É, ao tempo, unha das especies máis daniñas nos lugares nos que foi introducida e un animal ameazado noutras partes do planeta. O coello europeo (Oryctolagus cuniculus) é, despois da revisión da lista vermella da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), unha especie “en perigo” en España, Portugal e o sur de Francia.
Segundo a información difundida por esta entidade, o coello está a sufrir un importante retroceso nas súas poboacións do suroeste de Europa, unha das súas áreas de distribución natural, debido á influencia de depredadores, como o lince ibérico e a aguia imperial (outras dúas especies que tamén están en situacións vulnerables) e, sobre todo, aos episodios de doenzas como a mixomatose e a enfermidade hemorráxica. Segundo datos da IUCN, estes factores provocaron “unha diminución estimada nas poboacións de coello de ata un 70%”.
A advertencia, con todo, abrangue á poboación salvaxe de coellos, e non aos criados en catividade para a industria alimentaria. Os exemplares que viven en liberdade víronse especialmente afectados pola alteracións dos hábitats e as doenzas contaxiosas, tal e como se pode ver neste gráfico difundido por WWF, aínda que ata hai pouco, grazas aos seus elevados índices de reprodución, a poboación podía manterse a pesar da caza.

Tal e como apuntan os expertos, o coello é un dos considerados como “enxeñeiros dos ecosistemas“, debido á súa capacidade para modificar o seu ambiente e mellorar así, en moitos casos, a dispoñibilidade de recursos para a súa e outras especies, tanto pola súa acción mecánica, ao escavar madrigueiras, como modificando a estrutura do solo e a vexetación coa súa actividade e os seus excrementos.
Porén, fronte a súa decadencia na área onde é considerado nativo, o coello é unha auténtica praga noutros lugares do mundo. En Australia, a onde chegou mediante os colonizadores británicos e se espallou ao non ter depredadores, poñendo en perigo outros centos de especies, a superpoboación chegou a acadar tal magnitude que o propio goberno decidiu liberar recentemente o virus letal que está decimando o animal en Europa para frear o crecemento do número de individuos.