Inés de Quiroga, a abadesa que se opuxo a unha vida de clausura e illamento

Os Reis Católicos impulsaron a comezos do século XVI unha reforma que pretendía implantar unha maior rigorosidade no seguimento das normas monásticas

Inés de Quiroga foi a última abadesa do mosteiro de San Salvador de Sobrado de Trives. Enfrontou con actitude férrea unha reforma monástica, impulsada polos Reis Católicos, que pretendía implantar unha maior rigorosidade no seguimento das normas monásticas. No caso galego supuxo expulsar as monxas bieitas das institucións relixiosas espalladas por diferentes espazos rurais do reino de Galicia para, finalmente, reunilas a todas na cidade de Santiago de Compostela. O obxectivo era exercer un maior control sobre as relixiosas e obrigalas a unha vida de clausura, illamento e peche ao exterior. Unha vida, por outra banda, moi distinta da que levaban nos mosteiros rurais de orixe, máis abertos e flexibles do que obrigan a pensar os estereotipos. Naqueles primeiros anos do século XVI, Inés de Quiroga defendeu con garras e dentes os seus dereitos e resistiuse ata os seus últimos días a unha vida de encerro.

“A densidade de relacións que tecen as abadesas e as monxas na Galicia medieval é inmensa e plural. Teñen vínculos con outros mosteiros, coa monarquía, co papado… e, por suposto, con toda a xerarquía social das contornas monásticas. De feito, actuaron como auténticas empresarias na xestión activa das súas institucións”, define Miguel García-Fernández, investigador do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) e da Universidade de Santiago (USC). Tres frases contundentes que conseguen derrubar os prexuízos que habitualmente se asocian coa vida relixiosa na Idade Media. Inés de Quiroga é unha boa mostra da permeabilidade dos muros monásticos, das intensas relacións económicas, políticas, sociais e incluso afectivo-sexuais que mantiñan as relixiosas coa súa contorna.

Publicidade

Dos preitos é sororidade

A historia da última abadesa do mosteiro bieito feminino de Sobrado de Trives é, cando menos, unha historia de resistencia. Opúxose, xunto á súa antecesora Inés de Lousada, á reforma que impoñía maior rigor na disciplina monástica. A medida implicaba mudarse a Santiago e abandonar o rural, o que se traducía nun maior control sobre a vida das relixiosas. As dúas Inés opuxéronse aos reformadores de diversas maneiras: dende a vía xudicial ata o encerro. E a última abadesa conseguiuno: acabou os seus días no mosteiro de San Salvador de Sobrado de Trives, probablemente acompañada doutra relixiosa. Iso si, sen exercer xa o seu cargo de abadesa, dado que o mosteiro de Antealtares, en Santiago, tomou o relevo que esixía a reforma.

“Tiñan outro estilo de vida. Estamos moi condicionados polo modelo de relixiosa actual”, sostén García-Fernández. As monxas medievais estaban plenamente integradas na sociedade na que vivían. As abadesas tiñan propiedades, establecían relacións económicas, xestionaban as súas terras e foros e mantiñan un elevado nivel de sociabilidade coa xente da súa contorna. “Eran figuras moi importantes nas comunidades rurais de Galicia”, engade o investigador do IEGPS. Tal é a intensa relación das relixiosas co pobo, que as crónicas recollen unha forte oposición popular ás novas e restritivas medidas: “A xente de Sobrado de Trives lanzou pedras e pegoulle paus aos reformadores. Intentáronos expulsar”.

Publicidade

Lonxe queda a imaxe dunha Inés de Quiroga recluída no seu mosteiro e dedicada á concienciuda lectura de textos relixiosos. As abadesas e monxas eran axentes activas das comunidades rurais. Tiñan unha vida aberta e flexible que intentaron defender de todas as maneiras posibles. Unha das primeiras medidas de presión foi o encerro no propio mosteiro, os “encastelamentos”, para evitar que as levasen a Compostela. Como isto non foi posible en todos os casos, algunhas lograron fuxir de Santiago axudadas pola condesa de Caminha, Teresa de Távora. Un exercicio inconmensurable de sororidade e resistencia. Pero máis alá dos encerros e as alianzas coa nobreza, tamén acudiron á vía xudicial.

Retrato de Fernando de Aragón e Isabel de Castela, os Reis Católicos.

“Inés de Quiroga vivía en Sobrado de Trives, unha zona montañosa que para moitos aínda podería parecer illada do mundo hoxe en día. E aínda así recorre a Roma e preitea contra os reformadores antes o pontificado en defensa dos seus dereitos”, narra García-Fernández. Un camiño máis, de todos os que se probaran ata o momento, para continuar loitando contra unha reforma que elas consideraban inxusta. “Hai unha sucesión de sentenzas en contra de Inés de Quiroga, o que demostra a capacidade xurídica das mulleres na Idade Media e a resistencia das abadesas, que non se someteron”, continúa. De feito, non será ata 1528 cando haxa un final para un conflito que se arrastraba dende había case 30 anos.

A última abadesa de Sobrado de Trives logra chegar a un acordo e conseguir un triunfo persoal, pero non colectivo. Ela poderá vivir no mosteiro ata a súa morte e desfrutará das súas rendas. Mais, cando ela faleza, todo o herdará a orde. Unha demostración de poder e resistencia contra unha reforma impulsada polos mesmos Reis Católicos. E unha forma de acceder a todas as vías posibles para a defensa acérrima dos seus dereitos. Non obstante, as lagoas arredor da vida de Inés de Quiroga son moitas. Non se sabe cando ingresou no mosteiro, se o fixo cando era cativa ou xa de adulta, como era o seu día a día… A nós só chegan os documentos sobre os preitos, o patrimonio e a súa posición férrea e oposta á reforma monástica.

