A verdadeira identidade do lobo cerval das lendas galegas: a UDC identifica restos do extinto lince boreal

Unha investigación arqueolóxica atopa nunha sima dos Picos de Europa un esqueleto case completo da especie, datada en 210 anos de antigüidade

Algunha vez escoitaches falar do lobo cerval? Esta figura faunística da tradición popular galega e cántabra era coñecido polo seu gran tamaño, capaz de abatir grandes presas e con predilección polos cervos e os corzos. Porén, non se trataba dun lobo: era, en realidade, un lince boreal (Lynx lynx). Un grupo de espeleólogos atopou na Sima Topinoria, en Cantabria, un esqueleto case completo e articulado dun exemplar desta especie, datado en 210 anos de antigüidade. Os restos foron trasladados Instituto de Xeoloxía da Universidade da Coruña (UDC) para seren estudados. A investigación permitiu conectar a historia paleontolóxica coa tradición oral grazas a análises moleculares que confirmaron a identidade dos ósos.

Unha das investigadoras, Eva María Fernández Bejarano, explica que en Galicia existen poucos rexistros do lince boreal e, en boa parte, proceden da tradición popular. A obra o século XIX de Víctor López Seoane sinala a presenza deste animal no Courel e en varias serras de Ponteevdra e Ourense. Con todo, a investigadora advirte que se trataba dun animal esquivo e difícil de observar. Esta circunstancia favoreceu que fose confundido con outros grandes carnívoros. “Non era como un gato, que caza pequenas presas; probablemente pensaron que podería tratarse dun animal parecido ao lobo polo tamaño, a súa ferocidade e o medo que inspiraba”, explica Fernández Bejarano.

Publicidade

O galego Pai Martín Sarmiento foi un dos naturalistas que deixou constancia da presenza desta especie en Galicia durante o século XVIII. Tamén era coñecido como “tigre galego”, inspirado no seu pelaxe xaspeado. Entre os nomes máis estendidos figuraban precisamente lobo cerval e lubicán. “Aínda que comezan por lobo, só aluden á súa voracidade, non a que sexa un animal do xénero dos lobos, pois pertence ao dos gatos“, escribiu Sarmiento. Ademais, o ilustrado recolleu que determinadas partes do lince boreal se empregaban como amuletos protectores fronte a certas enfermidades, unha mostra da pegada deste enigmático no imaxinario popular galego.

Esqueleto estendido do lince boreal (Lynx lynx) atopado na Sima Topinoria. Foto: Juan Martín (Grupo Espeleolóxico Flash)

Unha análise galega

A presenza tanto do lince boreal como do lince ibérico (Lynx pardinus) está documentada no norte peninsular, dende Galicia ata o Pirineo catalán. Porén, o achado constitúe unha das primeiras evidencias físicas capaces de vincular directamente os restos dun lince boreal coa tradición oral do lobo cerval. “Faltaba unha proba material que permitise demostrar que esta especie sobrevivira ata épocas máis recentes“, explica Fernández Bejarano. Ata agora, os rexistros coñecidos situaban a presenza do lince boreal na Península hai uns 400 anos, mentres que na vertente cantábrica os restos máis recentes tiñan arredor de 1.750 anos. Con todo, a narrativa popular seguía falando do lobo cerval. Para reconstruír a historia, o equipo non só estudou o esqueleto, senón que tamén revisou documentación histórica, incluíndo rexistros de recompensas de caza, envelenamentos e avistamentos.

Publicidade

Todo comezou cando o grupo espeleolóxico Flash localizou os restos óseos nunha cavidade situada a uns cen metros de profundidade no Macizo Oriental dos Picos de Europa. Dada a relevancia, o Parque Nacional contactou coa paleontóloga da UDC Aurora Grandal para estudar os restos. “A sima era de moi difícil acceso, pero os espeleólogos conseguiron recuperar o esqueleto”, explica Fernández. Unha vez trasladados a Galicia, os ósos foron sometidos a un proceso de limpeza, secado en condicións controladas e análise morfométrica detallada. “Puidemos identificar a especie e contextualizala con poboacións actuais, agora estamos a desenvolver estudos xenéticos“, conclúe.

Lince boreal vs. Lince ibérico

O lince boreal é máis grande ca o lince ibérico e presenta unha ecoloxía diferente. “Mentres que o boreal ten unha dieta máis xeralista, capaz de incluír dende pequenas presas ata animais de gran tamaño, o ibérico está especializado na caza do coello“, explica Eva Fernández. A asociación do lince boreal cos cervos podería facer pensar que o nome de lobo cerval procede só da súa dieta, pero segundo recollía o estudoso Eladio Rodríguez no século XIX, tería tamén outra orixe: o seu berro semellaría ao dos cervos. O hábitat tamén marca unha diferenza entre ambas especies. O boreal habita os bosques da rexión eurosiberiana, mentres que o lince ibérico é característico dos ecosistemas mediterráneos.

Con todo, dende o punto de vista paleontolóxico, as diferenzas máis relevantes son as anatómicas. “A identificación non sempre é sinxela, pero existen trazos craniais que permiten distinguilos”, sinala a investigadora. O primeiro deles localízase na base do cranio: os orificios presentes nesta zona aparecen separados no lince boreal, mentres que no lince ibérico conflúen nunha única cavidade. A segunda diferenza atópase no óso temporal, onde Lynx pardinus presenta unha crista saxital con forma de lira, máis ancha e curta que a do seu parente. Finalmente, existe un terceiro carácter, máis variable pero frecuente: os linces boreais linces boreais adoitan ter no molar inferior unha cúspide denominada metacónido, unha estrutura ausente no lince ibérico. A combinación destes trazos permitiu aos investigadores confirmar que o exemplar da Sima Topinoria pertencía a un lince boreal.

  • Cranio de 'Lynx Pardinus'. Foto: The Virtual Museum of Life
  • Cranio de 'Lynx lynx'. Foto: Aurora Grandal

Extinción e pegada xenética

A investigación desenvolvida pola UDC apunta a que o lince boreal puido sobrevivir na Península Ibérica ata os séculos XVIII e XIX. Mais, que provocou a súa desaparición? “A acción humana parece que foi o principal factor da extinción”, explica Eva Fernández Bejarano. Á persecución por caza sumouse a transformación da paisaxe e a perda do hábitat natural.

As análises xenéticas actualmente en marcha sobre o exemplar de Topinoria poderían achegar novas pistas sobre esta relación e sobre a historia das últimas poboacións. Hoxe, o lince ibérico conseguiu recuperarse do bordo da extinción. O lince boreal, pola contra, desapareceu. Con todo, a súa memoria sobreviviu nos relatos populares, nos nomes tradicionais e nas lendas que aínda falan do lobo cerval.


Referencia: The last Iberian record of Eurasian lynx (Lynx lynx): Osteometry and historical implications of the lynx from Sima Topinoria (Cantabria, Spain) (Publicado en The Holocene)

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dous bens da Coruña elevan a 91 os elementos galegos incluídos na Lista Vermella do Patrimonio

A antiga igrexa barroca de Vimianzo e a Casa Grande do Ribeiro colocan a Galicia no sexto posto nacional por número de inmobles incluídos

As Rías Baixas gardan a maior pegada toponímica da antiga presenza de focas en Galicia

Un estudo identifica 43 talasónimos asociados a estes animais mariños e reconstrúe a súa distribución histórica, con especial concentración na ría de Arousa

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie