Os días de neve nas montañas de Lugo e Ourense reduciranse á metade a finais de século

O meteorólogo Benito Fuentes analiza o impacto do quecemento global sobre as estacións de esquí, con Cabeza de Manzaneda como a única de Galicia

Unha folerpa tras outra van construíndo unha densa capa de neve que cobre as montañas de Lugo e Ourense durante os meses máis duros do inverno. Sempre é unha boa noticia para os amantes do esquí, que poden desfrutar do deporte invernal na única estación que hai en Galicia: Cabeza de Manzaneda. Porén, o futuro deste deporte, e de todos aqueles que se practican sobre os escenarios nevados, está comprometido polo quecemento global. Un estudo do meteorólogo Benito Fuentes advirte que Galicia terá 78 días menos de neve a finais de século. Segundo o seu prognóstico, baseado nos datos proporcionados polo programa europeo Copernicus, o escenario máis probable é que os días de neve nas montañas de Lugo e Ourense se reduzan á metade en 2100.

Na investigación desenvolvida por Fuentes e publicada no blog da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), da que é investigador, prognostícase o futuro das estacións de esquí de España nun contexto de quecemento global. Para iso, o experto toma como referencia o período 1986-2005 e compárao con tres posibles escenarios do que acontecerá entre 2081 e 2100. O primeiro deles é o máis optimista, dado que agarda unha “redución significativa” das emisións de gases de efecto invernadoiro a partir de 2020 e, polo tanto, un impacto menor sobre a temporada de inverno nas estacións de esquí. Neste contexto, Cabeza de Manzaneda tan só perdería 9 días de neve fronte aos 26 da montaña luguesa en relación aos 96 e 72, respectivamente, que teñen no período de referencia.

O escenario que Fuentes considera máis probable, e o que se utiliza como prognóstico máis fiable do que acontecerá a finais de século en Galicia, tamén é lixeiramente optimista, dado que agarda que se produza unha redución das emisións a partir de 2040. Se se cumprisen estas circunstancias, Cabeza de Manzaneda tería 32 días menos de neve fronte aos 46 que perderían as montañas de Lugo. Neste escenario, os dous puntos estudados en Galicia estarían nunha “situación severa” xunto ao resto dos lugares analizados en España. Os únicos que se salvarían deste prognóstico serían os Pirineos e Serra Nevada, debido á súa maior altitude.

O terceiro escenario tamén é o máis pesimista. Segundo Fuentes, “estaría caracterizado por un aumento desmesurado das emisións ao longo do presente século”. As previsións para Galicia non son nada prometedoras e o punto máis afectado sería a montaña luguesa. Dos 72 días de neve no período 1986-2005 pasaría a ter tan só dous. É dicir, a diminución sería tan acusada que practicamente non habería temporada invernal. A situación para Cabeza de Manzaneda é lixeiramente mellor, pero tamén preocupante. Dos 96 días dos que goza no período de referencia pasaría a ter tan só 18 xornadas de neve, o que podería facer inviable a súa estación de esquí.

Acumulación de neve

A única estación de esquí de Galicia verase claramente afectada polo quecemento global; nun escenario moi similar ao que vivirán outros puntos de España. Segundo as gráficas elaboradas por Fuentes en atención a tres escenarios distintos, a acumulación de neve entre novembro e abril en Cabeza de Manzaneda pode diminuír drasticamente. Ata o 2005 estaba nos 130 kg/m2. No escenario máis optimista (RCP2.6), experimentaríase un esperanzador aumento da acumulación de neve ata o 2030, cando comezaría a caer ata remontar en 2050. Porén, as cifras de finais de século serían igualmente preocupantes pese a esta recuperación, dado que a acumulación de neve superaría con moi pouco os 100 kg/m2.

Os outros dous escenarios que baralla o meteorólogo da AEMET son aínda máis dramáticos e ambos desmostran unha tendencia decrecente na acumulación de neve. No máis probable (RCP4.5), Cabeza de Manzaneda experimentaría unha diminución menos drástica pero sostida. A partir do 2060 baixaría dos 100kg/m2 e en 2100 apenas superaría os 80kg/m2. O terceiro e último escenario (RCP8.5), o máis pesimista, estima que en 2100 tan só haberá algo máis de 40kg/m2 de neve, cunha baixada moi acusada na década de 2050.

Temperaturas

No que respecta á evolución da temperatura media en Cabeza de Manzaneda, os gráficos elaborados por Fuentes tamén sinalan tres escenarios moi distintos, pero todos eles están marcados por unha suba das temperaturas. No período de referencia, a temperatura media está preto dos 2 graos. No primeiro escenario (RCP2.6) experimentaríase un aumento dos valores, que rozarían os 3 graos ne década de 2040 e que se manterían estables ata finais de século. No segundo escenario (RCP4.5) a suba da temperatura é máis sostida ata acadar máis de 3,5 graos en 2100. O terceiro contexto que baralla Fuentes (RCP8.5), tamén o máis preocupante, mostra unha subida constante e drástica da temperatura media do inverno en Cabeza de Manzaneda, que se situaría a finais de século nos 5,5 graos.

Horas para a fabricación de neve

O último gráfico que elabora Fuentes sobre Cabeza de Manzaneda fai alusión ás horas potenciais para a fabricación de neve. A tendencia segue a ser a mesma que nos anteriores parámetros: o descenso en todos os seus escenarios. No seguinte gráfico pódese observar un descenso entre 1990 e 2005, período de referencia, onde oas horas potenciais se sitúan arredor das 390. No primeiro escenario (RCP2.6) baixan ata as 300 en 2100, despois dunha evolución moi irregular ao longo de todo o século. No escenario máis probable (RCP4.5) prodúcese un descenso acusado ata o 2040, onde hai unha tendencia á estabilización ata 2060 e logo continúa baixando ata situarse nas 200 horas. Finalmente, o último escenario (RCP8.5) prognostica menos de 100 horas potenciais para a fabricación de neve en 2100 en Cabeza de Manzaneda.

Independentemente do parámetro e do escenario, a tendencia é claramente de descenso. Que sexa máis ou menos acusado dependerá, única e exclusivamente, das medidas que se implementen no que queda de século para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e, por tanto, diminuír o impacto do quecemento global. “As cifras e tendencias reveladas polo programa Copernicus pintan un panorama desafiante para o futuro invernal. Esta chamada de atención ínstanos a repensar e redefinir a sostibilidade das nosas prácticas e a atopar solucións innovadoras para preservar a esencia única das experiencias de esquí”, conclúe Fuentes no blog da AEMET.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Vivir con vertixe persistente: “É horrible. Tiña moitos mareos, vómitos e caín varias veces”

Fina Barcia leva 15 anos sen sufrir a doenza que afecta a 2.000 galegos ao ano e para a que se están a probar novas terapias

A impactante imaxe dun arroaz cunha enorme cicatriz causada por unha hélice

A asociación Bottlenose Dolphin Research Institute vén de publicar unha imaxe dun animal mariño con catro cortes curados nun costado

Preocupación polos varamentos en Galicia: “A toniña podería extinguirse en 20 anos”

O CEMMA alerta do crecemento exponencial nos últimos anos de animais mariños que chegan ás costas galegas mortos ou en mal estado

Un proxecto da UVigo avanza nunha tecnoloxía máis intelixente para protexer a saúde humana

Un equipo atlanTTic desenvolve unha nova xeración de dispositivos máis sensorizados que poidan adaptarse mellor ás persoas para unha relación "máis natural"