Venres 19 Abril 2024

Galicia será pioneira na vacinación de bebés contra o virus sincitial

Comezará a dispensarse no outono deste mesmo ano, antes da época con maior impacto do patóxeno

“Un fito histórico”. Así valora o xefe do Servizo de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago, Federico Martinón-Torres, a nova medida sanitaria que anunciou a Xunta este mércores. En palabras do seu presidente, Alfonso Rueda, Galicia será a primeira sanidade do mundo que vacine os bebés contra o virus respiratorio sincitial (VRS), causante de bronquiolites e neumonías. De feito, neste patóxeno está na orixe de 1.000 hospitalizacións e máis de 10.000 consultas pediátricas cada ano en Galicia. Segundo un artigo publicado na revista New England Journal of Medicine, a vacina contra o VRS evita o 80% das asistencias médicas e das hospitalizacións causadas por este virus.

“Ademais de ser un fito histórico porque poderemos por fin combater este temible virus, suporá unha redución drástica do dano que o VRS causa cada ano nos lactantes e nas súas familias”, asegura Martinón-Torres nun fío publicado na súa conta de Twitter. O pediatra explica que en condicións normais, o virus hospitaliza a 1 de cada 50 bebés. Deles, entre un 5% e un 6% acaba en coidados intensivos. “Ademais, unha vez pasada a infección, moitos destes nenos quedan co pulmón tocado“, engade o experto. Segundo continúa explicando, isto provocará que durante meses e incluso anos, ante calquera nova infección, o pulmón se peche e produza dificultade á hora de respirar.

Publicidade

Ten unha efectividade do 80%, tanto para previr infeccións como hospitalizacións

Recentemente, a Axencia Europea do Medicamento (EMA) aprobou unha vacina pasiva baseada en anticorpos monoclonais. “É dicir, unha vacina que contén as defensas per-formadas que o neno necesita e que bloquean o virus, a diferenza das vacinas convencionais”, recolle o pediatra en Twitter. Cunha efectividade do 80%, tanto para previr infeccións, como hospitalizacións, a vacina é clave para tratar de conter o VRS. Sobre todo proque este ano, como estivo desaparecido durante a pandemia, “o número de casos habituais duplicouse”. Unhas palabras que subscribiu Rueda na rolda de prensa onde anunciou a nova medida sanitaria.

O presidente da Xunta asegurou que o calendario de vacinación contemplará esta nova inxección baseándose nas recomendacións dos técnicos da Consellería de Sanidade e do comité asesor de vacinas do Sergas. Tamén co aval da Asociación Española de Pediatría, comezouse a traballar na adquisición desta vacina desde o primeiro momento no que foi aprobada pola Axencia Europea do Medicamento. A adquisición desta nova vacina será licitada nas vindeiras semanas pola Dirección Xeral de Saúde Pública. Comezará a dispensarse no outono deste mesmo ano, antes da época con maior impacto do virus respiratorio sincitial, que se produce entre outubro e marzo.

Ampliación fronte ao rotavirus

Así mesmo, o Consello deu luz verde á ampliación da vacina fronte o rotavirus, que ata agora só se administraba gratuitamente a bebés prematuros, a toda a poboación infantil. Este virus provoca unha gastroenterite que afecta especialmente aos máis pequenos: o 85% dos hospitalizados por esta doenza teñen menos de 2 anos.

A incorporación destes dous preparados ao calendario vacinal infantil suporá un investimento anual de 5,1 millóns de euros, de xeito que a suma total que destina a Xunta a vacinas ascenderá a 34 millóns de euros anuais.n Cómpre lembrar que en 2022 comezou a administrarse de xeito pioneiro en España, a vacina fronte ao meningococo B aos bebés a partir de dous meses de idade, ampliouse a protección fronte ao virus do papiloma humano a todos os nenos varóns de 12 anos e ofreceuse a antigripal tetravalente a todos os menores de 5 anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas

O Goberno reúne datos de Xunta e concellos para exixir indemnización polos 'pellets'

O executivo central solicitará unha compensación polos servizos de Salvamento Marítimo durante o episodio de contaminación mariña

Comesaña: "O Centro de Protonterapia tratará pacientes de cancro en 2025"

O conselleiro de Sanidade fala da situación da sanidade galega e dos novos proxectos de terapias oncolóxicas