Fillos ilexítimos

Con todo, hai un aspecto salientable e persoal da vida de Inés de Quiroga. Nun documento da época faise alusión ao fillo da abadesa de Sobrado de Trives. Unha afirmación ante a que se abren dúas posibilidades: que ingresara tardiamente no mosteiro e xa fose nai; ou ben que mantivese relacións afectivo-sexuais sendo xa abadesa. Fronte ao que cabe pensar, esta última situación, segundo explica García-Fernández, non era tan excepcional. E, dende logo, Inés de Quiroga non foi un caso único. “A sociedade medieval é moi práctica e capaz de aceptar situacións que hoxe, ou cando menos até hai ben pouco, xulgariamos en maior medida”, sentenza. A teoría, por tanto, opoñíase á práctica. Fronte á prohibición recollida nas normas, estaba a aceptación social.

Outro aspecto clave é a escasa formación relixiosa de moitas mulleres que entraban no mosteiro. E isto non só sucedía coas mulleres da Igrexa medieval, senón tamén cos homes. “Non había seminarios e, de feito, moitos clérigos eran nomeados polos nobres simplemente para ter unha rendas. O coñecemento da moral relixiosa era moi relativo. Moitas monxas eran iletradas e entraban no mosteiro porque era unha opción máis de vida”, subliña o experto. Naquel momento a relixión non era considerada só unha vocación nin implicaba illarse do mundo. E iso incluía, por tanto, o establecemento natural de relacións afectivo-sexuais. García-Fernández menciona o caso dunha abadesa acusada de celebrar a voda dunha filla á que lle outorgara parte do patrimonio do mosteiro. E, en certo modo, os fillos ilexítimos tamén se empregaban para establecer e reforzar vínculos coa súa contorna, e así garantir o legado do seu patrimonio.

Beatriz Cabeza de Vaca

Sobre o fillo de Inés de Quiroga pouco se sabe máis alá da súa existencia. Pero hai casos máis documentados, como o de Beatriz Cabeza de Vaca, abadesa do mosteiro de Albeos, que tamén resistiu con actitude imperturbable á reforma. “Cando se inicia o expediente contra ela, sae á luz a súa historia amorosa con dous clérigos do seu mosteiro: Pero Vázquez e Vasco das Seixas. Mantivo unha relación afectiva con ambos e chegaron a pelexar entre eles, posiblemente por unha cuestión de celos”, engade García-Fernádez. O caso de Beatriz Cabeza de Vaca está ben documentado, dado que chegou a ter varios fillos dentro do mosteiro, mais o investigador advirte que, nesa campaña por desprestixiar a abadesas e relixiosas, pode que os reformistas tamén inventasen relacións ilexítimas para poñelas en evidencia. “En todo caso, é visible a diferenza coa que se xulgaba e actuaba ante as relacións afectivas das relixiosas galegas fronte á dos relixiosos varóns”, advirte tamén o historiador.

As mulleres, sempre no punto de mira

Neste sentido, o debate sobre a sexualidade, di o investigador do IEGPS, é fundamentalmente feminino, dado que as medidas para limitar as relacións co exterior sempre foron máis permisivas con eles. “Os procesos de institucionalización e homoxeneización constrúenos case sempre os homes e, polo tanto, van ser procesos máis restritivos para as mulleres. Pero é importante entender que a imposición da clausura non foi tanto durante a Idade Media, senón de épocas posteriores como o Renacemento”, aclara García-Fernández, quen incide, por tanto, nesa pregunta clásica de ata que punto viviron as mulleres un Renacemento no século XVI.

A vida de Inés de Quiroga —ou, máis ben, a pouca información que temos dela— pódese resumir nunha soa palabra: resistencia. Igual que Beatriz Cabeza de Vaca ou a súa antecesora, Inés de Lousada, mantivo a firmeza durante anos, incluso décadas, para reclamar os seus dereitos; para non renunciar a unha vida de apertura e flexibilidade dende Sobrado de Trives. Dende un mosteiro que mantiña relacións constantes coa súa contorna e no que estaban lonxe a clausura e o peche propios de épocas posteriores. Unha historia, a de Inés de Quiroga, tan descoñecida como rechamante. E unha historia que derruba, unha vez máis, os estereotipos: era unha muller con poder na Galicia medieval, con plena capacidade xurídica e cunha relación intensa coa súa comunidade.


Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un ensaio na Serra do Candán propón cambiar a disposición das colmeas para frear o ácaro que arrasa as abellas

A estratexia baséase en xirar as estruturas 90 graos para crear un ambiente máis húmido que axude a cortar a reprodución do parasito

O científico galego César de la Fuente lidera a creación dunha IA para deseñar antibióticos máis eficaces

A ferramenta ApexGO permite optimizar moléculas e acelerar a obtención de tratamentos fronte a patóxenos resistentes

Os mapas dos temporais máis extremos de Galicia: Copernicus reconstrúe 80 anos de datos atmosféricos

A ferramenta europea Weather Replay permite analizar episodios históricos mediante simulacións meteorolóxicas interactivas

A Xunta publica o novo mapa das zonas de baño de Galicia: estas son as 42 praias non aptas

A Coruña é a provincia con máis áreas nas que está prohibido mergullarse, como no areal urbano da Virxe do Camiño, no concello de Muros