No verán de 2022, unha tormenta eléctrica seca desencadeou na Serra do Courel (Lugo) o maior incendio forestal rexistrado oficialmente ata esa data en Galicia: 12.768 hectáreas afectadas en apenas dúas semanas. Agora, un equipo de investigadores da Universidade De Santiago (USC) e a Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) publica un estudo científico que analiza como responderon as comunidades de aves a ese megaincendio durante a primeira tempada de cría posterior, unha fiestra ecolóxica crítica para avaliar a súa recuperación. O estudo mostra que a severidade do lume foi o principal factor negativo para as aves: a maior severidade, menor riqueza de especies, menor abundancia de individuos e efectos negativos sobre a maioría dos tipos de aves analizados. Con todo, cando o incendio xerou un mosaico de zonas con distinto grao de afectación, a diversidade de aves viuse favorecida.
“Os incendios que queiman de forma heteroxénea crean unha variedade de microhábitats que permite a coexistencia de especies con necesidades ecolóxicas moi diferentes, algo que xa se evidencia tan só un ano despois do lume”, explica Fernando García, investigador da USC e da MBG-CSIC e primeiro autor do traballo. “Pola contra, os lumes que arden de forma moi severa e homoxénea tenden a empobrecer a comunidade de aves e reducen a súa capacidade de reorganización tras o incendio”. O traballo baséase no censo de 2.928 aves pertencentes a 56 especies, rexistradas en 215 puntos de mostraxe dentro e féra da área queimada.
Un dos achados apunta directamente á xestión post-incendio: as árbores carbonizadas en pé son estruturas ecolóxicas de enorme valor. O estudo mostra que estes elementos son especialmente importantes nas zonas queimadas para as aves forestais e as especies que nidifican en cavidades, xa que ofrecen recursos valiosos como refuxio, pousadeiros, zonas de alimentación e lugares onde nidificar tras o lume. A súa retirada sistemática do ecosistema —práctica habitual baixo o argumento do saneamento forestal— supón un enorme impacto para as comunidades de aves máis dependentes dos bosques.
Abandono rural e cambio climático
O Courel perdeu aproximadamente o 75% da súa poboación desde 1970 e o 85% da súa cabana gandeira. Este proceso de despoboamento transformou profundamente a paisaxe: “Antigos campos e prados foron colonizados pola vexetación, aumentando tanto a carga de combustible como a súa continuidade espacial”, explican os investigadores. A este escenario súmase o cambio climático, “que intensifica as secas estivais e as ondas de calor”, engaden. No verán de 2022, o máis cálido rexistrado en España, a combinación dunha paisaxe con elevada acumulación de combustible e unhas condicións meteorolóxicas favoreceu a propagación do primeiro megaincendio rexistrado oficialmente en Galicia.
O estudo documenta tamén un efecto paradoxal de gran relevancia conservacionista. Aves de espazos abertos, como a pica campestre ou a curuxeira común, apareceron exclusivamente nas zonas queimadas, onde o incendio xerara terreos despexados en áreas que antes presentaban unha vexetación demasiado densa para elas. Estas e outras especies ligadas a ambientes agrícolas tradicionais son as que enfrontan maiores problemas de conservación en Europa, en boa medida porque o avance da vexetación arbustiva derivado do abandono rural foinas expulsando do territorio. O lume ábrelles, polo menos de forma temporal, unha fiestra de oportunidade que a paisaxe abandonada lles nega.
A memoria do bosque
Os resultados revelan que a resposta das aves non depende só das características do incendio, senón de como era o ecosistema antes do lume. Os parches de vexetación que escaparon ás chamas actuaron como refuxios para as especies máis sensibles e como focos de recolonización das zonas afectadas. “O ecosistema non parte de cero tras o lume”, sinala Fernando García, “a súa recuperación está condicionada pola historia do territorio: a estrutura previa da vexetación e os elementos que resisten tras a perturbación”. A un ano do incendio, advirten os autores, estes procesos están aínda nas súas etapas iniciais; o seguimento a longo prazo será fundamental para entender a evolución completa.
O mesmo equipo xa utilizara as aves como bioindicadores para avaliar o impacto ecolóxico das plantacións de eucalipto no Parque Natural das Fragas do Eume, e agora aplica este enfoque ao estudo dos grandes incendios forestais.
Referencia: Megafire attributes and pre-fire structural legacies shape short-term avian responses in an Atlantic-Mediterranean ecotone (Publicado en Fire Ecology)














