Un raio de sol rompe o inverno e invítate a pasear polos arredores da ponte de Brandomil, situada no concello coruñés de Zas. Camiñas sobre o leito do río Xallas mentres os teus pés pisan unha plataforma de base romana e de construción medieval. A ponte de Brandomil é unha de tantas pontes espalladas por Galicia que lembran o incuestionable legado arquitectónico da nosa historia. Cando se fala especificamente de Idade Media, concretamente da herdanza do Reino de Galicia, a historiadora da arte María Rivo ten claro cales son as obras máis representativas do noso pasado medieval. A lista encabézaa, sen lugar a dúbidas, a catedral de Santiago, seguida moi de preto pola capela de San Miguel de Celanova e pola igrexa de Santa Comba de Bande.
Máis alá dos edificios icónicos, a arquitectura tamén é cuestión de estilos. “O románico e o barroco son os máis prolíficos e os que acadaron maiores cotas de calidade na arte galega. Ademais, a súa expansión correspóndese con períodos de esplendor do Reino de Galicia e da catedral compostelá, centro trascendental para a arte galega e universal”, sentencia a tamén técnica de investigación no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS).
Esta consideración trascende a arquitectura e esténdese a todas as ramas artísticas. Segundo Rivo, a pegada destes dous estilos na historia de Galicia serviu para que os intelectuais galeguistas da primeira metade do século XX “apuntalasen unha reafirmación identitaria e cultural” que deixou marca na arquitectura rexionalista. A historiadora da arte pon como exemplo a Manuel Murguía, quen dicía que o románico é la edad de oro de nuesto arte. Ou mesmo a Otero Pedrayo, quen subliñaría que el barroco es […] la válvula del genio gallego. Sen esquecer o inmortal Castelao: “Para el, románico e barroco son, de feito, auténticos estilos nacionais galegos”.
A catedral do románico
A identidade galega, non só arquitectónica senón cultural, ten un centro incuestionable de poder: a catedral de Santiago de Compostela. A súa longa construción, dividida en distintas campañas, converteuse nun símbolo do Reino de Galicia; unha icona aínda hoxe mundialmente coñecida. Segundo explica Rivo, a catedral románica levantouse entre os anos 1075 e 1122 “para substituír dúas pequenas basílicas prerrománicas levantadas polos reis Afonso II e Afonso III trala inventio dos restos do Apóstolo”.
No transcurso deste longo proceso construtivo houbo que facer fronte a un problema considerable: o forte desnivel da zona occidental. Aí entra en acción o Mestre Mateo, quen probablemente desenvolvía un rol de arquitecto-escultor. “Solucionouno coa construción do Pórtico da Gloria (1168-1211) elevado sobre unha cripta. É unha obra mestra na que xa se ve a transición do románico ao gótico, e a cuxa interpretación iconográfica fixo importantes contribucións o historiador da arte Serafín Moralejo”, subliña Rivo.
En canto ao barroco, o outro gran estilo no que sobresae a arquitectura galega, un dos grandes fitos foi a construción da torre do Reloxo (1676-1680) da man de Domingo de Andrade. “O historiador da arte José Manuel García Iglesias cre que puido inspirarse nun gravado da Giralda de Sevilla engalanada e con posterioridade esta obra tivo unha grande influencia na arte galega”, sinala Rivo. De feito, o propio Domingo de Andrade tamén foi o ideólogo da “escaleira de tripla espiral do mosteiro de Bonaval, única no mundo co seu sistema estrutural”.
Outro dos grandes fitos deste estilo arquitectónico, con pegada directa sobre a catedral, é a fachada barroca do Obradoiro, que data entre os anos 1739 e 1750. “É unha obra mestra de Fernando de Casas Novoa, que se converteu nunha icona e auténtica postal turística e sentimental da cidade“, asevera Rivo. Segundo continúa explicando a investigadora do IEGPS, as obras que sufriu a catedral ao longo da Idade Moderna foron ocultando progresivamente a súa imaxe medieval. Como di a historiadora da arte: “Acadou unha enorme actualización conforme aos estilos de moda”.
