Da intensa calor á inestabilidade: Galicia rexistra case 4.000 raios nas últimas 24 horas

A recta final da semana estará marcada polas treboadas, aínda que as temperaturas serán moderadas e remitirán as alertas por tormenta

Os fogares galegos tiveron esta noite unha banda sonora dirixida pola percusión do ceo: a Aemet anuncia que se rexistraron case 4.000 raios nas últimas 24 horas. En concreto, MeteoGalicia apunta 3.945 sobre territorio galego e un total de 7.409 captados polos catro detectores de raios cos que conta a rede da axencia meteorolóxica. Estes aparellos atópanse repartidos polas catro provincias de Galicia: están no Alto do Rodicio (Ourense), Castro Ribeiras de Lea (Lugo), Mabegondo (A Coruña) e o Campus de Vigo (Pontevedra).

O rexistro amosa que a frecuencia da caída dos raios foi amainando ao longo da noite, cun pequeno repunte durante a madrugada, cando, entre as 6 e as 7, se captaron 738. Ao referirse á polaridade dos raios, a Aemet sinala que os que teñen carga negativa (-) son moito máis frecuentes (en torno ao 90%) que nos que é positiva (+). Por iso, chama a atención o rexistro da hora sinalada, na que se recontan tan só 291 raios de carga – fronte a 447 de carga +. A tendencia habitual do predominio da carga negativa confírmase no resto das franxas horarias rexistradas.

Publicidade

A presenza das tormentas manterase sobre a comunidade durante, canto menos, o que resta de día: toda Galicia materá unha alerta amarela ata ás 15 horas, e o aviso continuará na provincia de Lugo ata á medianoite. O venres, porén, non están previstas alertas meteorolóxicas por ningún fenómeno para o territorio galego.

A semana pecha marcada pola inestabilidade

Despois das temperaturas históricas que abafaron Galicia durante as xornadas anteriores, levántanse os avisos por calor. As máximas baixan ata rondar os 25 graos —agás en Ourense, onde se agarda que cheguen a 29— con mínimas que se manterán entre os 17 e os 20. A xornada estará marcada pola inestabilidade, con aire frío nas capas altas da atmosfera e, en consecuencia, ceos nubrados e a posibilidade de chuvascos treboentos localmente intensos.

Publicidade

Durante o venres persistirá a inestabilidade atmosférica. Así, agárdanse intervalos de nubes e claros, con chuvascos que, de novo, poden resultar localmente treboentos. As máximas manteranse e haberá un lixeiro descenso das mínimas, que poderán chegar mesmo aos 14 graos en Lugo. Os ventos soprarán de compoñente sur, moderados en xeral, con intervalos fortes na Costa da Morte.

A fin de semana arrancará cunha situación intermedia entre altas e baixas presións, cun fluxo do suroeste que achegará humidade dende o mar. Haberá, en xeral, ceos nubrados nas primeiras horas, con algún chuvasco débil na fachada atlántica que podería repetirse na metade inicial da tarde no norte do territorio, aínda que remitirán cara á noite.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona