Abaten a tiros en Oleiros unha aguia protexida

A Sociedade Galega de Ornitoloxía denuncia o suceso, que tivo lugar esta fin de semana preto da área protexida da Costa de Dexo

Exemplar de aguia calzada, especie á que pertence o individuo abatido en Oleiros. Fonte. Juan Cruz / CC BY-SA 4.0.
Exemplar de aguia calzada, especie á que pertence o individuo abatido en Oleiros. Fonte. Juan Cruz / CC BY-SA 4.0.

Un exemplar de aguia calzada (Hieraaetus pennatus) tivo que ser sacrificada este domingo no Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe de Santa Cruz (Oleiros) debido ás lesións causadas por disparos de arma de fogo, segundo denuncia a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO). Un veciño que camiñaba pola zona de Subiña, na parroquia de Dexo, deu conta do achado da ave, nun lugar moi preto do Monumento Natural Costa de Dexo, área protexida incluída ademais na Rede Natura 2000 a nivel europeo, e nas proximidades de vivendas unifamiliares.

Segundo informan desde a SGO, o suceso puido ter lugar o pasado venres 6, día hábil para a caza, xa que o animal presentaba evidencias de levar tempo ferida polo ataque. O lugar no que foi atopada está en terreos pertencentes ao TECOR As Gabeiras. Despois do aviso, a aguia foi recollida por axentes de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e trasladada ao centro de recuperación, no que finalmente se lle tivo que aplicar a eutanasia.

Ante os feitos acaecidos, a Sociedade Galega de Ornitoloxía solicitou a apertura dunha investigación por parte do SEPRONA e da Xunta de Galicia para dar co autor do suposto delito. Do mesmo xeito, “agarda contar coa colaboración do TECOR “Sociedade de Caza as Gabeiras”, como responsable da correcta execución das actividades cinexéticas que nel se levan a cabo segundo a Lei de Caza de Galicia, así como a condena deste feitos por parte da Federación Galega de Caza”. Fontes da SGO subliñan que “todos os anos é habitual que aparezan aves e outros animais abatidos por disparos, aínda que é certo que a concienciación entre o sector da caza é cada vez maior”.

Publicidade

Segundo a normativa vixente, a aguia calzada, como o resto de aves de rapina, está protexida pola lexislación, sendo unha especie en réxime de protección especial pola lexislación estatal, e a nivel europeo está incluída entre as especies que requiren de conservación especiais segundo a Directiva Aves. Do mesmo xeito, a lei contempla que dar morte a especies protexidas pode dar lugar a multas de 3.000 a 200.000 euros e unha condena de ata tres anos de cárcere, ademais da retirada da licencia de caza.

A aguia calzada é unha ave rapaz pouco común na provincia coruñesa, de presenza estival e que pasa o inverno na África subsahariana. A especie ten na contorna de A Coruña unha das súas escasas áreas de invernada no norte da península Ibérica, polo que o exemplar abatido en Oleiros sería un dos poucos exemplares que pasan o inverno en territorio galego.

3 COMENTÁRIOS

    • Ben, escribín por si era de axuda a miña observación. Agardemos que non nos deixen de vistar.
      Saúde!

  1. Vina sobrevoando A Coruña o día 9 ao medio día, mesmo lle tirei unha foto, atravesando a ría e a cidade. Supoño que sería a mesma pois non hai tantas. Por se serve para afinar a investigación e dar co delincuente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.