Publicidade

Cambio climático e incendios: as principais ameazas das bolboretas en Galicia

As especies comúns están a salvo a curto prazo, mais os factores antrópicos supoñen un perigo para a preservación destes artrópodos

Xuño, xullo e agosto están á volta da esquina. Coa chegada do verán, as bolboretas empezarán a sobrevoar os campos para abastecerse de alimento. Dende Galicia escóitanse boas noticias: as especies “comúns” de lepidópteros non se atopan en perigo de extinción a curto prazo. Non obstante, unha serie de factores impactan nas poboacións de bolboretas a nivel peninsular e europeo, mentres afectan a preservación da especie. En Galicia, o cambio climático e os incendios son os principais perigos da desaparición destes artrópodos.

“Hai un declive de moitas especies, mais outras están aumentando”, asegura Xosé Lois Rey-Muñiz, entomólogo especializado da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). En España hai 257 especies de bolboretas, das cales arredor de 160 teñen presenza en Galicia, sendo esta “unha cifra considerable”. Como explica o investigador, Galicia sitúase nunha esquina da península, que é onde primeiro se percibe a ausencia dunha especie. “Despois do borde non hai nada, polo que se ten que haber reforzos de poboación soamente poden chegar do centro”, aclara.

Publicidade

No Catálogo galego de especies ameazadas aparecen dúas clases de bolboretas e sete artrópodos, dos que tres son libélulas. Isto pon en manifesto a seguridade coa que viven en Galicia, aínda cos riscos existentes. Este catálogo limítase a incluir as especies que están no catálogo nacional e que contan con citas en Galicia.

As bolboretas en perigo

A influencia do home na natureza e os requisitos relacionados co hábitat son algúns dos factores que poñen en perigo esta especie. No contexto galego, algunhas das bolboretas máis afectadas por estes axentes son a Zerynthia rumina, a Aricia morronensis e a Parnasius apollo.

Publicidade

A Zerynthia rumina, coñecida popularmente como carnaval ibérico, é unha especie rara no territorio galego. Polas súas circunstancias científico-técnicas, deixa de voar en maio. Estas pódense ver principalmente en marzo e abril, unha característica pouco común nos lepidópteros. As persoas non adoitan saír ao campo neste período e por tanto non se ven, o que pon o pensamento na extinción. O seu hábitat require de temperaturas cálidas e da planta da que se alimenta, que non é común, pero tampouco rara. “Esta especie, a día de hoxe, non ten problemas nin se espera que os teña nun futuro”, confirma o especialista.

Aricia morronensis ou mouriña ibérica. Foto: Wikimedia Commons
Aricia morronensis ou mouriña ibérica. Foto: Wikimedia Commons

Por outro lado, a Aricia morronensis ou mouriña ibérica é un caso diferente. As poboacións distribúense por gran parte de Pontevedra, na costa e sur da provincia, e Ourense. Considérase unha especie pequena de montaña, polo que é máis susceptible a cambios climáticos, “e en Galicia, aos incendios”. As zonas onde hai citas desta especie son o Courel, os Ancares e Pena Trevinca, é dicir, “zonas que se non arden un ano, arden outro”. Como ten pequenas poboacións, se se incendiaunha das súas zonas, teñen que repoboala. Deste xeito, vaise mantendo a poboación. Esta especie ten un maior perigo de extinción, a pesar de non atoparse neste estado actualmente, a causa do cambio climático e dos incendios forestais. 

Outra cuestión é a da Parnassius apollo. Esta especie de apolo común só vive na zona dos Ancares. Hai citas neste lugar, mais hai tempo que non se ve. Está citada en dous ou tres sitios da mesma cordilleira montañosa, nun radio de dez quilómetros. É unha clase de bolboreta de alta montaña, que sobrevive á adaptacion ascendendo en altitude polas súas necesidades vitais. Non pode baixar desa zona, pois é olugar onde pode perdurar a especie.

Parnassius apollo ou apolo común. Foto: Wikimedia Commons
Parnassius apollo ou apolo común. Foto: Wikimedia Commons

Estes son exemplos da variedade de especies que se atopan en Galicia, e da variedade de hábitats coas que se convive no territorio galego.

