Un programa pioneiro permitirá coñecer as avelaíñas do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia

A primeira mostraxe da Xunta en Cortegada rexistrou 127 exemplares de máis de 40 taxóns nunha soa noite

A Xunta vén de comezar por primeira vez un programa de seguimento de bolboretas nocturnas —tamén coñecidas como avelaíñas— na illa de Cortegada, dentro do Parque Nacional marítimo terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Na primeira mostraxe, levada a cabo a inicios deste verán, rexistráronse preto de 130 exemplares de máis de 40 taxóns distintos nunha soa noite. Hai dous obxectivos claros: coñecer a comunidade que habita a illa e construír unha serie temporal de datos para avaliar o estado das súas poboacións.

O traballo faise con dúas trampas de funil con luz led e batería autónoma, que teñen que estar separadas entre si máis de 50 metros e menos de un quilómetro, e estar situadas a máis de 10 metros de obstáculos, de fontes de luz artificial e da auga. Así, instalouse unha na zona sur da illa, nun piñeiral aberto, e outra na zona centro, nun bosque mixto de loureiro, carballo e piñeiro, para cubrir na mostraxe os hábitats máis representativos do espazo natural. 

Publicidade

Nun primeiro rexistro contabilizáronse un total de 127 exemplares de avelaíñas. Por zonas, na trampa sur rexistráronse 57 exemplares de 30 taxóns, e na centro, 70 de 26. Destes taxóns, 11 apareceron simultaneamente nas dúas trampas, un solapamento baixo que reflicte a diferenza de hábitat entre as distintas localizacións. 

Como contar bolboretas?

As trampas colócanse ao solpor e ábrense ao amencer, cando a subida da temperatura activa as bolboretas. Para levar a cabo as mostraxes, que se realizarán nunha frecuencia de entre 15 e 30 días de marzo a novembro, son necesarias unhas condicións exixentes: a temperatura mínima ten que ser de 12 graos, ten que haber pouco ou ningún vento e non chover durante toda a noite. Ademais, en cada visita rexístranse a temperatura, a velocidade do vento, a porcentaxe de nubosidade e fase lunar. 

Publicidade

Cómpre lembrar que a illa de Cortegada leva unha década contando bolboretas co programa Butterfly Monitoring Scheme (BMS), que se iniciou en xullo de 2015 e que leva contabilizado preto de 2.665 exemplares e 31 especies diferentes. Con isto, a lista de bolboretas diúrnas coñecidas da illa elevouse a 35

  • 'Lymantria monacha'. Foto: Wikimedia Commons
  • ‘Aplocera plagiata’. Foto: Xunta de Galicia

Neste senso, das avelaíñas só se tiñan algúns rexistros anotados de paso, a pesar de que son un dos grandes gremios de polinizadores nocturnos e superan amplamente as bolboretas diúrnas. Así, non se sacrificará a ningún exemplar rexistrado neste novo programa, e todos os rexistro se incorporarán á eBMS, a base de datos europea de lepidópteros. 

Grupo de interese para a conservación

Os lepidópteros son un grupo de interese para a conservación da natureza e do que existen un gran número de especies, adaptadas a diversos hábitats e condicións ambientais. Moitas delas atravesan na actualidade un momento difícil en canto á súa conservación, polo que accións de rexistro coma esta resultan idóneas. 

Ademais, as bolboretas e avelaíñas son moi bos indicadores medioambientais, pola súa capacidade para informar do estado de conservación dos ecosistemas, debido á súa gran diversidade e dependencia dunhas determinadas condicións ecolóxicas. O mesmo acontece co seu ciclo vital, que, composto por fases de ovo, eiruga, crisálida e bolboreta adulta, é moi dependente da meteoroloxía e da presenza e abundancia das plantas das que se alimentan. Polo tanto, as variacións que se producen na abundancia destas especies reflicten á súa vez cambios e alteracións medioambientais. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ten sentido fixarnos no pasado para conservar o lobo?

A súa distribución presente e futura verase condicionada pola densidade das presas silvestres máis que pola do gando. Por Alejandro Martínez Abraín (UDC) e Daniel Oro

O caso da sentenza das Conchas: por que a Xunta volve abrir o decreto sobre nitratos da Limia?

A reapertura da consulta pública coincide co primeiro fallo do TSXG sobre o encoro e impulsa o debate para frear a contaminación da comarca

A Xunta activa por primeira vez a emerxencia cinexética en toda Galicia ante os danos do xabaril

A medida estará vixente ata o 31 de xullo de 2027 e permitirá intensificar as capturas para reducir os danos na agricultura, os accidentes de tráfico e os riscos sanitarios

A ciencia redefine o coello de monte: Galicia alberga unha especie diferente e máis ameazada

O estudo conclúe que existe unha separación evolutiva con realidades ecolóxicas e necesidades de conservación distintas entre os exemplares ibéricos e europeos