Publicidade
Domingo 25 Maio 2025
Publicidade

Francisco Infante, delegado da Aemet: “En Galicia está cambiando o patrón de precipitacións”

O experto apunta que a comunidade suma meses máis cálidos do normal e que non será unha excepción á subida do nivel do mar

Este martes a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) informou que o mes de febreiro foi “moi cálido”, cunha anomalía de temperatura de +2,5 graos, o que o sitúa no terceiro máis quente dende 1961. Aínda que Galicia encadee borrascas atlánticas, non chove como antes. Así o sostén Francisco Infante, delegado da Aemet na comunidade, que asevera que “o patrón de precipitacións está cambiando”. As chuvias concéntranse de maneira intensa en “períodos de tempo máis curtos” e, polo tanto, hai máis días secos. O cambio climático está alterando os distintos ecosistemas e xa se pode apreciar: o inverno aínda non rematou pero as árbores florecen. Neste contexto de alarma ambiental os científicos estudan as consecuencias da acumulación de gases de efecto invernadoiro dende os glaciares da Antártida ata no mexillón máis pequeno porque, aínda que esteamos moi lonxe dos xigantes do xeo, Galicia non se vai quedar á marxe das secuelas do seu derretemento, como a subida irrefutábel do nivel do mar.

En 2023 a península acadou tales récords de temperatura que se consolidou como o ano máis quente xamais rexistrado. En determinados momentos Galicia logrou manterse á marxe de temperaturas abrasadoras que sufrían múltiples zonas de España grazas á influencia atlántica, gañando a etiqueta de “refuxio climático”. Infante é un dos defensores máis optimistas desta denominación sobre o clima galego así como do “estamos a tempo” sobre a deriva climática. Cre tamén que os medios de comunicación poden axudar ao traslado desta tarefa.

Publicidade

—A comunidade científica alertou mediante un estudo que a Circulación de Retorno Meridional do Atlántico (AMOC, polas súas siglas en inglés) se atopa en risco de colapsar. O último estudo publicado ao respecto apunta que lugares como Galicia poderían experimentar unha baixada temperatura de máis de 3 graos. Que cre ao respecto? É aínda moi cedo para establecer predicións ou certamente estamos nun tempo crítico?

—Ese é un estudo rigoroso e cientificamente impecable. O traballo fai unha simulación do que pode suceder coa AMOC e conclúe que probablemente se inicie o colapso da corrente, pero non di que xa sexa efectivo. Cando falamos disto queremos dicir que pode deixar de existir, que sería o máis grave. Pode ser que se debilite, que se divida, todo isto pode variar e trae consecuencias. Ademais non temos suficientes medidas, só 20 anos de datos, e non podemos concluír de maneira rotunda. Se facemos caso a organismos como ao Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC), a Oficina Nacional de Administración Oceánica e Atmosférica (NOAA), ou o servizo de meteoroloxía de Reino Unido (Met Office), estes conclúen que efectivamente a corrente se está debilitando pero é moi improbable que o colapso se produza neste século.

Publicidade

—En febreiro rexistráronse valores de ata 24 graos. Estamos tendo un inverno máis cálido do normal?

—Si. Levamos máis de 20 meses onde observamos que as temperaturas mensuais están máis altas do normal e o inverno non é unha excepción. Tanto decembro como xaneiro foron máis cálidos do normal, e tamén febreiro, aínda que tivese tamén un compoñente invernal.

“Levamos máis de 20 meses onde observamos que as temperaturas están máis altas do normal”

—De feito, algunhas árbores están florecendo antes de tempo.

—A vexetación responde non só aos ciclos dos estacións, senón como se comportan, sobre todo aos cambios na temperatura e na humidade.

— Organización Mundial de Meteoroloxía (OMM) alertou que 2024 pode bater o récord de calor de 2023 por El Niño. Como está afectando a Galicia este fenómeno?

—El Niño é un patrón climático que afecta o clima global. En Galicia non hai unha conexión directa entre El Niño e a situación meteorolóxica, o que se denomina “teleconexión”. Noutros puntos do globo si que existe. En Galicia afecta de maneira indirecta porque o que produce é en xeral un quecemento adicional do sistema climático.

Francisco Infante, delegado da Aemet en Galicia.

—Por que non afecta a Galicia?

—Estamos moi afastados de onde se produce. Ten lugar no Pacífico ecuatorial e tropical e estamos moi lonxe. Hai zonas cunha conexión moi directa como América, onde El Niño produce máis chuvias do normal, noutros lugares provoca secas e na zona intertropical ten conexións co comportamento das precipitacións en África, por exemplo.

—Así como observamos unha anomalía nas temperaturas, ocorre tamén coas precipitacións? En Galicia chove menos?