Un contexto desfavorable

A pesar da escasa existencia de exemplares en perigo de extinción, algúns factores do contexto galego son desfavorables para a súa supervivencia. “A influencia do home no cambio climático está demostrada”, asegura o Rey-Muñiz. Existen cambios climáticos naturais, mais neste momento hai unha “clara influencia dos factores antrópicos“: os incendios por neglixencia e intencionalidade son un dos problemas máis relevantes para as bolboretas. Os requerimentos biolóxicos, como a temperatura e as plantas das que se alimentan, tamén son determinantes para a súa presenza en determinadas localizacións.

Outro impacto negativo cara ás poboacións de lepidópteros é o uso de biocidas. Cada vez máis estudos tratan a influencia destes, xa sexan herbicidas ou insecticidas. Os biocidas reducen o número de insectos, tanto en especie como en densidade de poboación. “Cada vez son menos os insectos que aparecen no parabrisas durante un traxecto Vigo-Madrid”, declara o entomólogo. Ademais, os insectos son alimento doutras especies, polo que a reducción do número destes podería desembocar nunha variación relevante da cadea trófica. “Os estudos sospeitan dun probable colpaso en maior ou menor tempo, a través destas sinais de alarma”, asegura.

Hai citas de especies que non se volven ver, son difíciles de identificar, moitas veces incluso para os especialistas. Nestes casos, débense realizar análisis xenitais para asegurar a súa orixe. “Esas especies que desapareceron ou se deixaron de ver tal vez foron posibles erros dos profesionais”, explica o investigador do SGHN. Mentres, outras bolboretas con poboacións de menor extensión son cada vez máis complicadas de ver.

Proxecto de futuro

A calidade dos campos, a diminución no uso de insecticidas e a conservación de prácticas naturais facilitarían a conservación da poboación de bolboretas. Os cambios no uso da agricultura produciron que as especies se adaptaran aos cambios no solo. Así, as bolboretas notan estas diferenzas: “Incluso uns centímetros no cambio do corte do céspede inflúen na presencia ou ausencia das especies, segundo un estudio de Gran Bretaña”, o país referente neste tipo de estudos entomolóxicos.

Porén, os científicos utilizan as bolboretas como bioindicadores dos ecosistemas, pois calquera cambio na súa conducta podería ser unha alerta. Segundo Xosé Lois, considéranse bioindicadores porque “detalles que se nos escapan do coñecemento ou da falta de medios de investigación, poden provocar a desaparición dunha especie”. Un exemplo é unha especie da familia Erebia que habita na Serra do Xurés dende hai 40 anos. Esta zona tivo tantos incendios que agora é un pedregal, polo que é complicada a repoboación deste exemplar. A súa ausencia neste territorio ourensán é un bioindicador do que aconteceu: unha sucesión de incendios e o arrasamento de coladas de terra polas chuvias. 

“Galicia é unha zona húmida, e baixo especulación, podería dicirse que a adaptación das bolboretas neste territorio probablemente sexa mellor que noutras localizacións”, apunta. Do sur de Ourense a Lugo hai unha notable diferenza climática, polo que, segundo os requisitos da especie, algunhas mudarán ao norte e outras ao sur. Con todo, se chegan á costa, unhas especies adaptaranse ao novo hábitat e outras desaparecerán.

A preservación futura destas bolboretas debe ser froito dun seguimento de 10 anos para contemplar a evolución das poboacións. Coa fin de poder establecer plans de protección débese ter información sobre as especies, “un problema que temos na península ibérica”, a pesar de recompilar cada vez máis datos de mellor calidade. Despois de informarse, o segundo paso sería a clave: tomar medidas fronte a posible desaparición das especies. Para recoller todos estes coñecementos entomolóxicos, a SGHN en colaboración con outras asociacións están ultimando un proxecto que leva en xogo 40 anos: o Atlas das bolboretas vivas de Galicia, que sairá a luz proximamente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

SOS pola gaivota de patas amarelas: “O seu declive é imparable”

Reclaman a súa declaración como especie en perigo de extinción en Galicia, onde desaparecen o 10% de parellas reprodutoras cada ano

A metade dos gases contaminantes da industria galega veñen da área da Coruña

A Coruña e Arteixo teñen catro das seis factorías que máis emisións sumaron en 2024, segundo datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica

A aguaneira, o indicador da calidade das augas a piques de desaparecer que tamén ameaza Altri

Considerado un gran biomarcador da limpeza dos ríos, este pequeno mamífero está na lista de potenciais afectados pola celulosa de Palas

Baroña e O Galiñeiro, exemplos de iniciativas sociais contra o cambio climático

Un proxecto pioneiro analiza iniciativas colectivas para facer fronte aos desafíos climáticos