Sendegal, a nova aplicación para descubrir máis de 120 rutas de sendeirismo en Galicia

A ferramenta impulsada por Turismo da Xunta ofrece mapas interactivos, descargas sen conexión e información detallada dos percorridos

Galicia é sinónimo de natureza e ofrece innumerables posibilidades para gozar de actividades ao aire libre, entre elas o sendeirismo. Co obxectivo de facilitar o acceso aos espazos naturais, Turismo de Galicia vén de lanzar Sendegal, unha aplicación gratuíta dispoñible para Android e iOS que permite consultar rutas oficialmente homologadas a través dun mapa interactivo. A iniciativa nace para dar visibilidade tanto á riqueza paisaxística como ao patrimonio etnográfico e monumental da comunidade.

Ao abrir a aplicación, o usuario atópase cun mapa de Galicia cheo de marcadores, cada un correspondente a unha das máis de 120 sendas incluídas na plataforma. Ademais, os percorridos poden clasificarse por orde alfabética, dificultade, duración ou lonxitude. Cada ruta conta coa súa propia ficha e cun plano descargable, o que permite utilizala mesmo sen cobertura. En todos os casos, o GPS do dispositivo indica a posición exacta do usuario para facilitar o seguimento do itinerario.

Publicidade

Entre os percorridos rexistrados, a ruta do monte Aloia figura como a máis accesible, mentres que o sendeiro de Zobra aparece como o de maior dificultade. No que respecta á duración, os camiños do Tegra e o sendeiro de Pedra Miranda poden completarse en menos dunha hora. Pola contra, a aplicación tamén recolle propostas de máis de dez horas de percorrido, como a ruta da Ribeira Sacra do Miño ou o propio Camiño de Santiago.

Que información ofrece?

Ao acceder, por exemplo, á Rota dos Muíños do Folón e do Picón, situada nas Rías Baixas, a aplicación amosa unha descrición detallada do percorrido. Neste caso, trátase dun itinerario que permite descubrir este conxunto de muíños, declarados Ben de Interese Cultural (BIC). Ademais, o usuario pode consultar a previsión meteorolóxica adaptada ao día, á hora e á ruta escollida.

Publicidade

A ferramenta tamén ofrece datos técnicos do percorrido. No caso do Folón e o Picón, trátase dunha ruta circular de 3,5 quilómetros que pasa pola Ponte das Penas e polos muíños, cun tempo estimado dunha hora. O itinerario presenta un desnivel acumulado de 187 metros de ascenso e 189 de descenso.

Outra das funcionalidades destacadas é a inclusión dos indicadores do sistema M.I.D.E. (Medio, Itinerario, Desprazamento e Esforzo), que permiten avaliar a dificultade de cada ruta. Para este percorrido, a aplicación advirte da presenza de máis dun factor de risco, aínda que existe unha traza clara do camiño e unha sinalización adecuada. Tamén informa de que o trazado discorre por sendas escalonadas e terreos irregulares e estima un nivel de esforzo equivalente a entre unha e tres horas de marcha. Xunto a esta información, Sendegal sinala os servizos dispoñibles na contorna e achega recomendacións de acceso. Entre elas, indica que esta ruta non é apta para realizar en bicicleta nin a cabalo.

Consellos que debes coñecer

O menú principal de Sendegal estrutúrase en cinco apartados. A opción “Explora” permite consultar os percorridos tanto a través do mapa interactivo como dunha listaxe; “Descargas” reúne as rutas almacenadas na memoria do dispositivo para utilizalas sen conexión; “As miñas rutas” facilita o acceso aos itinerarios gardados; e “Acerca de” ofrece información sobre a propia aplicación. Completa o menú a sección “Consellos”, onde Turismo de Galicia recolle recomendacións útiles para planificar as saídas.

Neste apartado, os usuarios poden consultar información sobre a sinalización dos sendeiros, as características de cada tipo de percorrido e o significado das siglas do sistema M.I.D.E. (Medio, Itinerario, Desprazamento e Esforzo), empregado para avaliar a dificultade das rutas.

  • Frecha, indica a proximidade dunha poboación, miradoiro, refuxio, etc. Imaxe extraída de Sendegal.
  • Baliza, indica o camiño correcto. Imaxe extraída de Sendegal.
  • Mala dirección. Imaxe extraída de Sendegal.
  • Cambio de dirección. Imaxe extraída de Sendegal.
  • Continuidade do sendeiro. Imaxe extraída de Sendegal.

A aplicación tamén explica os diferentes tipos de sendeiros oficiais que existen en Galicia. Os sendeiros de gran percorrido (GR) son itinerarios de longa distancia que enlazan camiños e vías non aptas para vehículos a motor. Ademais, atravesan periodicamente núcleos de poboación nos que os camiñantes poden atopar servizos de abastecemento ou aloxamento. Por outra banda, os sendeiros de pequeno percorrido (PR-G) teñen unha lonxitude inferior aos 50 quilómetros e adoitan completarse en menos de dous días. Estes itinerarios destacan pola presenza de elementos de interese paisaxístico, histórico ou cultural ao longo do seu trazado.

Compartir o camiño

Ademais da súa propia aplicación, Sendegal tamén está presente en redes sociais especializadas en sendeirismo como EveryTrail e Wikiloc. A través destes perfís, os usuarios poden consultar información sobre os itinerarios homologados de Galicia, así como descargar os percorridos para empregalos durante as súas saídas.

Deste xeito, a iniciativa amplía a difusión da rede de sendeiros galegos e facilita o acceso a rutas adaptadas a distintos niveis e intereses. A ferramenta convértese así nun recurso para promover a actividade física ao aire libre e descubrir a riqueza natural e patrimonial de Galicia, especialmente coa chegada do bo tempo.

1 comentario

  1. Parabens. Moi boa iniciativa. Sería importante enriquecer esta APP engadindo información precisa sobre rutas adaptadas para xente que se move en cadeiras de rodas ou persoas con dificultades varias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de conectado está o teu concello? Descúbreo con esta ferramenta interactiva

O mapa de Strado puntúa os barrios europeos en función da súa accesibilidade a servizos da vida diaria e social

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Vives nunha zona de risco de carrachas? Compróbao nesta aplicación

A plataforma Garrapata Alert combina ciencia cidadá e asesoramento experto para identificar especies e aconsellar no caso de picadura