máis vulnerables aínda a enfermidades con elevadas taxas de mortalidade. Neste contexto, entra de novo a dúbida de por que algirus e cuniculus teñen unha situación tan diametralmente oposta, mais non existen aínda evidencias sólidas que expliquen as diferenzas, e a comunidade científica tan só pode achegar hipóteses.

Exemplar de 'Oryctolagus cuniculus'. Foto: Wikimedia Commons
Exemplar de ‘Oryctolagus cuniculus’. Foto: Wikimedia Commons

“Pode que unha teña maior ou menos susceptibilidade biolóxica á enfermidade, ou ben que existan consecuencias indirectas derivadas dun comportamento distinto ou de diferentes estratexias reprodutivas. Existen moitas diferenzas entre as dúas subespecies pero intentar explicar os motivos é entrar no terreo da especulación. Hai moitos aspectos biolóxicos, xenéticos e de comportamento que poderían estar achegando a clave da diferenza nas tendencias”, explica en detalle Piorno González. Isto apoia aínda máis a petición do grupo do estudo de establecer dúas especies diferenciadas, que ten un maior reforzo na declaración da Unión Internacional pola Conservación da Natureza en 2019, quen estableceu que o coello estaba “en perigo” na península. Pero o certo é que unha subespecie a que se atopa nunha situación límite.

Que medidas tomar?

Se existisen dúas especies diferenciadas e, polo tanto, se puidesen tomar medidas por separado, Piorno establece algunhas das actuacións prioritarias. En primeiro lugar, habería que xestionar o mellor posible as poboacións actuais, de maneira que sexan o máis densas posibles e, así, resistan mellor as enfermidades víricas que as azoutan. Así mesmo, propón que no caso específico de Galicia se creen “mosaicos de vexetación máis baixa e herbácea” co obxectivo de que os coellos poidan escavar os seus tobos. E, tamén, pide unha regulación da caza: “Hai que axustar o que se caza á presión que existe no campo”.

Precisamente este é un dos puntos quentes en Galicia. “Fixemos estudos a nivel xenético en distintas poboacións galegas e vimos unha mestura xenética tremenda“, indica o doutor en Bioloxía. Piorno relaciona estes resultados coa solta por parte dos colectivos de cazadores de miles de exemplares ao ano en Galicia. “Ou ben foron criados en catividade, ou ben son híbridos de coellos domésticos e con orixes xenéticas moi dubidosas”, apunta. Con estas soltas o que se favorece é que se dilúa aínda máis a xenética da subespecie algirus, xa de por si nunha situación delicada.

Piorno tamén explica o motivo polo que se hibridan os exemplares: “Os coellos salvaxes críanse moi mal en gaiolas porque non se adaptan e requiren de tobos. Moitas granxas cinexéticas hibrídanos con coellos domésticos para producir unha liña que se pareza un pouco ao coello de monte. Polo tanto, Galicia non so é zona de algirus, cos seus problemas de hábitat e de enfermidades. Este tipo de translocacións aféctano moitísimo”. E pon o foco en medidas que si sexan útiles para garantir a conservación xenética da subespecie presente en Galicia: “As repoboacións teñen que ser unha finalidade de rexeneración. Non ten sentido facer puros reforzamentos poboacionais e traer coellos en grandes cantidades para aumentar a abundancia. Iso non funciona”.

A posición de Piorno, así como a do resto de asinantes do estudo, é clara: determinar dúas especies distintas para favorecer o seu manexo e reverter o forte declive de algirus nos territorios peninsulares que habita. “Hai que protexer o seu patrimonio xenético único”, salienta Piorno. Esta petición vai acompañada de propostas, como a rexeneración dos hábitats e regular a presión da caza, que debería ir parella á situación real que no hai campo. Pero, sobre todo, as palabras de Piorno van directamente á importancia do coello: “É unha especie vital para a supervivencia de moitos depredadores ameazados. Ten un papel ecolóxico enorme nos ecosistemas da península ibérica”.

O seu papel clave na biodiversidade é incuestionable. Organismos internacionais como a UICN tamén poñen o foco na situación do coello salvaxe na península e alertan dun declive xeneralizado. O estudo coasinado por Piorno é un berro de auxilio: mostra os datos e a rigorosidade da ciencia para xustificar a toma de medidas. Os mapas de distribución do artigo, xunto ás tendencias de declive, amosan con claridade a delicada situación de algirus. E a petición é ben clara: o estado de conservación é máis preocupante nunha subespecie ca noutra. E si, o coello do comezo desta reportaxe, o que movía intermitentemente o fociño ata meterse no tobo, o que escapaba dos seus depredadores e probablemente estivera enfermo era, sen dúbida, un exemplar de algirus.


Referencia: Nationwide ranger-based survey reveals the widespread decline of the Iberian rabbit (Oryctolagus cuniculus algirus) in Spain (Publicado en Global Ecology and Conservation)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A contaminación atmosférica podería estar detrás do aumento das crises de xaqueca

Un estudo internacional sinala que o número de visitas ao hospital de persoas con síntomas aumenta durante os días nos que hai maiores niveis de polución

A apaixonante historia do Casco de Leiro, a xoia prehistórica que atopou un veciño de Rianxo hai 50 anos

Décadas despois do seu descubrimento, a peza de ouro aínda mantén varias incógnitas sobre a súa orixe e funcionalidade

Unha nova Unidade Mixta da USC impulsa terapias innovadoras en cancro e enfermidades inflamatorias

A colaboración con SunRock Biopharma integra grupos do CiMUS para validar candidatos terapéuticos en fases temperás