Unha igrexa do século VIII
Máis alá do reinado indiscutible da catedral de Santiago na arquitectura galega, especificamente na medieval, Rivo menciona Santa Comba de Bande como unha gran icona da nosa arte. De feito, asegura que é unha das igrexas máis antigas que se conservan en Galicia dado que probablemente data do século VIII, a época dos visigodos. A técnica do IEGPS describe o templo como “un edificio moi compartimentado” e con espazos a distintas alturas que “deberon ser pensados para a solemne liturxia hispano-mozárabe, cuxa celebración nalgúns momentos os fieis só escoitaban, pois non tiña acceso a determinadas zonas do templo”. Este tipo de liturxia foi practicada en toda a península entre os séculos V e XI. De feito, substituíuse pola liturxia romana pese á resistencia do clero e da poboación autóctonos.
Santa Comba de Bande, que segundo Rivo ten “certo aire bizantino”, tamén marcaba moito a individualidade de cada ambiente, por exemplo con arcos de ferradura, pinturas, relevos ou lámpadas. Segundo continúa explicando , o influxo bizantino era bastante habitual na arquitectura dos visigodos mais en Galicia non se conservan moitos edificios desa época. “Santa Comba de Bande, único en chegarnos case íntegro en Galicia, resulta especialmente interesante”, valora Rivo.
Aínda que a igrexa sufriu modificacións ao longos dos últimos trece séculos, investigadores como Caballero Zoreda, Arce Sáinz e Utrero Agudo aseguran que a meirande parte do edificio aínda pertence á construción primixenia. “É unha das arquitecturas máis completas que temos en Galicia desta época, e quizais foi parte dun mosteiro desaparecido”, aclara a investigadora do IEGPS. Malia que a historiadora da arte asegura que se conserva pouca arquitectura da Alta Idade Media galega, e que Santa Comba de Bande é unha obra fundamental para o seu estudo, tamén hai outros exemplos que convén subliñar. Rivo pon en valor os vestixios dalgunhas igrexas, como o relevo de Santiago de Saamasas, en Lugo, e a xanela e o relevo de San Xes de Francelos, en Ribadavia.
A transición dun mosteiro
A outra gran obra arquitectónica do Reino de Galicia é o mosteiro de San Salvador de Celanova, fundado no século X polo nobre e relixioso galego San Rosendo, quen tamén foi bispo de Mondoñedo e administrador diocesano de Compostela. “O edificio coa súa igrexa foi renovado en Época Moderna, de xeito que a súa arquitectura é un bo exemplo do barroco galego dos séculos XVII e XVIII, con elementos tan característicos do estilo nas súas diversas fases como grilandas vexetais con froitos, volutas e placas cilíndricas”, describe a investigadora do IEGPS. Rivo engade que o mosteiro tamén consta dalgúns elementos renacentistas, pero que co paso dos séculos non sufriu modificacións esenciais no que respecta ao estilo. Si que houbo que facer cambios funcionais, dado que a día de hoxe acolle o concello, o xulgado, o instituto e outras dotacións públicas de Celanova.
Cando unha fala do mosteiro de San Salvador non pode deixar de mencionar a capela de San Miguel. “É unha xoia prerrománica excepcional na arte galega; un oratorio levantado por unha das figuras máis sobranceiras do reino de Galicia durante o século X: o bispo San Rosendo”, indica Rivo. De feito, a historiadora da arte recoñece que é o único edificio que se conserva do mosteiro orixinal e que chegou aos nosos días “practicamente intacto”. “En Galicia non temos ningún edificio semellante ou comparable”, sostén. Amais das súas reducidas dimensións, no que respecta ao estilo, sinala certos elementos que “lembran á tradición musulmana”. “Probablemente o seu fundador pertencía ás elites cultas atraídas polo prestixioso gusto andalusí”, conclúe. Unha pegada indeleble, a da capela de San Miguel, das culturas e tempos que nos precederon.
Esquecìstedes San Martiño de Foz( denominada de Mondoñedo).