—Practicamente non hai variación. Hai unha lixeira diminución pero non é significativa. Outra cousa é como se está repartindo esta precipitación, é dicir, a súa distribución. Observouse nos últimos anos e é unha tendencia relacionada co cambio climático: as chuvias adoitan concentrarse en períodos de tempo máis curtos, son máis intensas. Isto provoca que os períodos entre as precipitacións sexan máis extensos, ou sexa, os episodios secos son máis longos.

—Sobre o desxeo da Antártida hai varios estudos en marcha que pretenden cartografar a súa evolución e estimar o aumento do nivel do mar. Como afecta a deglaciación a Galicia?

—A subida do nivel do mar débese a dous factores. Un é á fusión dos glaciares continentais, debido ao quecemento, e os glaciares máis extensos, como os de Groenlandia e a Antártida. Ademais sabemos pola física que cando un elemento se quenta, dilátase, e isto provoca o aumento do nivel do mar. Ten implicacións importantes nas zonas costeiras porque pode dar lugar a que a liña de costa se retire porque o mar avanza sobre ela, como nas praias, e pode haber desaparición de terreo. Aquí en Galicia non é moi pronunciado, porque a costa é bastante abrupta, pero nas illas do Pacífico si que se observa claramente. Un lixeiro aumento do mar traerá consecuencias bastantes catastróficas, notarémolo. Por outra banda, pode provocar que nos temporais marítimos, se o mar está máis elevado, as ondas poden ocasionar máis danos á costa e ás construcións.

—Podémonos adiantar e tomar medidas no litoral?

—Claro. Cando se publican os informes de avaliación do IPCC hai tres grandes partes. Unha é a parte científica que comentamos antes, sobre a temperatura e o nivel no mar. Despois hai outra sobre mitigación, acerca das medidas que hai que tomar para reducir a emisión dos gases de efecto invernadoiro; e por último hai unha parte moi importante que é a adaptabilidade. Isto non depende só das propias condicións climáticas, senón da capacidade que teñan os distintos Estados. É dicir, o seu grao de vulnerabilidade. A adaptibilidade implica que medidas hai que adoptar para previr os efectos de cambio climático como o a subida do nivel do mar.

“Hai unha lixeira diminución das precipitacións en Galicia”

Francisco Infante, delegado da Aemet en Galicia

—Entón, o Goberno de España ou o de Galicia xa están actuando contra a subida do nivel do mar?

—No Ministerio de Transición Ecolóxica hai todo un apartado de adaptación onde se recollen obras ou orzamentos para intentar reducir efectos do cambio climático como pode ser esta cuestión.

—A Xunta ten falado de Galicia como un refuxio climático. É realmente así?

—Poderíase considerar, polo menos en verán. Nos últimos anos houbo ondas de calor no sur de Europa pero hai zonas do noso territorio que quedaron á marxe desa situación, como a zona cantábrica, que experimenta unha menor subida das temperaturas polo efecto da proximidade do océano. Sobre todo en verán, en inverno non tanto, porque as temperaturas non son de calor en ningunha zona da península, a pesar de que este último foi moi cálido. En verán en Galicia, como ocorre nas zonas de montaña do interior da península, as temperaturas non chegan a ser tan altas como nos lugares máis chans.

—Como valora a comunicación na prensa dos eventos climáticos extremos como no caso do colapso da AMOC?

—Hai de todo. Desde o meu punto de vista hai que falar das implicacións que supón, está ben comentalo, pero tamén asusta un pouco á xente. Precisamente porque lanzamos unha mensaxe catastrofista hai que ter moito coidado. Se trasladamos mensaxes pesimistas constantemente a xente pode acostumarse e pensar: “Se vén, que veña igual”. Hai que contar o que pasa e pode pasar, pero tamén que podemos facer para evitalo, porque se pode evitar. Estamos a tempo de tomar medidas, non reverter a situación pero polo menos freala.

—Como?

—A cuestión fundamental é a redución da emisión gases de efecto invernadoiro. Diminuír o consumo de combustibles fósiles e despois, ter en conta os usos que facemos a nivel individual. Hai que falar das grandes cifras pero tamén das cousas que podemos facer día a día cada un. Todo contribúe.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Días de treboada, plans de mañá: por que son máis habituais polas tardes?

Galicia entra nunha fin de semana de alerta por tormentas logo dun xoves no que xa caeron máis de 300 raios

Alerta por fortes treboadas nos vindeiros días: estas son as zonas de Galicia afectadas

O vento impactará con maior forza nalgúns puntos do litoral aínda que as precipitacións caerán nas franxas do sur e do interior

Maio marcea: un anticiclón instalado no norte de Europa anticipa un mes frío e de treboadas

Haberá que agardar para que suban as temperaturas en maio, que chegou despois dun abril caloroso e moi húmido

Un bloqueo en omega traerá de volta o frío despois dunha fin de semana de alerta por tormentas

Treboadas manteñen en alerta a boa parte da xeografía galega, que se prepara para unha baixada de temperaturas a partir do luns