O inicio do curso escolar adoita traer un aumento de casos de gripe nas casas, consecuencia das grandes xuntanzas de nenos e nenas nas aulas e recreos. Para facer fronte a esta situación, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este luns que o vindeiro 13 de outubro arrancará un programa piloto de vacinación fronte á gripe por vía intranasal en centros educativos. A medida chegará a 55 colexios galegos e ten como obxectivo inmunizar arredor de 19.000 nenos e nenas de entre 3 e 11 anos. A iniciativa, impulsada polas consellerías de Sanidade e Educación, Ciencia, Universidade e FP, busca consolidar a posición de Galicia como referente en prevención sanitaria, contando co que Rueda calificou como “o calendario de vacinación máis completo do mundo”.
A vacina administrarase de maneira voluntaria ao alumnado de 4º, 5º e 6º de educación infantil e a todos os cursos de educación primaria dos centros seleccionados. O obxectivo é acadar unha cobertura mínima do 70% entre os nados entre 2014 e 2022. En función dos resultados, a Xunta valorará a posibilidade de ampliar a experiencia a máis centros escolares en futuras campañas.
A aplicación por vía intranasal, que evita o pinchazo, facilita a loxística da actuación. Para iso, equipos de enfermaría das sete áreas sanitarias desprazaranse aos colexios para administrar a dose. A finalidade é diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas da gripe na poboación infantil, protexendo tamén ás familias e ao conxunto da cidadanía mediante a prevención e a ruptura da cadea de transmisión.
55 centros escolares seleccionados
As consellerías xa están a preparar as accións informativas. Este mércores celebrarase unha reunión por videoconferencia cos responsables dos centros seleccionados para explicar o protocolo. Ademais, organizaranse reunións coas familias e co equipo de enfermaría para resolver dúbidas, entregar material informativo e recoller o consentimento necesario para a vacinación, que irá acompañado dunha revisión previa da historia clínica dos menores.
O programa piloto realizarase nun total de 55 centros educativos galegos, seleccionados para acadar unha representatividade dos estratos urbanos, semiurbanos e rurais das catro provincias, distribuídos segundo as sete áreas sanitarias.
Na área da Coruña e Cee participarán nove colexios, entre eles o CEIP Eusebio da Guarda, o María Barbeito e Cerviño ou o Ramón Otero Pedrayo. Na área sanitaria de Ferrol inclúense dous centros: o CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira e o CPR Sagrado Corazón.
En Lugo, Monforte de Lemos e A Mariña tamén serán nove centros, como o CEIP Vista Alegre de Burela, o CPI Virxe do Monte de Cospeito ou o CPI Lagostelle de Guitiriz. Pola súa banda, a área de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras achega dez colegios, entre eles o CPI Antonio Faílde (Coles), o CPR Miraflores (O Pereiro de Aguiar) ou o CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia).
Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés participarán seis centros, como o CEIP San Tomé (Cambados) ou o CEIP A Xunqueira II (Pontevedra). Vigo contará con oito colexios, entre eles o CEIP García Barbón, o Pintor Laxeiro e o Santiago Apóstol.
Por último, a área sanitaria de Santiago e Barbanza achega once centros, como o CEIP Xesús Golmar (Lalín), o CEIP das Fontiñas ou o CPR La Salle, en Santiago de Compostela.
Novidades da campaña de vacinación
O programa piloto para a vacinación fronte á gripe por vía intranasal nos centros escolares é unha das novidades da campaña de vacinación deste ano, que arrincará o 29 de setembro. A iniciativa amplía a protección tanto en nenos como en persoas maiores e realizarase sen necesidade de habilitar grandes recintos, como ocorría noutras ocasións.
No ámbito infantil, a vacinación esténdese ata os 11 anos e aplicarase por vía intranasal, o que evita o pinchazo e facilita a aceptación entre os máis pequenos. No caso das persoas maiores, amplíase a administración da vacina antigripal de alta carga para as persoas de 70 a 79 anos, cando ata agora se estaba reservada só para os maiores de 80.
Cómpre destacar tamén que a adquisición desta vacina realizarase mediante unha fórmula pioneira: o acordo de risco compartido, que vincula a compra aos resultados obtidos.
Inmunizar tamén aos bebés
A protección non se centra unicamente nos escolares galegos. Co obxectivo de reducir os ingresos hospitalarios de lactantes, a Xunta, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, comezou este luns unha nova campaña de inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS).
Galicia foi pioneira en introducir esta medida no ano 2023, logrando reducir en máis dun 90% as hospitalizacións por esta infección nos nenos e nenas inmunizadas. Este 22 de setembro xa recibiron a dose os primeiros bebés nados en hospitais públicos e privados, e a campaña continuará ata marzo de 2026, alcanzando a todos os recentemente nados durante este período.
Ademais, este luns tamén comezou a citación de bebés prematuros menores de 12 meses e de lactantes con alto risco de enfermidade grave por este virus de ata 24 meses. A partir do luns 29 de setembro, a Consellería de Sanidade convocará tamén de forma activa os menores de seis meses nados fóra da campaña, é dicir, entre o 1 de abril e o 21 de setembro de 2025.
Na pasada temporada, a inmunización fronte ao virus causante da bronquiolite administrouse a 12.719 nenas e nenos. Isto representa o 100% de bebés con factores de risco, o 91,74% dos recaptados en 2024 e o 98,27% dos recentemente nados durante a última campaña.














