Manual para sobrevivir á calor

Nunca tiven aire acondicionado na casa pola sinxela razón de que nunca fixo falla. Sempre me pareceu un electrodoméstico exótico ata que pasei un verán en Valencia en 2012 e me decatei do extrema que pode ser a calor. Alí, con aquela humidade pegañenta, descubrín o que é durmir sen taparse. Insólito. Pero aquilo era o Levante e nada tiña que ver con Galicia. Ou iso pensaba —pode que os de Ourense teñan algo que dicir ao respecto—. Hai uns anos, miña nai comprou o primeiro ventilador. Eu cuestionei a decisión porque non estaba segura de se lle iamos dar o suficiente uso. Xa imos polo terceiro. 

Esta semana comecei a usar sandalias, tirantes e roupa de liño para sobrevivir á calor. Leo, o meu can, agochouse nos lugares máis frescos da casa e pegouse un baño no mar. Odia a auga, así que foi unha medida de urxente supervivencia (e certa desesperación). Mantiven as persianas baixadas e abrín as ventás a primeira hora da mañá e a última da tarde para ventilar a casa. E confeso que botei de menos ter aire acondicionado.

Publicidade

O mércores, toda Galicia estivo arredor dos 30 graos. A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) cualificou as temperaturas rexistradas estes días como “extremadamente altas” para esta época do ano e, de feito, algúns puntos de España roldaron os 40. Pero esta situación anómala foi aínda máis extrema en Francia e Reino Unido, con temperaturas que romperon marcas históricas e abafaron a poboación. As consecuencias deste episodio foron tráxicas, con sete falecidos —dous por golpes de calor mentres facían deporte e cinco por afogamento— no país galo, e outros seis británicos —cinco adolescentes e un adulto— mentres buscaban alivio térmico nos ríos e no mar. 

E ollo, porque nalgunhas zonas de Reino Unido, a temperatura foi máis alta que a rexistrada nesa mesma xornada no Cairo, Damasco ou Lagos. En Kew Garden (Londres), por exemplo, chegaron aos 35,1 graos; un valor que rompeu os rexistros históricos de maio.

Publicidade

Hai apenas uns meses, o setembro pasado, un estudo publicado en Nature deu a voz de alarma —por enésima vez, diría eu—. Segundo a investigación, o cambio climático aumentou a probabilidade e a intensidade de máis de 200 vagas de calor a nivel global entre o 2000 e o 2023. Hai un exemplo especialmente ilustrativo: a onda de 2022. Seguro que te lembras dela, porque foi a máis longa e intensa xamais rexistrada en España ata o momento (eu non me esquezo). O estudo de Nature revelou que o cambio climático multiplicou por 10.000 as probabilidades de que acontecese ese episodio. 

Pero este non é un artigo illado, senón un dos moitos que alertas das consecuencias do quecemento global. En maio de 2025, un equipo das universidades de Santiago e Vigo e do CSIC concluíu que as ondas de calor van ser moito máis intensas na península e en Baleares no período 2050-2095. Todo o contrario do que acontecerá coas vagas de frío: tanto a intesidade como a extensión van diminuír na mesma franxa temporal. Sen ir máis lonxe, os rércords de calor xa multiplican por 10 aos de frío en Galicia na última década.

Os estudos non só mostran evidencias sobre o cambio cara a un clima máis caloroso e o aumento da probabilidade de eventos extremos, senón que relacionan as vagas de calor con maior mortalidade. Recupero esta frase dunha investigación galega publicada en 2022: “Unha de cada 100 mortes cardiovasculares pode atribuírse a días con temperaturas extremas”. Un dos autores do artigo, o investigador Dominic Royé da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), tamén participou recentemente nun estudo que confirmou que a calor debida ao cambio climático aumenta o risco de partos prematuros.

Pero se unha pensa dende o enfoque One Health, é consciente de que a saúde humana non pode ser entendida sen a saúde animal e a ambiental. Precisamente esta semana, a miña compañeira Andrea publicaba unha reportaxe sobre un estudo que identificaba máis de 60 especies das Rías Baixas (entre elas as ostras e vieiras) afectadas polo cambio climático. Por non falar da tropicalización do mar, tamén do que baña Galicia: dende 1945 xa se rexistraron 50 especies exóticas nas nosas augas

Por non falar dos incendios. As cicatrices dos lumes de 2025 aínda doen. A miña compañeira Noelia é de Verín, e percorre as paisaxes queimadas a través do seu relato da catástrofe ambiental. Qué mágoa. A explicación, por suposto, é multifactorial, pero o cambio climático sempre está na base. Outro estudo publicado en setembro de 2025 revelaba que as condicións que favorecen os grandes lumes son 40 veces máis probables debido ao quecemento global. Unha evidencia máis, por se todas as anteriores non fosen suficientes.

