Un estudo levado a cabo no Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal por un equipo internacional de investigación da UDC, acaba de demostrar que o oso do Atlas (Ursus arctos crowtheri), unha subespecie extinta de oso pardo que habitou o norte de África ata épocas relativamente recentes, seguía unha dieta estritamente vexetariana. Os resultados do traballo forman parte da tese de doutoramento da investigadora Shaymae Iken, no que participan Aurora Grandal-d’Anglade e Gloria María González Fortes, do Grupo CULXEO.
A investigación achega nova información sobre a bioloxía desta subespecie, coñecida por habitar as montañas do Atlas e desaparecida probablemente como consecuencia da presión humana. A investigación permitiu reconstruír os seus hábitos alimentarios a partir da análise de restos fósiles procedentes de tres xacementos do norte de Marrocos, datados entre hai 11.000 e 10.000 anos. Para levar a cabo o traballo, o equipo analizou o coláxeno conservado nos ósos dos exemplares fósiles. A través dunha técnica amplamente empregada para reconstruír dietas do pasado, os investigadores puideron determinar a posición dos animais na cadea alimentaria.
Os resultados revelaron niveis extraordinariamente baixos de nitróxeno pesado, incluso inferiores aos rexistrados en especies herbívoras coas que convivían, como ovellas ou antílopes. Segundo o equipo investigador, esta evidencia “apunta de forma clara a unha alimentación baseada exclusivamente en recursos vexetais”. Ademais, constatou a ausencia de indicios de consumo de peixe, un feito especialmente rechamante tendo en conta a proximidade destes animais a zonas costeiras e cursos fluviais. Aínda que non foi posible identificar con precisión as especies vexetais consumidas, os investigadores consideran que a dieta podería incluír unha elevada proporción de leguminosas e breixos.
Unha adaptación singular
Segundo os autores, esta especialización alimentaria puido constituír unha estratexia adaptativa para reducir a competencia con outros grandes carnívoros presentes nos ecosistemas norteafricanos, como leóns, leopardos ou hienas. A profesora da UDC Aurora Grandal explica que “os osos pardos son animais cunha grande flexibilidade ecolóxica, capaces de adaptar a súa alimentación ás condicións ambientais e aos recursos dispoñibles”. Neste caso, o oso do Atlas tería ocupado un nicho ecolóxico moi diferente ao doutros osos pardos actuais, caracterizados por unha dieta omnívora. Os resultados contribúen a ampliar o coñecemento sobre a evolución e adaptación dos grandes mamíferos e ofrecen unha nova perspectiva sobre a diversidade ecolóxica que existiu dentro das distintas poboacións de oso pardo ao longo da historia.















Leyendo el articulo considero que no se da el suficiente protagonismo a Shaymae, ya que ni su nombre aparece en el pie de foto(detalle muy feo por cierto) y no se pone en negrita tampoco en el texto. Recordar que el material y los análisis para obtener los hallazgos comentados los llevo a cabo Shaymae Iken.
Saludos!