Máis de 44 graos e po sahariano: os eventos máis extremos de Galicia en 2022

O último informe da AEMET sinala que as borrascas Armand e Diego foron as que maior impacto tiveron nas provincias galegas

Os termómetros romperon récords en xullo de 2022. Unha onda de calor, a máis intensa e prolongada dende que hai rexistros, azoutou Galicia con forza, sendo a provincia de Ourense a máis afectada por unhas temperaturas que superaron os 44 graos. Esta vaga sen precedentes foi un dos eventos máis extremos que experimentou Galicia en 2022, segundo o Informe sobre o estado do clima de España que elabora anualmente a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET). Á lista de fenómenos meteorolóxicos salientables súmanse as “extraordinarias concentracións” de po sahariano que se produciron entre o 14 e o 16 de marzo de 2022, sendo a zona metropolitana da Coruña unha das máis afectadas de Galicia.

Dende a AEMET explican que España viviu tres ondas de calor durante o pasado verán. A que máis afectou ás provincias galegas abrangueu dende o 9 ata o 26 de xullo, considerándose “excepcional” tanto pola súa duración como pola súa intensidade. De feito, foi a máis extensa rexistrada en España e, segundo a súa duración, a segunda máis longa dende que hai rexistros. Porén, non foi a única. A primeira comezou o 12 de xuño e a terceira produciuse entre finais de xullo e mediados de agosto. Entre todas elas suman 41 días de onda de calor, superando amplamente o récord de 29 que se rexistrara en 2015.

Publicidade

Froito destes episodios de temperaturas tan elevadas, ademais do aumento da temperatura no Mediterráneo, produciuse unha forte vaga de incendios. Galicia foi un dos territorios máis afectados, deixando o lume profundas cicatrices na súa xeografía. Coincidindo coa onda de calor, varios incendios arrasaron O Courel, Valdeorras e O Invernadeiro. Queimáronse 30.000 hectáreas, sendo o de maior superficie afectada o do Courel, con 11.100 hectáreas calcinadas e deixando ferido boa parte do parque natural. A orixe deste desastre incendiario estivo nunha tormenta explosiva que se produciu na noite do xoves 14 de xullo e da que se derivaron máis de 6.000 raios que caeron sobre Galicia en apenas unhas horas.

Po en suspensión

O segundo fenómeno que salienta a AEMET no seu informe de 2022 é o po sahariano en suspensión que tinguiu parte de Galicia de cor laranxa. O episodio produciuse entre o 14 e o 16 de marzo e azoutou con intensidade a boa parte da península. “Entre a borrasca Celia, situada ao suroeste, e as altas presións reinantes no Mediterráneo, xerouse un temporal de ventos intensos sobre o deserto do Sáhara”, explican dende a AEMET, lembrando as orixes dun episodio tan extremo como inusual. Froito dos ventos, pero tamén da inestabilidade atmosférica, unha gran nube de po sahariano ascendeu a niveis superiores da troposfera e percorreu grandes distancias, chegando a tinguir a península de laranxa.

“A intensidade do episodio tivo carácter extraordinario, sen precedentes polo menos no século actual no territorio peninsular español”, subliñan dende a axencia meteorolóxica. Unha das principais preocupacións que se derivaron dese excepcional episodio foi a calidade do aire. En xeral foi favorable en Galicia pero houbo algunhas estacións, como a de Laza, Lalín, Xinzo de Limia, A Coruña-Torre de Hércules e Oural que catalogaron o aire como “regular”. A AEMET, por exemplo, asegurou naquel momento que a calidade do aire na provincia de Ourense era “desfavorable”.

Borrascas de alto impacto

Malia que os fenómenos de maior impacto foron as altas temperaturas e a intrusión de po sahariano, tal e como expón a axencia meteorolóxica no seu informe, houbo outros eventos asociados a borrascas de alto impacto que tamén tiveron repercusión en Galicia. A primeira delas foi Diego, nomeada polo servizo francés o 6 de abril de 2022. Malia que en España apenas tivo consecuencias, dado que o maior impacto se produciu no oeste de Francia en forma de fortes ventos, si que se produciron acumulados de precipitación importantes nalgúns puntos de Galicia.

Así mesmo, a borrasca Armand, que se xerou en outubro de 2022, deixou temporal marítimo e fortes precipitacións. “Na costa galega as predicións indicaban mar combinada de ata sete metros”, sinalan dende a AEMET, e continúan: “Acumuláronse máis de 115mm en puntos de Galicia”. Ademais, durante o declive de Armand, produciuse unha cicloxénese froito da borrasca Béatrice, o segundo gran temporal atlántico da temporada. Finalmente, a axencia meteorolóxica asegura que en 2022, en Galicia, o número de días de tormenta superarou en máis de 10 ao promedio normal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia vivirá unha primavera “máis cálida do normal”

Segundo a AEMET, as temperaturas invernais estiveron 1,8 graos por enriba da media habitual para esta época do ano

Francisco Infante, delegado da Aemet: “En Galicia está cambiando o patrón de precipitacións”

O experto apunta que a comunidade suma meses máis cálidos do normal e que non será unha excepción á subida do nivel do mar

Os ventos do suroeste arrastran unha nova masa de po africano a Galicia

A chegada dunha fronte asociada á borrasca Karlotta limpará o aire e evitará que o episodio se prolongue máis dun día

Os días de neve nas montañas de Lugo e Ourense reduciranse á metade a finais de século

O meteorólogo Benito Fuentes analiza o impacto do quecemento global sobre as estacións de esquí, con Cabeza de Manzaneda como a única de Galicia