Non sei que máis necesitamos para decatarnos de que o clima é queda vez máis quente, e de que probablemente esteamos ante o verán máis frío do resto das nosas vidas. Hai apenas uns minutos vin unha de tantas mensaxes en X ameazando un meteorólogo da AEMET en termos arrepiantes. O único que fixo o experto foi facer o seu traballo e lanzar unha mensaxe urxente: esta calor non é normal. A resposta dos que fan ruído é a mesma: intimidar mediante a agresividade e os ataques persoais. Bo mundo nos está quedando.

Nunca me gustou bañarme no mar. Xa non polo respecto que me produce o océano, senón porque as augas galegas sempre están moi frías. Talvez deba seguir o consello de Leo e refrescarme coas ondas, aínda que non sei por canto tempo. A temperatura do mar tamén está a subir. Outro feito innegable.

Na lista da compra teño anotado mercar un ventilador. O meu rompeu o ano pasado de tanto usalo. 


Os temas da semana

⚫  Ciencia galega con nome de muller ♀️ A física da USCYolanda Prezado xa é a nova Premio María Josefa Wonenburger. A Unidade de Muller e Ciencia da Xunta anunciou esta semana a galardoada de 2026, a quen recoñecen polos seus estudos en radioterapia. En concreto, o campo no que salienta Prezado é a protonterapia, onde é considerada unha referencia europea. O obxectivo da súa investigación é impulsar tratamentos radiobiolóxicos fronte ao cancro para que este tipo de terapias sexan menos invasivas. As boas noticias sempre hai que compartilas!

⚫ Atención personalizada 👩🏻‍⚕️ Máis de 27.000 galegos e galegas teñen unha enfermidade inflamatoria intestinal (EII). As máis coñecidas son Crohn e a colite ulcerosa, pero non as únicas. Son doenzas que poden chegar a ser moi limitantes e cada vez hai máis casos, por iso é tan importante desenvolver unha atención adaptada ás circunstancias de cada paciente. Noelia conta nesta reportaxe como funcionan as unidades especializadas de EII en Galicia; un servizo pioneiro cando arrincou hai dúas décadas en Pontevedra, Santiago e Ferrol.

⚫ Salvade as candorcas! 🐋 Un asunto recorrente en verán —polo menos nos últimos anos— son as interaccións entre candorcas e embarcacións. Sen unha explicación clara, ocupan as páxinas dos xornais polo impacto dalgúns encontros. Xusto esta semana saíu un novo estudo que analiza a situación demográfica da subpoboación de candorcas ibéricas e o aviso é urxente: quedan menos de 40 exemplares. Máis alá das interaccións, deberían estar na prensa polo seu crítico estado. 


Recomendación semanal

Máis alá dun baño no mar e de beber moita auga, ler tamén é un imprescindible para sobrevivir á calor. Sen ánimo de resultar repetitiva, Instruccións para unha vaga de calor é un dos libros de Maggie O’Farrell que máis me gustaron por como é capaz de afondar nos conflitos e inseguridades familiares, e por como consegue atrapar a miña atención dende o primeiro minuto. Sen desvelarvos o esencial, un pai de familia desaparece durante unha intensa vaga de calor no Londres de 1976.

O libro encantoume porque son unha fan declarada de O’Farrell. Pero se tivera que escoller unha soa das súas obras, non o dubidaría: Hamnet. Recomendoumo hai uns anos o meu libreiro de confianza e non titubeo ao admitir que é unha obra mestra. Fala de Shakespeare sen falar de Shakespeare. Fala do dó dunha nai, e dunha muller ocultada pola historia. 

E si, a peli tamén é moi recomendable 👌


Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Vinte graos en maio

O clima aumenta a temperatura do mar en Galicia ata acadar valores anómalos no mes de maio. Por Andrea Veiga

A revolución do piropo

A histórica práctica pasa da sedución á complicidade grazas ao humor. Por Andrea Veiga

Memorias dunha pandemia

Como sobrevivir á histeria colectiva ante un gromo de hantavirus. Por Andrea Veiga

Ética científica

O debate está servido tras a retirada do artigo de Barbacid sobre o cancro de páncreas. Por Laura Filloy