O 18 de maio, con motivo do Día Internacional dos Museos, a entrada será gratuíta no Aquarium Finisterrae, Casa das Ciencias e Domus con aforamento limitado. Os Museos Científicos Coruñeses estarán abertos ao público xeral dende as 10:00 horas ata as 19:00 horas do sábado.
Máis polo miúdo, para visitar o Aquarium Finisterrae será imprencindible realizar unha reserva de entradas, que poderá realizarse a partir do mércores 15 de maio. Para facilitar o acceso ás persoas maiores de 65 anos, estas poderán acceder sen reserva. No que respecta á Domus, a entrada será libre e non precisará reserva previa. A visita ás salas de exposicións da Casa das Ciencias será libre, pero para asistir a unha sesión de Planetario haberá que reservar entradas, tamén a partir do 15 de maio.
Haberá as seguintes sesións:
- 11:30 h. Lévame á Lúa (+10 anos, galego)
- 13:00 h. Más allá del Sol (6-12 anos, castelán)
- 17:00 h. Hazelnuts, na procura do planeta perfecto (de 4 a 7 anos, galego)
- 18:00 h. Programa en directo sobre o ceo desta época do ano (+10 anos, cast/gal)
Axenda de actividades
A celebración deste Día Internacional non é a única actividade que ofertan os Museos Científicos Coruñeses. Os luns, mércores e venres, o público do Aquarium Finisterrae ten a oportunidade de ver como os traballadores alimentan os peixes de maior tamaño que viven na sala Nautilus. No horario das 11:30 horas e ata o 30 de xuño de 2024, os asistentes poderán ver esta actividade coa entrada ao Aquarium e sen custos adicionais.
Este museo, de feito, incorporou a comezos de ano unha nova actividade dirixida ás persoas que visitan o centro: os Monólogos do Aquarium. Trátase de charlas breves, duns 10 minutos, sobre a bioloxía e curiosidades dalgunhas das especies máis populares do museo, ofrecidas polo persoal de atención ao público. Esta actividade nace do interese mostrado polos visitantes por preguntar e afondar nunha gran diversidade de cuestións. Celébranse os sábados e domingos de 13:00 a 18:00 horas —agás o 18 de maio e 24 de xuño— ata o 30 de agosto de 2024.
Por outro lado, na Casa das Ciencias haberá dúas sesións gratis de planetario os últimos sábados de cada mes, é dicir, os días 25 de maio, 29 de xuño, 27 de xullo e 24 de agosto. Baixo o nome O ceo está máis preto do que pensas, a actividade ten entrada gratuita, mais é necesario retirar unha invitación na recepción do museo. Hai dúas sesións:
- 11:30 h. O ceo para informados. Sesión en directo para maiores de 14 anos, destinada a un público afeito a observar o ceo nocturno e con coñecementos previos, cunha Postal planetaria a cargo de Borja Tosar, astrofísico colaborador dos Museos Científicos Coruñeses.
- 13:00 h. O ceo do mes. Sesión en directo para maiores de 10 anos destinada a mostrar os detalles do ceo do mes entrante a público principiante.
Podes reservar as entradas do Aquarium Finisterrae para o Día Internacional dos Museos nesta ligazón.
Podes reservar as entradas da sesión de Planetario da Casa das Ciencias para o Día Internacional dos Museos nesta ligazón.